Que pasa coa Lei Paz Andrade para achegar Galicia a lusofonía?

A oposición lembra que leva varios anos sen avances eo PPdeG asegura que "se cumpre".

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 11/06/2024 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

BNG, PSdeG e grupo mixto reclamaron este martes no Pleno do Parlamento un maior impulso á lei de lusofonía, coñecida como a lei Paz Andrade, que xerou no seu momento "un gran consenso social e político". O grupo popular, pola súa banda, defendeu o actual desenvolvemento: "cúmprese a lei".

O grupo nacionalista presentou unha moción a este respecto -- que non foi aprobada -- na que instaba o Goberno galego a desenvolver a Lei Paz-Andrade cunha batería de propostas para impulsar o seu cumprimento, despois de que en dez anos que leva vixente a norma "apenas se fixesen avances, contradicindo o amplo consenso social e político que orixinou esta lei para aproveitar os vínculos coa lusofonía".

A moción contemplaba tres liñas de actuación. Unha primeira centrada nas telecomunicacións e recepción de medios de comunicación, pola que pedían que a Xunta demandase ao Goberno central a ampliación do múltiplex autonómico para as emisións televisivas e radiofónicas en Galicia de canles de televisión de Portugal", así como a posta en marcha das medidas técnicas para facilitar a emisión en Galicia de, como mínimo, unha canle de televisión e radio portuguesa de entre as dispoñibles no actual múltiplex autonómico galego da TDT.

A segunda liña de actuación, relacionada co ámbito do ensino, defendía a "elaboración dun plan para a implantación paulatina da lingua portuguesa en todos os centros de secundaria, así como a súa oferta como lingua estranxeira non avaliable en educación primaria". Nesta liña, solicitaban a inclusión do portugués en todas as escolas oficiais de idiomas de Galicia para o curso 2024-2025.

En canto ao ámbito regulamentario, instaban á Xunta a aprobar no próximos seis meses un decreto que regule a implantación do portugués como lingua estranxeira na educación en Galicia e solicitaban, ademais a presentación no Parlamento dun informe en relación co desenvolvemento, avances e planificación para 2024 da lei. Outro punto da proposición era o impulso "de maneira inmediata" do Observatorio da Lusofonía Paz-Andrade.

A socialista Silvia Longueira expresouse na mesma liña, argumentando que a lei Paz Andrade é "unha ferramenta de unión e crecemento" cunha "cultura e lingua que nunca nos foi allea", senón que "nalgún momento foi parte da nosa". Pola súa banda, o deputado do grupo mixto, Armando Ojea (DO) mostrouse a favor da iniciativa e engadiu que debería darse visibilidade a personalidades que apoiasen os lazos con Portugal, como son os ourensáns Isaac Alonso Estraviz e o profesor Xosé Paz Rodríguez.

Lápida de Valentín Paz Andrade no camposanto Lérez
Lápida de Valentín Paz Andrade no camposanto Lérez | Fonte: Adrián Estévez Estevoaei wikipedia


"CÚMPRESE A LEI"

O deputado do grupo popular, José Luís Ferro, asegurou que se cumpre a lei, xa que o portugués impártese "sempre que hai demanda do alumnado". Ademais, sinalou que os estremeños están "obrigados" a aprender portugués para entenderse co país veciño, algo que os galegos xa fan dada a similitude entre linguas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta