Rueda, Ursula von de Leyen e unha Eurocamara apoiada pola ultradereita

O presidente galego insiste en que a líder da ultradereita italina, Georgia Meloni, "é diferente" a outras ultradereitas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2024 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

A visita da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen segue dando que falar. A política estivo en Galicia a pasada fin de semana no mitin central do PP das Eleccións Europeas e mantivo encontros co líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, e co presidente galego, Alfonso Rueda.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en rolda de prensa.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en rolda de prensa.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Preguntado este xoves sobre o achegamento e un posible pacto do PP europeo coa extrema dereita da primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, o presidente galego apelou a "ver o que pasa" nas eleccións deste domingo. "Non sei os apoios que vai necesitar Von der Leyen para revalidar á fronte da Comisión", dixo ao tempo que rexeitou que "todos os partidos que se cualifican como ultradereita sexan iguais".

Para apoiar esta postura, reiterou que a cabeza de lista do PSOE para as europeas e vicepresidenta terceira do Goberno, Teresa Ribera, dixo que o partido de Meloni "era algo diferente" a outras formacións de extrema dereita en Europa.

COMISARIO DE PESCA

Por outra banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, suxeriu que se von der Leyen é reelexida o seu novo comisario de Pesca será galego, español ou, "se non pode ser, do sur de Europa". A pesca, tal e como explicou Rueda durante a súa comparecencia posterior á reunión semanal do Goberno galego, foi un dos principais temas a abordar e a presidenta "dixo ser coñecedora da potencia" de Galicia no sector, dos "problemas que xurdiron nos últimos meses" con decisións adoptadas a nivel europeo, así como da "opinión" que lle merecían á Xunta.

"(A presidenta) sabía a nosa postura sobre as decisións do comisario de Pesca", o lituano Virginijus Sinkevicius, asegurou Rueda, quen ademais celebrou o anuncio que a propia Von der Leyen fixo despois, no acto no Pino, de que, se é elixida para un próximo mandato, o responsable de Pesca se dedique unicamente a este sector.

QUE SEXA "COHERENTE" COA AMNISTÍA

Tamén en clave de política comunitaria, o titular da Xunta confía en que a presidenta da Comisión "sexa coherente" e se opoña á lei de amnistía. Precisamente, Von der Leyen deslizou o sábado no Pino que "actuará" se se pon en risco o Estado de Dereito, aínda que non mencionou expresamente esta medida que beneficia aos dirixentes do 'procés'.

Neste sentido,  Rueda tamén confía en "calquera formulación" que faga o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, con respecto a unha eventual moción de censura contra o Goberno de Pedro Sánchez, pero recalcou que "a mellor censura" é que o PP teña "un magnífico resultado" nas eleccións europeas deste domingo, 9 de xuño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta