Galicia urxe ao Goberno a transferencia dos fondos cos que compensar e previr os danos do lobo sobre o sector gandeiro

Ángeles Vázquez trasladou a preocupación de Galicia pola presenza nas súas costas da alga asiática invasora 'Rugulopteryx okamurae'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2024 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

A Xunta urxiu ao Goberno central a transferencia ás comunidades autónomas dos fondos para compensar e previr os danos que o lobo causa ao sector gandeiro co obxectivo de que Galicia "non se vexa novamente penalizada". Así o pediu a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente na que participou por videoconferencia.

Segundo informou a Xunta, a conselleira mostrou a súa conformidade coa repartición dos fondos (na que a Galicia lle corresponden 2,2 millóns de euros para medidas de prevención e 1,8 millóns de euros para danos), pero pediu que no momento de formalizar as transferencias non se produza "ningunha discriminación como xa ocorreu hai dous anos". Neste sentido, Vázquez lembrou que en 2022 a repartición "foi inxusta" coa comunidade galega por "non apoiar" a estratexia nacional. Ante isto, Galicia interpuxo un recurso contencioso-administrativo que aínda non se resolveu.

En 2023 non houbo distribución de fondos entre as comunidades, polo que Galicia leva dous anos "sen recibir fondos" que, segundo a Xunta, ascenden a 12 millóns de euros que non ingresou no período 2022-2024, o que supón un "importante prexuízo" para o sector gandeiro afectado. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático insistiu na necesidade de revisar o nivel de protección do lobo e de adaptalo á realidade actual en cada zona.

ALGA ASIÁTICA INVASORA

Na reunión, Ángeles Vázquez trasladou a preocupación de Galicia pola presenza nas súas costas da alga asiática invasora 'Rugulopteryx okamurae'. Esta especia empezou a aparecer hai anos noutras comunidades como Andalucía e foi incluída a finais de 2020 no catálogo español de especies exóticas invasoras. Desta forma, sinalou que constataron a existencia desta especia nas rías da Coruña e Vigo e apelou á implicación de todas as institucións para atallar a súa proliferación.

Por iso, o Executivo galego constituirá un comité científico no que participarán diferentes departamentos da Administración autonómica, entidades investigadoras, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o sector pesqueiro. Ademais, convidará a representantes do Goberno central. O obxectivo da comisión será a creación dun plan de xestión da biomasa derivada desta especie e analizar os posibles impactos da súa expansión tanto económicos no sector pesqueiro como ecolóxicos para o medio ambiente, ao tratarse de "unha posible ameaza" para a biodiversidade dos fondos mariños.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participa no pleno da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participa no pleno da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta