Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/05/2024 | Actualizada ás 15:31
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, instou a "corrixir erros" nun pacto polo galego con implicación de "todos", na sesión extraordinaria celebrada pola institución académica con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á escritora coruñesa Luísa Villalta.
Foi nun acto celebrado no Teatro Rosalía da Coruña con presenza de académicos e autoridades, entre elas a do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, José López, que expuxo no Parlamento galego un pacto nesta materia. Freixanes apoiou a iniciativa, aínda que tamén apelou a facer "crítica" e "autocrítica". "Corenta e uns anos despois da Lei de Normalización Lingüística e 20 anos despois do Plan de Normalización, que só parcialmente chegou a executarse, debemos afrontar a realidade do idioma".
"Pensando no seu futuro, no seu proxecto, máis aló das nosas fronteiras, na súa utilidade, no seu uso, con especial atención ás xeracións do futuro", insistiu. Para iso, considerou necesario "sentar a falar" de face a deseñar "un novo horizonte que corrixa erros e abra esperanzas".
CESIÓNS
"E quizais todos ceder algo", expuxo tamén ao considerar que deben escoitarse "todas as voces, sen excluír a ninguén". E é que, a pesar dos "pasos xigantescos" dados, insistiu na necesidade de abordar cambios para facer fronte á transformación rural, a mobilidade social, así como os hábitos de consumo das novas xeracións.
"Temos problemas na transmisión familiar, problemas de socialización, non de prestixio, si de uso", recalcou Freixanes, quen advertido de que "sería triste deixarse levar a unha situación litúrxica onde o galego se recoñece en grandes cerimonias e na práctica estar expulsado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.