Así era unha vida viquinga: de xogos infantís a grandes invasións e riquezas ata chegar ao Valhalla

'Unha vida viquinga' amosa na Cidade da Cultura máis dun cento de pezas históricas, ademais de presentar unha curta inédita sobre mitoloxía nórdica asinada por David Rubín e unha recreación a tamaño real dun barco viquingo.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os viquingos son un deses pobos antigos que espertan gran curiosidade entre os galegos. O seu paso pola nosa terra quedou constatado en moitos escritos e tamén en certas xoias arqueolóxicas atopadas en diferentes asentamentos da Idade Media. Dende o século IX ata o século XI as incursións viquingas en Galicia foron moi frecuentes, igual que de frecuentes foron as súas relacións coa poboación local, coa que se mesturaron e mesmo chegaron a establecer relacións sentimentais que remataron por forxar descendencia. A exposición 'Unha vida viquinga', comisariada pola doutora en Estudos Escandinavos pola Universidade de Aberdeen Irene García Losquiño, que abriu as súas portas este venres na Cidade da Cultura, quere ir un paso máis aló do que todos coñecemos (ou cremos coñecer) sobre os viquingos, amosándonos como puido ser a súa vida dende o nacemento ata a morte ou, mellor dito, ata chegar ao Valhalla (alo menos para aqueles que crían nel).

Cráneo viquingo
Cráneo viquingo | Fonte: GC

Así, como toda vida, comeza cun nacemento. Un nacemento nunha das numerosas aldeas que os viquingos tiñan en terra escandinava. Un bebé, como en todos os pobos e civilizacións ao longo da historia, sempre era sinónimo de ledicia e celebración. A infancia dun viquingo transcorría en dúas etapas bastante ben diferenciadas: por unha banda, ata a idade de 6 anos, xogaban con xoguetes moi infantís, como podían ser asubiadores ou pequenos bonecos; mentres que pasado ese período e ata os 12 anos, aproximadamente, comezaban a xogar con armas, como pequenas machadas ou espadas, o que supoñía o seu primeiro achegamento ao mundo da loita e do combate, algo tan arraigado no ADN viquingo. Mostras destes xoguetes exhíbense na exposición, na que tamén chaman poderosamente a atención uns esquís, que eran usados ademais de para desprazarse polo xeo como forma de diversion.

Máis adiante chegaba a mocidade, a etapa do que poderiamos asimilar hoxe coa adolescencia, cando os viquingos xa deixaban de ser considerados nenos e se comezaban a embarcar en grandes expedicións máis aló da súa terra. Algúns marchaban coa promesa de voltar para casar con prometidas que lles agardaban (ás veces agardando longo tempo por alguén que nunca volvía) e outros marchaban sen compromiso e, ou ben casaban á volta, ou ben entablaban relacións nos lugares nos que realizaban as súas incursións. Sexa como fose, o certo é que para moitos viquingos a mocidade era vista como unha oportunidade de saír explorar e enriquecerse para logo voltar á súa terra e formar unha familia que puidese estar ben provista.

Para poder saír a navegar non era posible facelo de calquera xeito, senón que había que ir ataviado cunha boa espada e un escudo, con formas moi características deste pobo, como tamén se pode observar na exposición. Ademais, nela pódese atopar unha réplica de como tería sido un verdadeiro barco viquingo, e non eses de grandes luxos que tiñan os reis, senón un que todo exército podía ter: o 'Skudelev 5'. O máis notorio desta embarcación é a súa lonxitude, duns 17 metros, así como o fráxil que semella ser, cousa que non é certa, porque en verdade tratábase dun barco moi resistente e flexible que servía aos viquingos para navegar por case todo o mundo, amoldándose moi ben á forma das ondas do mar.

Ao retornar cheos de riqueza (buscaban sobre todo a prata, que usaban para comerciar, pois non tiñan unha moeda como tal, senón que medían o seu peso) construían as súas propias casas, todas moi características e semellantes: construción rectangulares e moi longas, xa fosen de unha ou de dúas plantas, cunha granxiña adxacente na que situar o lume, que era o centro da vida, pois servía tanto para cociñar como para quentarse ou forxar armas. Dependendo de se a familia tiña máis ou menos cartos, as casas eran máis ou menos grandes, de feito a estrutura esa sempre igual e o que realmente cambiaba entre vivendas era o seu tamaño. O lugar onde se facía ese lume tamén se pode ver na propia exposición.

Broche viquingo
Broche viquingo | Fonte: GC

Ao redor do lume tamén se sentaban estes viquingos durante a madurez para contar historias e escoitar aos máis maiores. Historias fantásticas en moitas ocasións que falaban sobre os antigos deuses, o nacemento do mundo ou o Valhalla. Eses encontros ás veces producíanse arredor dalgunha celebración fixada no calendario, como o solsticio de inverno, e eran momentos para que cada viquingo e viquinga lucise as súas mellores galas: xoais, broches, roupaxes... Todo para ensinar o poder adquisitivo que acadaran ao longo da vida. Aneis, colares, brazaletes e, especialmente, broches, son pezas que están moi presentes na mostra, onde cobra especial importancia un broche dourado moi concreto, con cabeza de dragón.

Xa despois de toda unha vida viquinga, chega o momento da morte. A esperanza de vida media estaba fixada nos 40 anos, aínda que hai crónicas da época que falan de viquingos que chegaron a vivir ata os 70 ou 80 anos en boas condicións. Con todo, non era o habitual, tamén porque o seu estilo de vida case abocaba irremediablemente a unha morte temperá: brutais batallas nas que perecían moitas persoas, un grande esforzo físico no traballo diario, enfermidades e pragas que remataban facilmente cos máis pequenos e tamén condicións meteorolóxicas adversas que en non poucas ocasións se atopaban durante as longas travesías marítimas.

No momento da morte, había varias formas de enterramentos: o habitual era que os mortos se enterrasen na terra, como se facía aquí fai nada, pero se se trataba de viquingos importantes, que fixeran grandes cousas en vida ou que ostentaban cargos de poder, enterrábanse no mar, poñendo o seu corpo sobre un barco ao que, tras ser desamarrado no porto, se lle prendía lume. E non sempre ían sós para a outra vida, senón que había ocasións nas que se facían sacrificios, como da súa muller se se trataba dun home ou dun servente se o tivera en vida, para que a persoa que era sacrificada lles acompañase á outra vida.

A xente que tiña un maior poder adquisitivo ou que fixera algo meritorio en vida encargaba que se lle fixese unha runa na que contar a súa historia, runas que chegaron ata hoxe e algunhas das cales tamén se poden ver na exposición. Especial relevancia ten unha atopada nas Torres do Oeste de Catoira. Ademais, adoitábase enterrar aos guerreiros coas súas espadas, iso si, dobradas como mostra de que, unha vez mortos os seus donos, perderan o seu poder. Toda esta historia e unha recreación única da man de David Rubín a través da animación de como unha Völva, unha especie de profetisa da cal se amosa unha vara na exposición, conta como foi o comezo do mundo segundo a mitoloxía escandinava e como será a súa fin e a chegada dos viquingos ao Valhala, agárdanche nesta experiencia única que poderás desfrutar ata o ano 2025 no Museo Centro Gaiás.

Runa viquinga
Runa viquinga | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta