Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2024 | Actualizada ás 18:43
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, dirixiu unha pregunta parlamentaria ao Goberno sobre as actuacións que realiza no viaduto da A-6 en Tremor, pedindo "axilidade" e solicitando ademais a súa "implicación" para finalizar o viaduto do Castro.
Así, pediu un "proxecto integral" de reparación da A-6 en Lugo ante os "graves problemas" de seguridade viaria. A este respecto, lembrou que tras o colapso do viaduto da A-6 no Castro, os nacionalistas reclamaron unha auditoría de todas as infraestruturas desta autovía e, especialmente, dos viadutos co mesmo proceso construtivo.
Neste sentido, remarcan que conseguiron o "compromiso" do Executivo estatal e desenvolvéronse actuacións na A-52, nos viadutos de Allariz e A Valenzá, e no viaduto de Tremor da A-6.
"O Ministerio de Transportes anunciou que empezaban as actuacións no viaduto de Tremor porque detectaron corrosión e, co precedente existente, o lóxico é que haxa unha actuación inmediata", insisten.
En canto ao viaduto do Castro da A-6, en sentido A Coruña, Rego instou a finalizar as obras e a pór en funcionamento a vía. "O Goberno ten que desenvolver un proxecto integral de reparación desta autovía, da A-6, ante as numerosas protestas en Galicia, especialmente en Lugo polo estado do firme nesa vía", afirmou Rego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.