9X- O PP erixe Galicia como exemplo do proxecto do PP para Europa

A loita contra a violencia machista e a discriminación salarial, entre as prioridades do escano galego na UE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2024 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata da formación ás eleccións europeas, Ana Miranda, pediron a mobilización o próximo 9 de xuño das mulleres, ás que instaron a coller masivamente a papeleta do Bloque para contar cunha voz firme en Europa en defensa da igualdade real e o feminismo. Nun acto con mulleres desenvolvido baixo o lema 'Nin un paso atrás. Feminismo para avanzar', Pontón pediu a confianza das galegas para defender "unha Europa feminista e de igualdade real", unha Europa, recalcou, na que as mulleres teñan dereito a decidir sobre o seu propio corpo.

"Pídolles que confíen no BNG para combater o negacionismo, ese que nos grita feminazis única e exclusivamente por dicir que nesta sociedade hai violencia contra as mulleres", engadiu para reafirmar a posición nacionalista fronte a "esa caverna" e en favor dunha Europa feminista na que as mulleres poidan ser "libres e iguais". Nunha cita electoral na que "Galicia se xoga moito", a líder nacionalista puxo o foco no moito que tamén se xogan as mulleres nun momento no que os seus dereitos, a igualdade e a loita feminista "están a ser cuestionadas polo avance da dereita e por un PP cada vez máis ultra".

Neste sentido, sostivo que Alberto Núñez Feijóo foi "precursor" en Galicia das políticas que despois levaron adiante as coalicións do PP coa extrema dereita por todo o Estado, cando a súa chegada á Presidencia da Xunta en 2009 puxo en marcha unha "axenda antifeminista", "suprimindo o Servizo Galego de Igualdade e puntos de información ás mulleres, apoiando unha Rede Nai antiabortista con fondos públicos ou recortando as axudas ás vítimas de violencia machista".

Pontón advertiu da igualdade "regresión" que vive Europa, tal e como demostra a recente aprobación da primeira lei comunitaria contra a violencia machista, un avance lexislativo positivo que, con todo e dunha forma "vergoñosa", non recoñece un delito tan grave como a violación. "Europa tardou décadas en aprobar unha lei contra esta violencia que mata, golpea e humilla cada día a miles de persoas e nin tan sequera foi capaz de recoñecer o delito de violación pola imposibilidade de chegar a un acordo sobre a definición do consentimento, o que deixa moi claro o que está a pasar tamén na UE", profundou para reafirmar o compromiso do BNG co "só si é si" tamén nas institucións comunitarias.

LOITA CONTRA A DISCRIMINACIÓN SALARIAL

Outra das cuestións nas que traballará o escano galego en Bruxelas apuntadas pola portavoz nacional é a loita contra a discriminación salarial dado que o principio de "a igual traballo, igual salario" segue sen cumprirse no ámbito do traballo, onde as mulleres están peor remuneradas, sofren unha maior precariedade e unha brecha salarial polo simple feito de ser mulleres. "Está ben ter mulleres dirixindo grandes empresas, pero moito mellor é que as traballadoras deste país teñan salarios e condicións laborais dignas", sinalou.

Por último, Pontón tamén sinalou o dereito a decidir sobre o propio corpo como unha prioridade do traballo do BNG nun momento no que, dentro da "civilizada Europa e en pleno século XXI, aínda hai países nos que as mulleres non teñen garantido o dereito a un aborto libre, gratuíto e seguro, ou cando estados como Italia négalles o dereito a decidir sobre a maternidade tras a chegada da extrema dereita ao poder".

"Combater a violencia machista, a discriminación salarial, avanzar en políticas de igualdade e de conciliación ou o dereito a decidir sobre o noso corpo son algunhas das cuestións que imos seguir defendendo con uñas e dentes, porque o feminismo fai avanzar ao conxunto da sociedade e non imos permitir nin un só paso atrás", concluíu.

Na mesma liña, Miranda lembrou que xa en 2003 o BNG subscribiu un manifesto do feminismo galego no que se reclamaba unha "Europa comprometida coa eliminación das desigualdades de homes e mulleres" e "unha Europa de todas con dereitos recoñecidos en igualdade", así como o dereito das mulleres a decidir sobre as políticas europeas. "Estamos en 2024 e hai moitas cuestións que aínda non foron resoltas", afirmou para advertir de que, a pesar dos avances, aínda queda moito camiño por percorrer en materia de igualdade.

Neste sentido, destacou o traballo desenvolvido polo BNG ao longo dos últimos anos en defensa dos dereitos das mulleres e das políticas feministas, exemplificando na Directiva de Violencia de Xénero (aínda que como tamén destacou Pontón a extrema dereita impedise a incorporación do delito de violación) ou a lexislación que se promove para que o aborto sexa un dereito fundamental en Europa. Fronte a esa "extrema dereita que nega o feminismo, a igualdade e os dereitos das mulleres", Miranda animou a elixir a papeleta nacionalista o próximo 9 de xuño porque "un voto do BNG é un voto a favor da igualdade e o feminismo e en contra ed esa dereita machista e patriarcal".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata Ana Miranda, presentan o programa electoral para os comicios europeos
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata Ana Miranda, presentan o programa electoral para os comicios europeos | Fonte: BNG - Arquivo

DOLORS MONTSERRAT 

A cabeza de lista do Partido Popular ao Parlamento Europeo, Dolors Montserrat, erixiu a Galicia en exemplo do proxecto do PP para Europa e asegurou que, cando se goberna desde o rigor, "os cidadáns gañan".

A dirixente do PP participou este xoves nun comida mitin en Ponteareas, onde se comprometeu a defender a Galicia en Europa pondo o valor o modelo que encabeza o presidente da Xunta, Alfonso Rueda: "Fronte ao ruído, a crispación e a irresponsabilidade do Goberno de Sánchez, os galegos teñen a sorte de ter un presidente como Rueda, que non goberna desde o sectarismo e faino desde a moderación", afirmou.

"Cando se goberna desde a sensatez, o rigor, a centralidade e a responsabilidade, os cidadáns gañan", incidiu para reiterar o seu compromiso de escoitar a todos os sectores -como a agricultura, a gandaría e a pesca- "abandonados polo Goberno de España e criminalizados pola candidata de Sánchez".

Neste sentido, preguntouse como vai defender Teresa Ribera a España rural en Europa cando foi "incapaz de defendela en España" e subliñou que "ante cada ataque do PSOE, haberá unha resposta do Partido Popular en Europa". Así, apuntou que, fronte ao PSOE, que considera "o maior inimigo do campo", o PP será o mellor aliado da Galicia rural en Europa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta