O Sergas e unha aseguradora condenadas a pagar 160.000 euros por neglixencia médica cunha nena de 20 meses

A Consellería de Sanidade recoñecera "falta de consentimento informado" e indemnizara á familia con 3.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2024 | Actualizada ás 11:41

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou unha condena ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) e á súa aseguradora, SegurCaixa Adeslas, a pagar 158.943,69 euros a unha familia por unha neglixencia médica nunha operación a unha nena de 20 meses.

Os maxistrados, nun fallo con data do pasado 28 de xuño que aínda non é firme, acaban de desestimar o recurso do Sergas e a mutua contra unha sentenza previa emitida en abril de 2023 polo Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago que fixaba esa indemnización: 103.943,69 euros á menor afectada, máis 25.000 para cada un dos pais.

Os feitos remóntanse ao ano 2017, cando a nena se someteu a unha intervención por un prolapso rectal tras a cal presentou complicacións como unha grave infección. Os seus proxenitores presentaron un recurso de reposición ante a Xunta, que recoñeceu que houbera "falta de consentimento informado" no proceso e concedeu unha indemnización de 3.000 euros.

Edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, Santiago de Compostela / Europa Press - Arquivo / Europa Press
Edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, Santiago de Compostela / Europa Press - Arquivo / Europa Press

ALEGACIÓN

Con todo, os pais recorreron ante os tribunais e, en primeira instancia, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago elevou ese pago a case 160.000 euros non só pola falta de consentimento informado, senón tamén por neglixencia no postoperatorio. Ante este primeiro fallo, a Xunta e a aseguradora presentaron recurso alegando que a intervención cirúrxica "non foi contraria á lex artis" e reclamando unha redución da contía indemnizatoria.

Na resolución do recurso, o TSXG insiste en que a operación "non contou co debido consentimento informado", algo recoñecido pola propia Administración, polo que os seus pais non puideron "calibrar os riscos da operación" nin "valorar diferentes alternativas de tratamento".

Por tanto, aínda que a adecuación ou non da intervención ao problema de saúde da nena "é irrelevante", os maxistrados ratificaron que, no postoperatorio, o Sergas "puido detectar a tempo ou polo menos días antes" as complicacións: "Non podemos estar de acordo con que mediou unha atención sanitaria adecuada, nin que non mediou unha infracción da lex artis".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta