Concelleiro de goberno tomba os orzamentos en Irixo, que podería vivir a súa segunda moción de censura

A coalición entre o Partido Socialista e Xuntos polo Irixo atravesa "un mal momento".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2024 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

O goberno do Irixo, formado por unha coalición de goberno entre o Partido Socialista e Xuntos polo Irixo desde o pasado verán, atravesa "un mal momento". Un concelleiro do propio grupo de goberno votou en contra dos orzamentos e, desde a oposición, o Partido Popular rexistrou unha petición de pleno extraordinario para que a alcaldesa presente unha moción de confianza, que podería desembocar na segunda moción de censura en menos dun ano.

Sucedeu no pleno ordinario celebrado esta semana. Á hora de votar os orzamentos para este 2024 Juan Manuel Villanueva, edil de Xuntos polo Irixo, votou en contra, e ante a súa negativa non puideron ser aprobados porque a coalición a forman 2 concelleiros do PSOE e 3 de Xuntos ante 4 concelleiros populares.

O edil acusou á alcaldesa de ter un comportamento "personalista" e sinalou que non recibiu suficiente información sobre uns orzamentos que considera que "nin sequera están ben feitos", porque contemplan unha partida de ingresos para a construción dun parque eólico que conta cun acordo de suspensión cautelar por parte do TSXg.

Desde a oposición o ex alcalde popular, Manuel Cerdeira, que non alcanzou a maioría absoluta por tan só 20 votos e a posteriori perdeu a alcaldía pola moción de censura levada a cabo entre PSOE e Xuntos, explica que xa rexistraron a petición de pleno extraordinario coa intención de que a alcaldesa presente unha moción de confianza ligada á aprobación das contas.

Para Cerdeira non houbo sorpresa co sucedido no pleno, di que no concello "víase vir" pola "falta de entendemento" entre os membros do grupo de goberno, que non foron capaces de constituír a comisión de Goberno.

A maiores, critica que son moitos os veciños que falan de "actitude ditatorial" por parte da rexedora, da que lembra que lle afeou a el "aprobar os orzamentos de 2023 tarde" e agora "estando ela no cargo tiveron que presentar os orzamentos condicionados porque hai varias partidas esgotadas e non teñen diñeiro para gastar".

Así as cousas, a situación actual é de inestabilidade e desde o PP non descartan unha moción de censura para a que faría falta a firma de cinco concelleiros, o que sucede é que os mesmos edís que xa asinaron unha moción de censura non poden asinar unha segunda no mesmo mandato, a menos que esta vaia ligada a unha cuestión de confianza, á que os populares solicitan que se someta á alcaldesa.

"Non ten a obrigación de facelo, pero desa forma tampouco poderá contar cos orzamentos actualizados", di Cerdeira apuntando que a alcaldesa ten 15 días para convocar ese pleno, se non o fai pasaría a celebrarse nos seguintes 10 días hábiles, polo que as datas que barallan son ao redor do 10 de xullo ou entre o 23-24 do mesmo mes.

Se perde, desde o PP ven como opción a moción de censura e ademais sinalan que "tamén se pode revogar as competencias que ten alcaldía e pasalas ao pleno", así como revogar o soldo do actual rexedora.

Concello de O Irixo
Concello de O Irixo | Fonte: Páxinas Galegas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta