Rueda cre que o PSOE "non fixo as cousas ben" coa súa oferta de moción de censura en Ourense

Confirma que o PP estará no encontro deste xoves para abordar unha posibilidade "que só ten sentido" se se suma o BNG.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/06/2024 | Actualizada ás 20:37

Comparte esta noticia

O presidente do PP de Galicia, Alfonso Rueda, ratificou a decisión do grupo municipal do Partido Popular de Ourense de acudir á convocatoria do PSOE para explorar unha posible moción de censura contra o rexedor ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, aínda que considera que os socialistas "non fixeron as cousas ben en absoluto".

A preguntas dos medios antes de participar na inauguración do novo centro de Ibermutua en Ourense, Rueda confirmou que a formación que preside acudirá á cita porque "o Partido Popular cre na estabilidade nas institucións". "Queremos que se poida gobernar. Queremos que non pase o que estamos a ver que pasa no Goberno de España, tanto tempo perdido sen orzamentos, sen poder aprobar ningunha lei", engadiu antes de sentenciar que os populares avogan por "dotar de estabilidade" onde teñen a posibilidade de facelo.

A pesar diso opinou que "as cousas non se están facendo ben en absoluto". porque "cando alguén quere falar, fala doutra maneira" e "non fai convocatorias públicas antes de que se decaten os convocados, nin pon liñas vermellas, nin fai moitas das cousas que se están facendo". "Aínda así, alí estaremos", explicou. Rueda tamén fixo fincapé en que a reunión "só ten sentido" se están alí todos os representantes dos partidos que "poden facer posible calquera cousa", xa que "a alternativa" pasa porque "dean os números", nunha mensaxe ao BNG, que na tarde deste mércores mantiña a incógnita de se estará no encontro promovido polos socialistas. No mesmo sentido, concluíu que "non ten sentido que algún convocante expoña liñas vermellas". "Habería que borrar todo dunha plumada, se se fala fálase, cada un fai as súas formulacións, pero ninguén impón nada", sentenciou.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, intervén nun acto en Ourense. DAVID CABEZON / XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, intervén nun acto en Ourense. DAVID CABEZON / XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta