Coñece a historia da paleontoloxía da man de Aurora Grandal: "Os fósiles xa fascinaban fai milleiros de anos"

Dos empregados na Antigüidade para decoración ata os estudados nos comezos da paleontoloxía por Da Vinci, Gessner, Stensen, Cuvier ou Darwin.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 17/06/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os fósiles son algo que apaixoa a case todo o mundo. O misterio que os envolve, o poder coñecer a partir deles como eran as cousas no pasado, o atopar indicios dos nosos ancestros... Son cousas que espertan a curiosidade das persoas, non só dos investigadores. Tanto é así que as novas que falan de achados fósiles adoitan facerse virais e ser das máis comentadas. Pero, cando comezou a falarse de fósiles como tal? Cando se empezaron a descubrir estes restos arqueolóxicos? Hoxe, da man da paleontóloga e investigadora da Universidade da Coruña (UDC) Aurora Grandal, participante no V Ciclo Aida Fernández Ríos organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), explicámosche a evolución histórica do estudo dos fósiles.

Restos dos fósiles incrustrados na pedra achados por Díaz Aira
Restos dos fósiles incrustrados na pedra achados por Díaz Aira | Fonte: COURELEANDO - Arquivo

Comezando polo principio, o primeiro é saber que se entende por fósil. Literalmente o termo, de orixe latina, significa 'o que está enterrado e se atopa escavando'. E aínda que polo xeral ao falar de fósil facemos referencia a organismos, tamén poden ser restos ou sinais da súa actividade, cousas que fixeron ou cousas que nos indican que no seu día alí houbo un organismo vivo que xa non o está, porque está integrado nos sedimentos, dando o paso da estratosfera á xeosfera. Tal e como explica Grandal, isto pode acontecer nun medio mariño ou nun continental.

No medio mariño, "cando o animal morre, ou ben se destrúe, que é o máis habitual, ou ben queda cuberto por sedimentos, endurécese, litifica e queda aí preservado de maneira que cando eses fondos mariños se elevan por procesos tectónicos e saen á superficie é cando poden quedar os fósiles ao descuberto". Hai que ter en conta que o que no seu día foron fondos mariños agora xa non teñen por que selo, de feito atópanse fósiles de organismos mariños no alto das montañas. Por outra banda, no medio continental é máis complicado que perduren os fósiles, pois "ten que acontecer que o animal quede enterrado, pero nunha conca sedimentaria, nun lago ou nunha zona profunda que logo poida encherse con sedimentos moi rápido, quedando co paso dos anos ao descuberto pola erosión ou a tectónica de placas".

E quen comezou estudando os fósiles? E algo que leva moito tempo facéndose? Pois Grandal asegura que "dende a antigüidade máis remota os humanos xa tiñan certo interese polos fósiles". De feito, en obxectos prehistóricos como bifaces ou núcleos de sílex de fai entre un millón e medio millón de anos xa aparecían fósiles, como se os respectasen á hora de facer a ferramenta porque lles gustaban. Ademais, tamén apareceron adornos feitos con fósiles, como con ourizos de mar, e mesmo tumbas, como a de Dunstable Downs, na que se observou o corpo dunha muller cun neno pequeno totalmente rodeado de ourizos fósiles. 

ARISTÓTELES DICÍA QUE HABÍA PEIXES INMÓBILES QUE VIVÍAN DENTRO DA TERRA

Fósiles mariños localizados no Courel
Fósiles mariños localizados no Courel | Fonte: Guillermo Díaz Aira - Arquivo

Con todo, cando falamos xa do estudo dos fósiles como ciencia, este tardou en desenvolverse. Grandal explica que "os primeiros científicos da Grecia clásica sabían que había algo, víranos, pero tampouco sabían ben que era o que había". Así, Aristóteles dicía que había peixes que vivían dentro da terra, pero inmóbiles. Por descoñecemento do que verdadeiramente eran os fósiles, foron aparecendo mitos populares de todo tipo. Por exemplo, os amonites, un tipo de cefalópodos, foron moi abundantes, e considerábanse pedras serpes, como se fosen serpes que quedaran petrificadas, dándolle ás veces unha atribución sagrada, como a Santa Hilda, que convertira en pedra as serpes obrando un milagro.

Tamén aconteceu algo semellante coas pedras estreladas ou pietra estregonia, que se consideraba cousa de bruxas, aínda que non era máis que un coral fósil. E tamén acontecía cos cráneos atopados de oso cavernario, un animal grande e voluminoso, que durante a Idade Media foron identificados como cráneos de dragón. Outro bo exemplo é un mito do centro de Italia que conta a lenda do demo danzante: dicíase que as mozas que ían polo campo atopábanse cun mozo moi guapo que lles comezaba a bailar e que, en realidade, aquel mozo era o demo e ao danzar deixaba as pegadas das súas pezuñas no chan. Esas pegadas que fosilizaron eran en realidade bivalvos que, a medida que a rocha se foi erosionando, deixaron as súas dúas valvas ben diferenciadas. "A xente ao ver cousas así buscaba unha explicación máxica ou relixiosa, dicían que era algo milagroso ou o demo, o que fose", conclúe Grandal.

DA VINCI CONCLUÍU QUE AS ROCHAS QUE SE ATOPABAN NAS MONTAÑAS FORMARAN NO SEU DÍA PARTE DUN FONDO MARIÑO

Para falar de aproximacións científicas propiamente ditas, hai que adiantarse ata os séculos do Renacemento, aínda que xa no século XIII un monxe da Toscana, Ristoro de Arezzo, escribiu 'Composizione do mondo' falando das capas da terra e propoñendo a idea diluvista: "Para el que houbese fósiles no alto das montañas era a proba de que existira un diluvio universal que, ao enchelo todo de auga, transportara cunchas mariñas ata as montañas e deixáraas alí", explica a paleontóloga. Máis tarde, Leonardo Da Vinci (1452-1519) estudou esas cunchas que se atopaban nas montañas e "aplicou algo moi científico: buscou a orientación que adquiriran as cunchas, descubrindo que non estaban orientadas, polo que non puideran ser transportadas pola auga, de xeito que concluíu que no seu día aquelas rochas foran parte dun fondo mariño". Con todo, non explicou como era posible que agora estivera no fondo das montañas.

Dende esa, pouco a pouco ían aparecendo máis fósiles. E, como apunta Grandal, durante o Renacemento, "unha das explicacións que se deu sobre a súa existencia era que a natureza e as rochas tiñan capacidade plástica, vis plástica, é dicir, a capacidade de copiar obxectos presentes na natureza en pedra, do mesmo xeito que tamén hai minerais que adquiren formas xeométricas moi concretas pensaban que dentro das rochas tamén poderían formarse pedras cristalizadas en forma de cangrexo, ovo de serpe... porque a natureza podería reproducir formas de animais vivos nunha especie de mineralización que crecese dentro da rocha". A idea perdurou durante un tempo e, por exemplo, Conrad Gessner escribiu un libro sobre todos os tipos de obxectos enterrados, entre os que aparecían xemas, dentes de tiburón... Con anterioridade xa escribira unha enciclopedia moi completa e ilustrada na que describía todos os seres vivos que existían segundo o seu coñecemento, onde había animais moi raros.

STENSEN DESCUBRE O PROCESO DE FORMACIÓN DE ROCHAS SEDIMENTARIAS E A LEI DE SUPERPOSICIÓN DOS ESTRATOS

Naquela época era moi difícil que eses libros os lera un investigador de Inglaterra ou Italia e, moito menos, que os lera a xente do común. Por iso, arredor de fósiles que xa foran descritos por Conrad Gessner, seguían aparecendo historias noutras partes do mundo. Grandal conta o caso das glossopetras, sobre as que había a historia de que San Pedro estivera predicando en Malta e lanzara a bendición de petrificar a todas as serpes, polo que se se picaba nas pedras da illa, irían atopándose as linguas petrificadas das serpes. En verdade, esas linguas eran as glossopetras, e xa estaban no libro de Gessner, pero "a xente do común non o sabía". 

Máis adiante, no século XVII, apareceu a figura de Niels Stensen, un médico danés que se adicaba á anatomía e ía por moitas universidades europeas ensinando sobre esta ciencia. Rematou por interesarse pola disección como unha forma mellor de estudar a anatomía e ía a teatros onde facía diseccións en directos e a xente asistía a velo. Acadou tal recoñecemento que o convidaron a ir á corte do duque Fernando a Florencia para seguir facendo alí os seus estudos e, un día, trouxéronlle unha cabeza de tiburón xigante atopada no Mediterráneo para que fixese a súa disección. Mentres a estudaba volveu fixarse nos dentes do tiburón e, partindo de todo o que lera e dos seus coñecementos profesionais, acabou por concluír que eses dentes eran glossopetras. Entón, como era posible que houbese dentes de tiburón crecendo dentro dunha rocha? Como un sólido podía formarse dentro doutro sólido? Chegou á conclusión de que acontecía porque o dente se lle caera ao tiburón e, cando se depositou na rocha, serían sedimentos mariños, así que descubriu o proceso de formación das rochas sedimentarias e, posteriormente, a lei de superposición dos estratos.

DARWIN ASEGURABA QUE AS FORMAS TRANSACIONAIS HABÍA QUE BUSCALAS

Despois de Esteno os traballos foron adiantándose máis, e cómpre destacar a Georges Cuvier, que estudaba fósiles de vertebrados nos séculos XVIII e XIX e fixo o principio de correlación de órganos. Traballaba baixo a protección de Napoleón e deuse conta de que entre os fósiles que se atopaban había especies distintas ás que existían, é dicir, que nalgún momento da historia da Terra houbera grandes catástrofes e moitos grupos de animais se extinguiran nelas. Como por aquel entón xa se falaba da posibilidade da evolución, fixo un experimento científico do que concluíu que non existía tal evolución. Era un tempo no que había verdadeiro furor por coleccionar momias, así que leváranlle moitas momias de ibis, un paxaro sagrado en Exipto, para comparar a súa anatomía coa dos ibis actuais. Tras analizalos, observou que o seu ADN non cambiara nada, polo que concluíu que a evolución non existía. Pero non tiña en conta que entre eses ibis había só uns miles de anos de diferenza, tempo insufiente para que se producise evolución.

Xa no século XIX apareceu Charles Darwin e, tal e como apunta a paleontóloga, aínda que sempre se lle recorda por 'A orixe das especies', en realidade durante a súa viaxe ás Galápagos tamén fixo escavacións paleontolóxicas en Sudamérica, descubrindo moitos mamíferos sudamericanos xa extintos e diferentes aos de norteamérica e Europa, tendo en conta que durante moito tempo sudamérica foi unha illa separada. Pero Darwin non publicou estes resultados, que lle pasaba ao famoso paleontólogo Sir Richard Owen, que foi o que finalmente publicaría a obra. Pero mesmo en 'A orixe das especies', Darwin escribía que no lugar no que deberían existir formas transacionais entre uns grupos e outros, se non se atopaban, era porque non se estaban buscando. Un par de anos despois xusto descubriu a Archaeopteryx, o exemplar perfecto para amosar esa transición entre dinosaurio e ave, con rasgos de reptil pero tamén inequivocamente de ave, estando en fase transicional. A partir de aí, como apunta Grandal, "investigadores e naturalistas lanzáronse ás coleccións dos museos baixo o prisma da evolución e comezaron a atopar todas as formas transicionais que estaban buscando dende había tanto tempo". Tíñanas diante e non o sabían.

DA FRUCTÍFERA GUERRA DOS ÓSOS ÁS RETICENCIAS PARA ESTUDAR RESTOS HUMANOS ANTIGOS

Máis adiante, entre os anos 1870 e 1890, cos fósiles de moda, sendo un auténtico furor o saír a descubrir fósiles e dinosaurios, xurdiu a guerra dos ósos, entre Marsh e Cope. Ambos eran dous homes aficcionados aos fósiles e moi ricos, que tiñan canteiras e minas, nun momento no que se estaba levando a cabo a expansión do ferrocarril, a febre do ouro, a conquista do oeste... Ambos remataron inmersos nunha guerra para ver quen era o mellor paleontólogo e quen daba descuberto máis fósiles. A loita entre eles foi tal que mesmo se poñían trampas, dinamitaban as canteiras do rival... "Foi salvaxe", asegura Grandal, que precisa que "case todos os dinosaurios máis coñecidos hoxe en día os descubriron eles, entre os dous: en 30 anos descubriron máis de 150 especies de dinosaurios".

Os humanos fósiles, pola súa banda, comezaron a atoparse a comezos e mediados do século XIX. Como afirma a paleontóloga, "foi algo moi chamativo e non moi aceptado por case ninguén". "Dos primeiros neandertais descubertos díxose de todo: que era un home deformado, que sufrira algunha enfermidade, fixéronse reconstrucións como se se tratase dun monstro peludo...", explica. Pero en 1924 foi cando se atopou dentro da linaxe humana o fósil máis antigo de todos: o Australopithecus africanus. "Como tiña o cráneo moi pequeno foi moi controvertido determinar se era humano ou non, houbo que vencer bastantes reticencias para poder estudar a linaxe humana a partir deses fósiles e que algúns investigadores e o público xeral os admitisen como auténticos", conclúe Grandal.

Fósil con trilobites
Fósil con trilobites | Fonte: EP - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta