BNG e PSdeG avisan das "importantes irregularidades" detectadas por Contas nas contratacións da pandemia

O PPdeG di que mellorar a contabilidade e a transparencia é "unha das máximas" do Goberno polo que as suxestións son "benvidas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2024 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O BNG e o PSdeG coincidiron este martes ao alertar da "gravidade" das conclusións dos informes do Consello de Contas sobre a contratación do Servizo Galego de Saúde (Sergas) desde a Xunta, ao existir "importantes irregularidades". Na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Portavoces da Cámara galega, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, considerou "moi graves" as conclusións destes informes que mostran unha "opacidade na xestión dos recursos públicos" por parte do Goberno do PP para "tapar o que é unha drenaxe de recursos de todas e de todos" para o "beneficio dun puñado de empresas".

A parlamentaria do Bloque considerou que se trata de "un exemplo máis" do denunciado pola súa formación en distintas ocasións, motivo polo que impulsa unha comisión de investigación sobre os contratos de emerxencia realizados pola Xunta durante a pandemia da covid-19. "Porque o Partido Popular debe dar moitas explicacións sobre como goberna pero sobre todo para que goberna", manifestou.

Ademais, nun comunicado remitido aos medios, a deputada do BNG Montse Prado esixiu a comparecencia do novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para que dea explicacións aos galegos ante as críticas feitas polo órgano fiscalizador que, conforme apuntou, avisa de que "o orzamento do Sergas é un ecosistema perfecto para facer uso do diñeiro público sen render contas".

Prado lembrou que o Servizo Galego de Saúde representa o 40 % do orzamento da Xunta e lamentou que se ratifiquen as críticas da súa formación sobre a "falta de transparencia, o abuso dos contratos menores ou a derivación de diñeiro á sanidade privada". "O Goberno do PP persiste na opacidade, na falta de transparencia e información e, por tanto, non permite que se coñeza cal é a situación económica e financeira real do Sergas", denunciou Prado, que avisou tamén do "aumento das listas de espera e a redución das consultas presenciais".

"DEFICIENCIAS E IRREGULARIDADES"

Tamén este martes, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Elena Espinosa, sostivo que os catro informes publicados polo Consello de Contas poñen de manifesto "importantes deficiencias e irregularidades" nas contas públicas, tanto da Xunta como do Sergas e da administración paralela autonómica. "Parécenos gravísimo, non ten outro cualificativo que de auténtica gravidade", manifestou a socialista, que asegurou que terán que ler os documentos "ao detalle" para presentar iniciativas parlamentarias para esixir "transparencia".

Elena Espinosa dixo que, entre outras cuestións, destes documentos despréndese que hai "contas sobredimensionadas, facturas metidas nos caixóns, gastos que están infrafinanciados no Sergas, contratación caótica e irregular". Tamén advertiu de que se indica que o Servizo Galego de Sáude "non remite toda a documentación" para que se poida fiscalizar, que hai unha "falta de control" da administración paralela e que hai unha baixa execución dos fondos europeos, que se sitúa no "39 % en 2022". Ademais, alertou tamén dun "incremento alarmante de reparos de intervención".

En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, asegurou que "sempre son benvidas" as suxestións que fai o Consello de Contas para mellorar a contabilidade e transparencia que, segundo indicou, "é unha das máximas de goberno de Alfonso Rueda". "Por tanto, tomámolo como o que son, consellos para mellorar a administración pública galega". "A partir de aí, deslizar certas acusacións... pois me parece que cos informes o que hai que facer é lelos completos e tentar non esparcir bulos", sostivo para cualificar de "escandaloso" que o BNG fale dunha "drenaxe" de recursos a "empresas amigas do PP".

Olalla Rodil, viceportavoz do BNG no Parlamento de Galicia
Olalla Rodil, viceportavoz do BNG no Parlamento de Galicia | Fonte: BNG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta