Unanimidade no pleno do Concello de Pontevedra para pedir a anulación da prórroga da AP-9

Acorda tamén aprobar unha moción do PP para aprobar o Plan de Igualdade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2024 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

O Teatro Principal acolleu este luns a sesión ordinaria do mes de xullo do Pleno da Corporación municipal de Pontevedra, que estivo marcada pola unanimidade de todos os grupos á hora de abordar a maioría dos asuntos incluídos na orde do día, entre eles, solicitar ao Goberno central a anulación da prórroga da AP-9.

A excepción a este clima de consenso produciuse coa moción do grupo municipal do PP na que instaban o goberno local a que deseñe un plan para mellorar o transporte público ao novo hospital Montecelo, estudando a posibilidade de implantar buses lanzadeira gratuítos e creando un grupo de traballo para "adaptar e perfeccionar" este sistema.

O portavoz do PP, Rafa Domínguez, advertiu de que haberá un "problema grave" de aparcadoiro cando entre en funcionamento o novo hospital, ao que chegarán máis profesionais e máis pacientes que agora, e as prazas de estacionamento previstas, segundo sostivo, "non son suficientes".

O grupo municipal do PSOE apoiou a iniciativa aínda que con críticas aos populares polo número de prazas de aparcadoiro "abusivamente de pago" do novo hospital, 1.172 fronte ás 781 que serán gratis.

O concelleiro do BNG, César Mosquera, lembrou que o Concello de Pontevedra xa pediu "por activa e por pasiva" que se reservase máis espazo para estacionamento, polo que non acepta que "agora veña de rebote este problema" e tamén asegurou que o transporte público de Pontevedra está deseñado por expertos "e está a funcionar moi ben", co que xustificou o voto en contra dos nacionalistas a esta moción.

UNANIMIDADE

Entre os asuntos nos que o tres grupos políticos (BNG, PP e PSOE) estiveron de acordo figura a iniciativa defendida polo Bloque para instar o Goberno do Estado a anular a prórroga da autoestrada AP-9, a transferila a Galicia libre de peaxe e a impulsar un estudo "fiable e serio" sobre o procedemento legal e os custos deste rescate.

Tamén houbo acordo para apoiar a moción do PP para esixir ao goberno municipal que redacte e aprobe o Plan de Igualdade para os traballadores do Concello.

Por unanimidade tamén saíron adiante as dúas mocións presentadas polo PSOE, unha para instar a Educación a que revise de maneira "prioritaria e urxente" o nivel de gas radón nos colexios; e outra para que as festas de Pontevedra sexan máis inclusivas.

Concello de pontevedra
Concello de pontevedra | Fonte: E.P. - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta