Os emigrantes galegos en Cataluña premian a unha arraiana de Goián

O próximo día 7 viaxaremos a Ribadeo, nas terras do Eo, onde en Castropol o rexistrador da propiedade e bibliófilo Fermín Penzol Lavandeira tiña os seus apousentos. Desde ali soñaba coa reunificación da vella Gallaecia. A Fegalcat, (Federación de Entidades Culturais en Catalunya), ese día en acto público entregaralle o premio Alecrin a Carme P. Vaquero, polos seus moitos méritos nun labor desenvolvido arreo durante máis de trinta anos a prol da normalización lingúística desde o colectivo Galeguizar Galicia (www.galeguizargalicia.gal).

Por Xosé Glez. | VIGO | 31/07/2024

Comparte esta noticia
Carme Vaquero é tamén arraina, pero do sur de Galicia, de Goián, onde o Miño chega ao mar atlántico Unha vila como  poucas hai en Galicia, porque atesoura un patrimonio humano e  intelectual considerable nas persoas do  escritor e poeta Eliseo Alonso, os pintores Antonio Fernández e Xavier Pousa,  e os escultores Xoán Piñeiro e Maxín Picallo. Dalí tamén é Helena Pousa, historiadora e dialectóloga, que estudou unha variante do galego cun léxico moi curioso que se fala no barrio de Fontenla (Fontiala, como din eles nesa fala de seu). 
 
Iou, como din eles, vou escrbir algunhas frases sobre Carme Vaquero  co gallo desta fiasta da Fegalcat. E fareino bian, como ten que ser para facerlle xustiza á homenaxeada. Porque sempre está abríndollelas cancialas á lingua. Daquiala non quiaro deixar pasar esta ocasión para facelo.Tamián porque lle  teño devoción a súa tiarra (cando os  romanos  a conquistaron denominaron aquela comarca Terra Gauda). Xa fose no verán ou no enviarno, percorrín con ela  aqueles vieiros noutrora transitados polos que andaban en tempos ídos no estraperlo, na ramboia, tan bian musicada por “Fuxan Os Ventos” na súa cantiga “O estraperlo”, que cantei moitas veces cos mious amigos mentres comiabamos fillozas feitas pola súa irmá Alba,habitual falante do goianés,  na cociña familiar do barrio da Centinela. 
 
Carme P. Vaquero, durantes estas décadas foi desenvolvendo un traballo imprescindible para conseguirmos que o galego conquistase novos espazos de uso na xudicatura, no dereito, nas empresas, na etiquetaxe. Capítulo aparte merece a proxección alén nós doutro territorio arraiano e singular, o Couto Mixto, do que ela é unha das máis excelsas valedora.
 
Carme Vaquero é a imaxe pública e  a voz personalísima neses documentais e anuncios pregoando a galeguización de Galicia que emite constantemente a canle de televisión do noso colectivo Galeguizar Galicia. A súa habelencia para transmitir as mensaxes  é modélica, tanto nas súas enfáticas alocucións como no seu preciso e ordenado discurso. O éxito do seu traballo é o resultado de aplicar a ecuación aritmética i+i+c (intelixencia+imaxinación+constancia).
 
Son moitas as persoas relevantes que lle teñen prodigado louvanzas. Lembro arestora algunhas: Francisco Fernández del Riego, expresidente da Real Academia Galega; os tamén escritores Xosé Neira Vilas e Franco Grande;  os maxistrados Orencio Pérez González, Daniel García Ramos, e Victorino Gutiérrez Aller, notario que foi de Lalín. Esa admiración que lle profesaban, compartida por outro que aínda están afortunadamente connosco, poderiamola resumir nestra frase asertiva: haberá algunhas mulleres – non moitas- que traballen moito pola  expansión da lingua galega, pero Carme  é moi significativa. 
 
Por ese traballo inconmensurable recibíu varios premios. E máis que lle serán concedidos no futuro. Con Carme, como desexaba don Álvaro Cunqueiro, a lingua galega poderá ter aseguradas no futuro mil primaveras máis por mor  da extensión dos seus usos en todas as ordes da vida social.

Carmen Vaquero
Carmen Vaquero | Fonte: Xosé González
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.