Grupo Lence duplica os beneficios en cinco anos e factura 260 millóns en 2023

Incrementa a súa facturación un 24,7% nun anos, mentres que o seu beneficio bruto sobe un 62%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2024 | Actualizada ás 11:12

Comparte esta noticia

Grupo Lence facturou 260 millóns de euros en 2023, o que supón un 24,7% máis que un ano antes, mentres que o seu beneficio bruto de explotación (Ebitda) subiu un 62,1%, ata 15,5 millóns de euros.

Así se desprende dos datos presentados este luns pola compañía dedicada á alimentación, que comercializa lácteos a través de varias marcas propias, como Leyma e Río de Galicia. Estes ingresos supoñen duplicar a cifra rexistrada fai cinco anos, cando a firma contabilizou unha facturación de 130 millóns de euros, momento no que a conselleira delegada do grupo, Carmen Lence, accedeu ao seu cargo actual.

Segundo a compañía, este crecemento estivo baseado na optimización da carteira de clientes, sumando tanto a nivel nacional como galego; nun mix competitivo de produtos, e na aposta pola innovación para ofrecer produtos de valor engadido ao mercado.

"Non sería posible pechar o exercicio con estas cifras sen un equipo comprometido como o que temos, que traballa con paixón para alcanzar os ambiciosos obxectivos que nos marcamos, como o de dobrar a facturación nun lustro", reivindicou Carmen Lence. Así, apuntou cara á dixitalización dos procesos da compañía para optimizar os custos e ser máis eficientes. "Isto, unido a un mix de produto que segue as necesidades do mercado, permitiunos experimentar un crecemento importante", engadiu.

A pesar de que Grupo Lence non achegou á prensa o dato de beneficio neto, si trasladou que aumentou un 26,2% o seu número de empregados en 2023, pasando de 179 persoas a 226 a finais de 2023, 170 en Lugo e 56 na Coruña.

Grupo Lence. GRUPO LENCE
Grupo Lence. GRUPO LENCE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta