Compras compulsivas: cando o consumo acaba en adicción

A compra compulsiva pode afectar o mesmo que calquera outra adicción. É algo impulsivo, sen meditación previa e acaba afectando e alterando a vida persoal, familiar e laboral de quen é adicto ás compras. Como toda adicción, pode superar as barreiras de sexo, idade e clase social, mesmo sen ter en conta a capacidade económica do individuo afectado. As políticas de prevención son un paso importante para frear este comportamento adictivo, aínda así, poden servir estas políticas nunha sociedade tan consumista como a nosa?

Por Moncho Mariño | Santiago | 17/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cada mes de xullo comezan as rebaixas do verán. Moitas persoas irán buscar nos centros comerciais obxectos teoricamente máis baratos. Tamén en datas como o Black Friday as áreas comerciais acaban cheas de persoas buscando a mellor oferta, e xa non digamos as páxinas web, o sistema máis usado nos últimos tempos para facer compras. En tal caso, este comportamento sería mostra dunha adicción? Segundo algúns expertos si, porque se realizan compras de maneira compulsiva e sen ter en conta se o produto é necesario ou non. As compras realizadas de maneira continuada no tempo de maneira irreflexiva, isto é, perda do control, son unha mostra dun comportamento adictivo. Isto poderá verse no tempo cando a persoa vexa que non pode facer fronte a todos os gastos que realiza. Sobre isto último, a falta de control tamén radica na perda de control sobre o diñeiro investido, pois o uso das tarxetas de crédito, aplicacións informáticas, etc., non permiten cuantificar o gasto no momento da compra.

Unha persoa camiña con varias bolsas de compras  das rebaixas
Unha persoa camiña con varias bolsas de compras das rebaixas | Fonte: Ricardo Rubio - Arquivo


MENSAXE-ESTÍMULO-COMPRA
“Estariamos diante dunha adicción sen substancia porque as compras non teñen unha categoría clínica como concepto”
di Juan Lamas, director terapéutico da Asociación Gallega de Jugadores Anónimos (Agaja). “Nunha sociedade consumista e cun bombardeo constante de mensaxes publicitarias é mesmo normal que existan abusos en calquera tipo de actividade apoiada nos anuncios ou transmita sensación de normalidade como son as compras”. Juan Lamas destaca que “non estamos falando das compras feitas grazas a estratéxias de márketing (rebaiaxas de tempada, etc.), falamos de que nun momento dado as compras poden acabar sendo unha adicción”.

“Podemos entender a compra compulsiva aquela que se fixo por impulso de comprar e non por necesidade” sinala Xacobe Fernández, psicólogo clínico. “Todos temos feito algunha compra compulsiva nalgún momento, o problema chega cando isto se repite de maneira frecuente e sen control”. Porén, Fernández entende que detrás dun comportamento así están as campañas de márketing que buscan romper barreiras dentro das persoas para “facilitar o acceso a produtos”.

A cuestión é que nalgúns casos, a ruptura das barreiras chegou mesmo a marcas que até hai pouco tempo se consideraban “de luxo”, resultan agora máis accesibles para a maioría do público. Isto sería un exemplo de “democratización das marcas” mediante a publicidade para que a xente crea que está chegando a un certo estatus. Este é hoxe en día outro elemento que empuxa ás persoas a mercar logos antes inaccesibles.

PERFIL E TRATAMENTO
As mulleres foron sinaladas durante moito tempo como o principal nicho de poboación con maior posibilidade de caer na adicción das compras. Porén, a día de hoxe existen algunhas investigacións que sinalarían a mesma capacidade de caer na adicción tanto de homes como de mulleres, aínda que se apuntan máis factores de risco sobre a poboación feminina.

“Non hai moitos estudos sobre este punto, mais si hai algunhas diferenzas entre homes e mulleres en relación coa tipoloxía das compras” apunta Fernández. Na descrición desas diferenzas parece haber unha apariencia de “sesgo” sexita segundo a persoa consumidora. “Os estudos sobre este tema poden estar atravesados pola cuestión de xénero, de aí que apunten aos homes como consumidores de maquinaria, ferramentas ou electrónica fronte ás mulleres que serían máis consumidoras de cosmética ou roupa, mais insisto, isto pode ser unha visión atravesada por unha visión sexista”.

Tamén preocupa a adicción das persoas máis novas ás compras compulsivas debido ao maior uso que fan da Internet desde diferentes dispositivos. “Os adolescentes son un grupo social que aínda non teñen formadas estratexias de enfrontamento ante campañas publicitarias” apunta Lamas. Deste xeito, “falamos de persoas moi novas que son esponxas ante a recepción de estímulos” como son os publicitarios.

A solución máis inmediata que se pode aplica nestes momentos é a prevención mediante campañas que informen e sensibilicen sobre os perigos deste comportamento. “Non se debe demonizar senón dar vías de solución” sinala Lamas. Lembrar que o comportamento adictivo inflúe en todos os ámbitos da vida dunha persoa. De maneira individual, unha persoa debe recoñecer que ten un problema como primeiro paso para a súa rehabilitación e aquí tamén a contorna debe facerlle ver que sofre un problema de adicción.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta