9X- O BNG promete impulsar en Europa o AVE Vigo-O Porto e o dinamismo da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Ana Pontón tamén incidiu na importancia de optimizar a rede de portos e aeroportos, para que este territorio poida ser unha "plataforma loxística que sirva de ponte cara a Latinoamérica".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 31/05/2024 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

O BNG trasladou este venres desde Tui o seu compromiso de impulsar desde o Parlamento Europeo as infraestruturas e comunicacións na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, en especial do AVE entre Vigo e O Porto. Así o manifestaron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, nun acto na localidade fronteiriza, no que puxeron en valor a importancia desta eurorrexión, unha das máis importantes da UE pola súa poboación (uns 6 millóns de habitantes).

Ana Pontón subliñou que o impulso deste territorio transfronteirizo "para xerar máis dinamismo económico e social" será unha das prioridades do "escano galego" en Bruxelas fronte ao centralismo de Madrid, e destacou os intereses comúns de Galicia e o Norte de Portugal, con miles de traballadores que cada día cruzan a fronteira e que "deben ter garantidos os seus dereitos".

Precisamente por iso, explicou que as infraestruturas e comunicacións serán un dos principais obxectivos do BNG e proclamou a necesidade de ter o AVE Vigo-O Porto "canto antes", unha conexión por transporte público "rápida e sustentable" entre Galicia e Portugal, fronte á actual conexión ferroviaria que tarda dúas horas e media nun percorrido que, por estrada, faise en 90 minutos, e con frecuencias "totalmente incompatibles coa xornada laboral".

Pontón tamén avogou por mellorar as conexións da eurorrexión co resto de Europa, avanzando na rede europea de transporte de mercadorías e dando prioridade aos investimentos no corredor ferroviario atlántico de pasaxeiros. Igualmente, incidiu na importancia de optimizar a rede de portos e aeroportos, para que este territorio poida ser unha "plataforma loxística que sirva de ponte cara a Latinoamérica".

Tras referirse a a necesidade de impulsar tamén o intercambio de coñecementos entre universidades e centros de investigación, a líder do BNG convidou aos galegos a acudir ás urnas o 9 de xuño coa papeleta que encabeza Ana Miranda, a do "equipo de casa". "Estas eleccións non van nin de Feijóo nin de Sánchez, nin de que nos impoñan as súas leas e a crispación madrileña", insistiu, e engadiu que a cita do 9X vai "de galegos e galegas" e dos seus sectores produtivos, de infraestruturas, de reforzar servizos públicos, ou "de dar un futuro á xente nova" en Galicia para que non teña que "emigrar por falta de oportunidades".

PRIORIZAR A COOPERACIÓN LOCAL

Pola súa banda, a candidata reclamou que os fondos de cohesión da UE vaian a "onde realmente son eficaces", que é nos proxectos que se desenvolven a nivel local, coa implicación de actores públicos e privados. Ana Miranda lamentou que aínda existen "moitas barreiras" nos territorios transfronteirizos, expuxo, entre outras propostas, priorizar as convocatorias de fondos de cooperación dirixidos precisamente á cooperación de proximidade e incrementar o financiamento dos programas Interreg.

Igualmente, defendeu a creación dun estatuto da cidadanía transfronteiriza, que ademais dos traballadores inclúa ao resto de persoas que viven e traballan a ambos os dous lados da fronteira, de maneira que se faciliten os movementos da vida cotiá, os intercambios de estudantes ou a asistencia sanitaria. No caso concreto do tramo internacional do río Miño, avogou por crear unha autoridade gobernamental conxunta para que poidan tomarse decisións de protección e mellora ambiental, agora dificultadas polo seu carácter transfronteirizo.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata ás europeas, Ana Miranda, nun acto en Tui, no marco da campaña das eleccións do 9 de xuño de 2024
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata ás europeas, Ana Miranda, nun acto en Tui, no marco da campaña das eleccións do 9 de xuño de 2024 | Fonte: ADRIAN IRAGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta