Cando Baltar é un problema de Madrid e o PP de Ourense está "pacificado"

Rueda destaca a "transición modélica" do PP de Baltar ao PP de Menor.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 24/06/2024 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

Nunca como ata agora un líder do PP en Galicia podería dicir que ten a provincia de Ourense "pacificada". Non a tivo Albor, nin Fraga, nin tampouco Feijóo. E semella que, co fin da dinastía Baltar, chegou tamén o dominio do PP de Galicia sobre o PP de Ourense. 

O ex presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o presidente actual, Luis Menor, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante un mitin do Partido Popular
O ex presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o presidente actual, Luis Menor, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante un mitin do Partido Popular | Fonte: Agostime - Europa Press

A decisión do Tribunal Supremo de que se abra xuízo a José Manuel Baltar abre a última fase política da dinastía Baltar. Con todo, o que lle pase políticamente a "Baltar novo" xa non depende de Galicia. Nin o seu sucesor na Deputación de Ourense e na dirección do PP ourensán, Luis Menor, nin o líder do PPdeG e presidente a Xunta, Alfonso Rueda, queren mollarse neste tema. A decisión sobre o futuro de Baltar depende, para os dous dirixentes, do que "digan os estatutos do PP".

O que pasa é que os estatutos do PP para estes casos son moi ambigüos porque só din que se actuará contra un militantes ou cargo político da formación cando sexa xulgado por corrupción. Para outros casos todo queda nun limbo xudicial e político.

No que xa hai máis consenso entre o PP de Ourense e o PP de Galicia é na transición tranquila ou "modélicia" que se está realizando nesta provincia. Unha transición que culminará o vindeiro mes coa eleccións de Luis Menor como presidente provincial tras ser o único candidato presentado no proceso. "Era unha transición que podía parecer complicada pero fíxose de xeito modélico", dixo Rueda a este respecto na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. 

"Parece previsble o resultado e isto significa que as cousas se fixeron ben en canto a liderato político", engadiu. Un resultado tan previsible que fará a Menor, amigo de Rueda e anterior director xeral de Emerxencias na súa consellería, o vindeiro lider provincial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta