Confrarías de Pontevedra, "decepcionadas" coa Consellería do Mar, reprochan tamén o "desprezo" do Goberno central

O motivo do desacordo está en relación cos criterios para determinar os días considerados con dereito á prestación económica por paralización temporal, así como polo importe resultante da axuda a percibir por cada mariscadora.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 20/09/2024 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

Confrarías de Pontevedra trasladaron a súa preocupación pola "ausencia de solucións dilixentes e efectivas" ante os "graves problemas" que atravesa o marisqueo galego. En concreto, os membros do comité executivo da federación provincial de confrarías de pescadores acordaron o pasado sábado transmitir o malestar de Vilanova de Arousa, Carril, Lourizán, Raxó, Pontevedra, Redondela, Arcade e Vilaboa.

O motivo do desacordo está en relación cos criterios para determinar os días considerados con dereito á prestación económica por paralización temporal, así como polo importe resultante da axuda a percibir por cada mariscadora. Para estas confrarías existe un "incumprimento manifesto" a respecto do prometido pola Consellería do Mar, polo que se senten "decepcionados". A federación provincial de confrarías tamén acordou reprochar o "desprezo e desamparo" do Goberno de España cara aos mariscadores cando están a pasar unha "difícil situación económica ante a importante falta de ingresos" pola baixada de produción dos bancos.

XORNADA EN RIBEIRA

O conselleiro de Mar, Alfonso Villares, reclamou ao Goberno central "maior implicación" na promoción dos produtos pesqueiros para "reforzar" as campañas da Xunta e do sector. Así o sinala a consellería nun comunicado en relación á terceira xornada de pesca organizada pola sociedade cooperativa galega do mar Santo Uxía, na escola oficial náutico-pesqueira de Ribeira. O evento abordou asuntos como o novo regulamento de control, os problemas de comercialización e as oportunidades de financiamento a través do fondo europeo marítimo para a pesca e a acuicultura.

Nun contexto de progresivo descenso da presenza dos produtos pesqueiros na cesta da compra, o conselleiro reivindicou o compromiso da Xunta con campañas como 'Galicia sabe amar', así como axudas autonómicas para potenciar a presenza da cadea mar-industria nos mercados internacionais. Villares amosou a súa "desaprobación" á tramitación por parte do Ministerio de Consumo dun decreto para regular a seguridade e nutrición nos centros educativos "que limita o consumo destes alimentos". Ao Ministerio de Agricultura reclamoulle que actúe no marco da normativa europea "para regular e impedir a etiquetaxe de produtos plan-based polo que se comercializan produtos vexetais baixo a denominación de peixe ou especies de peixe".

VISITA DO PP A CONSERVEIRAS

Por outra banda, a vicesecretaria de desenvolvemento sustentable do PP, Paloma Martín, visitou este venres as conserveiras Jealsa e Congalsa xunto ao conselleiro Alfonso Villares e a deputada no Congreso dos Deputados Rosa Quintana. Desde Galicia, Martín esixiu que o Goberno central "defenda ao sector pesqueiro" e "baixe dunha vez" o IVE tanto do peixe como das conservas.

Caixas de peixe a súa chegada ao Porto de Burela
Caixas de peixe a súa chegada ao Porto de Burela | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta