Rueda pide á ministra Montero "que discutamos en común desde o principio"

"Parece que, por fin, a señora Montero se dá conta de que nos ten que chamar ás comunidades autónomas", arrincou Alfonso Rueda

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2024 | Actualizada ás 20:54

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este mércores que, por parte de Galicia, a "postura común" en relación ao financiamento autonómico pasa por que "discutamos en común desde o principio e sen restar xa unha parte importante ao que hai que repartir".

Así o dixo o presidente galego, a preguntas dos medios, en relación ás declaracións da ministra Montero nas que avanzaba a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) no mes de xullo e instaba as comunidades do PP a presentar neste marco unha proposta común sobre financiamento autonómico.

"Parece que, por fin, a señora Montero se dá conta de que nos ten que chamar ás comunidades autónomas", arrincou Alfonso Rueda, que lembrou que levan "meses" pedindo esta convocatoria.

Con todo, criticou o presidente galego, "durante todos estes meses" nos que se estivo pedindo un encontro "de todos para falar do que é de todos", Galicia viu "como se lles deu un trato singular a Cataluña, primeiro para lograr a investidura de Pedro Sánchez" e, agora "que se está discutindo a gobernabilidade de Cataluña", a través de "singularidades" no financiamento.

"Se o que se fai é chamarnos a todas as comunidades autónomas para falar de algo tan importante como o financiamento, benvido sexa. É o que estabamos a pedir e é o que se tiña que facer hai moitísimo tempo", engadiu Rueda.

Con todo, criticou que a proposta de Montero teña condicionantes e lembrou que "non valen as singularidades". "Non vale dicir 'xa acordei algo con determinadas comunidades autónomas e agora o que me queda xa falaremos', iso desde logo non nos vai a valer, a Galicia non lle vai a valer", resolveu.

Para Alfonso Rueda, a formulación debe pasar "por sentar e dicir 'empecemos a falar entre todos'", un camiño no que haberá que "tentar chegar a un acordo" no que "todos teñan que ceder" pero no que "todos salgamos beneficiados". "E iso é imposible se houbo tratos singulares con algunhas comunidades", destacou.

Na mesma liña, argumentou que "chegar e dicir que para falar hai que levar xa unha postura común" non é "a formulación" adecuada.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras o Consello
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras o Consello | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta