Adrián Vázquez, o ex líder de Cs que Feijóo quere facer pasar por "galego" nas Eleccións Europeas

Vai de número 10 nas listas do PP ao Parlamento Europeo baixo o selo territorial de "Galicia". Con todo, non é unha persoa proposta desde o PPdeG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Adrián Vázquez Lázara é unha das grandes apostas de Feijóo para as Eleccións Europeas do vindeiro 9 de xuño. A dirección do PP sitúa a este político de 42 anos no número dez dunha candidatura de 61 nomes que fecha, como independente, o literato Fernando Savater. Unha lista na que figura, ademais, como procedente de Galicia.

O exsecretario xeral de Ciudadanos, Adrián Vázquez
O exsecretario xeral de Ciudadanos, Adrián Vázquez | Fonte: CIUDADANOS - Arquivo

Pero, quen é esta nova promesa política de Feijóo?. Vázquez non é novo na política española. Actualmente é eurodeputado, pero por Ciudadanos, e está encadrado dentro do grupo parlamentario Renovar Europa, o mesmo no que está a formación de Macron. En xaneiro de 2023 converteuse en secretario xeral de Cs tras gañar as primarias fronte a Edmundo Bal, formación que abandonou en marzo de 2024 Cs para aceptar a oferta de Feijoo de unirse como independente ás listas do PP para as eleccións europeas.

Nado o 5 de maio de 1982 en Madrid, Vázquez irá a Bruxelas dentro da "cota galega". Así figura na lista oficial distribuída polo Partido Popular. Pero, que se saiba, a única vinculación con Galicia é que o seu pai é de Lalín e a súa nai de Silleda e que na primeira localidade ten unha casa familiar á que acude de cando en vez. Por iso, a súa presenza en lugares destacados da lista sorprendeu no PP de Galicia. Unha sorpresa que ven dada porque Feijóo colocou a este ex líder de Ciudadanos como representante de Galicia sen consultar á dirección do partido en Santiago.

O "ATERRADO" DE CIUDADANOS

De feito, o propio presidente galego e líder do PPdeG non o coñece persoalmente.  Este "aterrado" do partido laranxa foi un estreito colaborador de Albert Rivera desde o 2015. Nas Eleccións Europeas de 2019 foi elixido como número oito na lista de Ciudadanos para as eleccións ao Parlamento Europeo e desde setembro de 2022 foi portavoz da Delegación de Cs neste partido ata que foi fichado por Feijóo en marzo deste ano.

Con todo, e a pesar de que este político "ex laranxa" vaia na "cota galega" de Feijóo, o certo é que repetirá na candidatura do PP en Europa o veterano eurodeputado pontevedrés Francisco Millán Mon, este si, con etiqueta 100% galega. Vai de número oito, só dous postos por riba de Adrián Vázquez que está chamado a ser un dos futuros muñidores do PP en Bruxelas. 

CAMPAÑA EN GALICIA

A diferencia das pasadas eleccións galegas, a cita coas Europeas non vai supor mobilizacións masivas por parte do PPdeG. Haberá actos e mítines pero non serán, nin de lonxe, como os da campaña do 25F.  O presidente da Xunta e líder do PPdeG participará en actos electorais en todas as provincias galegas xunto con distintos dirixentes e candidatos como Millán Mon. Fontes consultadas da dirección do PP indican que tamén haberá unha presenza activa de Adrián Vázquez na campaña en Galicia.

A que si está prevista é a visita a Galicia do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que participará na romaría que o PPdeG celebrará no Pino o próximo día 1 de xuño. Un acto que pretende ser o principal evento electoral destas europeas en territorio galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Un cunero máis, dentro da longa tradición pepeira de "señoritos de caldo á merenda". Mais este señorito é un tránsfuga que provén dun partido antigalego. Habichuela/Frijolito fai o que sempre fixo: traizoar o pobo, e traizoar a cultura, de Galicia.