Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/11/2015 | Actualizada ás 16:35
Na benvida á USC, o reitor convidounos a coñecer “unha parte das nosas capacidades de investigación no ámbito das ciencias da saúde e que sen dúbida serán de interese para a comunidade educativa iraniana”. En efecto, logo da recepción na que tamén participaron as vicerreitoras de Internacionalización e de Investigación e Innovación e o decano da facultade anfitrioa, asistiron a unha presentación das liñas de investigación en saúde pública, medicina legal, farmacoloxía e bioquímica.
A delegación trasladouse a continuación ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Medicinas Crónicas da USC (CiMUS) para coñecer as súas instalacións e asistir a varias sesións científicas onde lles explicaron as principais liñas de traballo.
Ao longo desta semana o grupo iraniano manterá tamén encontros con persoal científico e con alumnado interesado en programas de intercambio. En concreto, ademais das oportunidades que ofrece o convenio bilateral entre a USC e a TUMS, coñecerán as posibilidades do Erasmus Mundus Marhaba, o programa de cooperación e mobilidade que lidera a USC dotado con 2,4 millóns de euros. Grazas a ese programa creouse a rede IRIUC, un consorcio no que participan as cinco mellores universidades da República Islámica de Irán.
Erasmus Mundus Marhaba
O proxecto Marhaba ten por obxectivo unha maior colaboración entre a UE e as institucións de Asia para a mobilidade de estudantes e persoal e a mellora da transparencia e a empregabilidade.
Este Erasmus Mundus promove a mobilidade de 125 estudantes e persoal universitario entre a UE e Irán, Irak e Yemen nun marco de colaboración que inclúe unha representación equilibrada de nove universidades asiáticas (5 en Irán e 4 no Kurdistán) e outras tantas europeas (España, Francia, Alemaña, Italia, Reino Unido, Portugal, Polonia e Bulgaria).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.