Fernando Iglesias, Aduanas: "Hoxe en día os prezos das drogas baixaron e isto elevou as cifras de narcotráfico"

Fernando Iglesias é o xefe de Área Regional de Vigilancia Aduanera de Galicia. Coñecidos sobre todo pola actuación contra o contrabando de tabaco e logo do narcotráfico, poucos saben como é o seu funcionamento, sendo unha policía que non é considerada Corpos de Seguridade do Estado. Vigilancia Aduanera depende da Agencia Tributaria e de aí que se teñan especializado en delitos de branqueo, contrabando e fraude fiscal.

Por Moncho Mariño | Santiago | 20/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Vixilancia de Aduanas
Vixilancia de Aduanas

Temos competencia exclusiva sobre delitos de contrabando, delitos de branqueo e fraude fiscal

-Que sucede entón a partir dos anos 1950?
Pois que xa ten a consideración de organismo autónomo e en 1992 entra en funcionamento a Agencia Tributaria que incluirá a Aduana e de aí Vigilancia Aduanera pasa a depender da Agencia Tributaria. É un organismo “adxunto” porque a nivel central existen varios departamentos: Inspección Tributaria, Gestión Tributaria, Recaudación, RRHH e o Departamento de Aduanas e dentro deste último hai un departamento adxunto de Vigilancia Aduanera que ten un director ou directora central dependente da dirección de Aduanas. A partir de aí haberá funcionarios e funcionarias de Vigilancia Aduanera por todo o territorio nacional. Desde a vinculación coa Agencia Tributaria, ademais dos labores que tiñamos antes de investigación, persecución e represión do contrabando, tamén fomos sumando accións contra a fraude fiscal. Durante as operacións, quen as dirixe será un inspector de Hacienda que domina mellor o sistema tributario español. Porén, as organizacións criminais son máis amplas, entón é necesario un grupo de persoas con carácter policial de investigación para ter probas que logo serán aplicadas nun procemento administrativo ou xudicial.

-Por que entrou Aduanas na vixilancia, control e represión do narcotráfico?
O primeiro corpo policial en España que tiña embarcacións era Vigilancia Aduanera. Durante os anos 90 a Garda Civil tamén foi dispoñendo deste tipo de embarcacións especializadas. Por tanto, desde as nosas orixes sempre tivemos esa competencia, non é que se lle dese agora. Durante os anos 80 en Galicia a persecución do contrabando de tabaco era realizada por Vigilancia Aduanera, máis adiante, a sociedade evolucionou, naceron novos tipos de tráfico e así apareceu o narcotráfico vía marítima. O Tribunal Supremo declarou o contrabando como “figura pluriofensiva”, é dicir, non só retira ingresos ao Estado senón que afecta a outras cuestións como son a seguridade cidadá e o medioambiente. Todas as aduanas da UE están rexidas polo Código Aduaneiro da Unión, un documento para establecer como deben funcionar as aduanas en Europa. Esta é unha normativa básica que establece cales son as misións da Aduana como a protección cidadá, do comercio lexítimo e medioambiente. Digamos que somos a primeira liña fronte tráficos ilícitos na fronteira da UE, e os funcionarios están especializados en traballar con información tributaria e aduaneira que permite establecer análise de risco oportuno para levar adiante operativos. Seguimos o exemplo doutros países europeos con diferentes axencias especializadas e coordinadas.

Embarcación de Aduanas
Embarcación de Aduanas

 As organizacións criminais son máis amplas, entón é necesario un grupo de persoas con carácter policial de investigación para ter probas que logo serán aplicadas nun procemento administrativo ou xudiciais

-É difícil a coordinación de tantas axencias?
Non, precisamente por seren axencias especializadas e estaren coodinadas por organismos como Fiscalía ou CITCO. Neste último coordinanse todas as forzas policiais do Estado e se se produce un cruzamento poñémonos de acordo e traballando conxuntamente. Diferentes corpos especializados facilitan a investigación e a idea é a multidisciplinariedade debido a que o crime é transfronteirizo. Coa nova lei de contrabando 12/1995, o Tribunal Supremo deixou claro que somos unha policía mixta, é dicir, somos un corpo policial administrativo e xudicial. Isto inclúe fraude á Axencia Tributaria e iso necesita investigación, por tanto somos un corpo policial, mais non somos corpo e forza de seguridad. Temos competencia exclusiva sobre delitos de contrabando, delitos de branqueo e fraude fiscal. Os demais corpos poden investigar calquera delito dentro do Código Penal.

-Cal é o número de persoas en Vigilancia Aduanera e como é o seu organigrama?
Actualmente somos 2.300 e o noso obxectivo é chegar a ser máis de 3.000 funcionarios en toda España. Estamos despregados en todo o territorio español e podemos actuar en calquera lugar sen límitacións territoriais, augas nacionais e ás veces en augas internacionais. O organigrama está dividido a DAVA dentro do Departamento de Aduanas, despois están as Áreas Rexionais de Aduanas e logo temos Área Regional de Vigilancia Aduanera. En Galicia hai 360 funcionarios por todo o territorio, seis bases marítimas e seis unidades operativas. Dentro de Aduanas temos dúas grandes especialidades: funcionarios de investigación e funcionarios de ramas marítimas. O despregamento de investigación en Galicia sería Vigo, Pontevedra, A Coruña, Ribadeo, Lugo e Ourense. A nivel marítimo temos en Vigo, Marín, Vilagarcía, Muros, A Coruña e Ribadeo.

 O Tribunal Supremo declarou o contrabando como “figura pluriofensiva”, é dicir, non só retira ingresos ao Estado senón que afecta a outras cuestións como son a seguridade cidadá e o medioambiente

-Sobre o material, haino que subministra o Estado mais tamén poden usar material requisado en operativos?
Iso está previsto pola Lei de Contrabando e a Lei de Código Penal, adxudicación ao Estado de bens intervidos. No caso das patrulleiras con contratos ad hoc con varias delas fabricándose en Galicia para renovar as embarcacións para a seguridade dos funcionarios e para estar a nivel dos investigados. Tamén se aposta por outros medios como helicópteros, drons e a día de hoxe estamos renovando todo o material.

-Cal é o salario medio dun traballador do SVA?
Aquí reproducimos o mesmo que dentro da Agencia Tributaria. Temos un corpo superior A1, corpo executivo A2 e os axentes, C1. Como todo funcionario, o salario vai en función do salario base, complementos de destino e a productividade, que é variable. Un funcionario ve aumentar o salario non só cos trienios senón co paso dos anos porque vai subindo de nivel. De entrada, o salario dun funcionario C1 serían 30.000 euros brutos por ano que poden chegar aos 40.000 euros co paso do tempo. No caso dun A2, executivo, pode ir dos 35.000 aos 40.000 e xa avanzada a carreira pode chegar a 60.000. No caso do corpo superior A1, arrinca sobre os 50.000 euros que poden chegar aos 90.000, moitas veces depende tamén se son cargos de libre designación.

-Dentro das competencias que ten Vigilancia Aduanera, cal é o delito que máis se ten incrementado?
A nivel global hai un incremento no tráfico de drogas. Hai unha baixa nos prezos e isto fai que se incremente a produción en orixe de cocaína e hachís. Isto tradúcese en que o narcotraficante vai traballar con máis cantidade porque a el vaille custar menos comprala ainda que tamén lle vai sacar menos rendemento. En 2023 o SVA apreixou 90 toneladas de cocaína. Os controis aumentaron no porto de Vigo e o ano pasado capturamos máis de 7.000 quilos de cocaína nunha operación conxunta coa Policía Nacional. Sobre o tabaco fanse estudos sobre a incidencia do contrabando en determinadas áreas e no caso de Galicia non temos altos números en relación ao contrabando de tabaco, mais continuamos moi activos, así o ano pasado fixemos un operativo coa Garda Civil en Muros. Tamén temos funcionarios despregados no aeroporto de Santiago onde se realizan algúns apreixamentos. Non temos grandes problemas co tabaco, mais iso non significa que non haxa contrabando de tabaco, cambian as formas, hoxe en día o que hai son fábricas clandestinas que se van movendo dun lugar a outro. Así resulta máis simple burlar os controis, traen as follas de tabaco a través das fronteiras da UE, porque hai libre circulación de mercadorías e son tratadas en fábricas que cambian de ubicación, son itinerantes. A maioría destas fábricas ilegais están vinculadas a mafias do Leste.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario (1 pend. aprobación)