A Xunta prepara un comité para estudar a situación dunha alga asiática invasora nas costas galegas

Foi incluída a finais de 2020 no Catálogo español de especies exóticas invasoras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2024 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia avanza nos traballos para constituír un comité de expertos para o estudo da presenza nas costas galegas da alga asiática invasora Rugulopteryx okamurae, unha especie que comezou a aparecer hai anos noutras comunidades como Andalucía e que foi incluída a finais de 2020 no Catálogo español de especies exóticas invasoras.

As Consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Mar avalían a composición dese grupo e as liñas de traballo a desenvolver co obxectivo de estudar a especie e "atallar a súa proliferación", xa que xa se atopa nalgúns puntos das rías da Coruña e de Vigo e pode ter un impacto nos seus ecosistemas.

Segundo explican nun comunicado, a constitución deste comité xa foi comunicada o pasado mércores pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Anxos Vázquez, ao Goberno central durante a celebración da Comisión Sectorial de Medio Ambiente, na que trasladou a vontade da Xunta de que ese grupo comece a traballar de forma "inmediata" e que conte entre os seus membros con algún representante do Executivo central, ao que cursará formalmente unha invitación en próximos días.

Neste sentido, apuntan que xa existe unha estratexia nacional de control desta especie -- aprobada en 2022 -- pero o Goberno central "non avanzou no seu desenvolvemento e aplicación".

Nese comité de expertos participarán distintos departamentos da Administración galega, entidades investigadoras, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e representantes do sector pesqueiro, así como do Goberno central no caso de que se acepte a proposta galega de incorporarse ao grupo de traballo.

O obxectivo desta comisión, explican, será elaborar un plan de xestión da biomasa derivada desta especie e analizar os posibles impactos da súa expansión tanto económicos no sector pesqueiro como ecolóxicos para o medio ambiente, "ao tratarse dunha posible ameaza para a biodiversidade do medio mariño".

Investigadores galegos detectan a presenza dunha alga invasora nas rías da Coruña e de Vigo
Investigadores galegos detectan a presenza dunha alga invasora nas rías da Coruña e de Vigo | Fonte: UDC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta