O BNG só investirá a un rexedor do PSOE en Ourense: "O PP é tan responsable da situación de Ourense como Jácome"

Ana Pontón, incide en que, para que prospere unha moción de censura na cidade das Burgas, o Bloque só investirá a un alcalde socialista. "Non queremos en Ourense nin a Jácome nin a un alcalde do PP", deixa claro.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 14/06/2024 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, incide en que, para que prospere unha moción de censura na cidade das Burgas, o Bloque só investirá a un alcalde socialista. "Non queremos en Ourense nin a Jácome nin a un alcalde do PP", deixa claro. O pasado xoves, o BNG abriuse, tras a proposta impulsada polos socialistas, a facilitar unha moción de censura para apartar da alcaldía de Ourense a Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), pero puxo unha condición: só o fará se o bastón de mando recae no PSOE. Pola súa banda, os populares afearon ao Bloque as "liñas vermellas" e advertiron de que, para avanzar, estas deben "deixarse en casa".

"A nosa organización xa deixou moi clara cal é a súa posición, dixémolo en campaña, dixémolo despois das eleccións e volvemos dicilo agora: non queremos en Ourense nin a Jácome nin a un alcalde do PP, porque son dúas caras da mesma moeda", sentenza Pontón. "Se hoxe Jácome é alcalde é grazas a que o PP sumou os seus votos para que estea na alcaldía Democracia Ourensana, o BNG nese debate fixo o que tiña que facer e é apoiar ao candidato socialista", proseguiu a preguntas da prensa este venres en Santiago.

"Neste momento estamos a dicir exactamente o mesmo, se se quere facer unha moción de censura en Ourense, non hai ningún problema, que se poña un candidato do PSOE, e o BNG vai pór os votos que faltan para esa moción de censura", afirma. "O que non imos apoiar é a un alcalde do PP, entre outras cousas, porque son tan responsables da situación que hai en Ourense como é Jácome, e porque xa vimos o que supoñen as alcaldías do PP en Ourense: xestión nefasta e corrupción", apostila a portavoz nacional do Bloque.

Néstor Rego e Ana Pontón
Néstor Rego e Ana Pontón | Fonte: E.P.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta