Así é o incendio tipo en Galicia: intencionado, nun monte particular de Ourense e nunha tarde de agosto

De cara a este 2024 a Xunta de Galicia xa se marcou o obxectivo de que ardan menos de 18.489 hectáreas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro. No que vai de ano os lumes de Trabada (190 hectáreas), rexistrado en abril; e Crecente (170 hectáreas), que tivo lugar en febreiro, foron os de maior superficie queimada.

Por Ángela Precedo | OURENSE | 07/08/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando chegan as altas temperaturas propias do mes de agosto, nesas tardes abafantes nas que un non sabe se ir á praia para non saír da auga ou quedarse na casa co aire posto e todas as persianas baixadas, os bombeiros galegos xa se temen o peor, cruzando os dedos para que non aconteza o que semella inevitable ano tras ano: que se desate un novo incendio forestal que arrase con varias hectáreas do noso monte. Aínda que un lume sempre é algo impredecible, especialmente cando é provocado, hai certos factores que ao confluír fan que aumenten as posibilidades. Dende o Galicia Confidencial analizamos o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galicia (Pladiga 2024) para extrapolar cales son estes factores. Deste xeito obtemos as características do incendio tipo en Galicia: intencionado, nun monte particular ou veciñal en mancomún de Ourense e nunha tarde do mes de agosto.

Incendio de Carballeda de Valdeorras entra no municipio do Barco de Valdeorras
Incendio de Carballeda de Valdeorras entra no municipio do Barco de Valdeorras | Fonte: CEDIDA - NEREA FERNÁNDEZ - Arquivo

Segundo se recolle neste Plan, a superficie queimada en Galicia por incendios nos últimos 10 anos foi de 18.489,13 hectáreas (das 550.000 de monte coas que conta a comunidade). Nesta década, os anos máis tráxicos foron, con diferenza, o 2017, cando se perderon 62.096,26 hectáreas (32.267,50 delas arboladas); e o 2022, cando o lume arrasou 51.642,58 hectáreas (16.766,14 arboladas). Naquel fatídico ano 2017, no mes de outubro, facía semanas que non chovía, cunha temperatura inusualmente elevada para o comezo do outono e os restos que deixara o furacán Ophelia, con fortes rachas de vento e escasa humidade. Chegou a haber 200 incendios activos simultáneamente, que ameazaban moitos núcleos de poboación.

Catástrofe semellante non se lembraba dende a grande oleada de lumes de agosto de 2006, que arrasou durante case dúas semanas máis de 70.000 hectáreas de monte (máis do que ocupa todo o concello de Madrid). Só cinco anos despois, repetiríase. No 2022 grandes lumes, no Courel (11.100 hectáreas queimadas) e Valdeorras (10.500 hectáreas arrasadas), bateron todas as marcas dende que hai rexistros. Nese ano 1.400 persoas tiveron que ser desaloxadas pola proximidade do lume ás súas vivendas. Foi a treboada perfecta: sequía prolongada, altas temperaturas e máis de 6.000 raios caídos nunha soa noite. O monte explotou como un polvorín con numerosos focos concentrados no sur da provincia de Lugo e en Ourense. Dúas semanas permaneceron activos eses dous grandes incendios, os máis grandes na historia de Galicia. 

A estes dous fatídicos anos, e por número de hectáreas queimadas polos incendios forestais, seguiríanlles o 2016, con 21.533,76 hectáreas arrasadas polo lume (8.846,70 delas arboladas); o 2020, con 14.805,91 (1.959,37 arboladas); o 2015, con 12.234,33 (4.543,75 arboladas); o 2019, con 6.835,53 (3.046,95 arboladas); o 2023, con 6.748,92 (3.953,34 arboladas); o 2021, con 4.403,18 (2.270,07 arboladas); o 2018, con 2.599,66 (725,01 arboladas); e o 2014, con 1.991,14 hectáreas arrasadas polo lume (502,83 delas arboladas). De cara a este 2024 a Xunta de Galicia xa se marcou o obxectivo de que ardan menos de 18.489 hectáreas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro. No que vai de ano os lumes de Trabada (190 hectáreas), rexistrado en abril; e Crecente (170 hectáreas), que tivo lugar en febreiro, foron os de maior superficie queimada. O pasado 2023 houbo que lamentar dous grandes incendios: o de Baleira, iniciado o 28 de marzo e que arrasou con 1.590,05 hectáreas; e o de Trabada, que arrancou o 12 de outubro e queimou 2.296,53 hectáreas.

Por outra parte, as hectáreas queimadas non sempre son indicativo do número de lumes que se rexistraron ao longo do ano, é dicir, pode haber moitas hectáreas queimadas en poucos lumes ou pode haber moitos que rematen con poucas hectáreas. De feito, analizando o número de incendios desatados na última década, obsérvase que, efectivamente, o ano con máis lumes foi o fatídico 2017, cun total de 3.120 (653 deles con superficie superior ás 0,5 hectáreas), que remataron con esas 62.096,26 hectáreas; pero o segundo peor ano da década foi o 2015, con 2.854 lumes (562 queimaron máis de 0,5 hectáreas), a pesares de arrasar en total 12.234,33 hectáreas.  A estes seguiríanlles o 2016, con 2.354 lumes; o 2022, con 1.713; o 2019, con 1.666; o 2020, con 1.534; o 2018, con 1.338; o 2014, con 1.227; o 2021, con 950; e o 2023, con 908 lumes declarados ao longo do ano.

Un avión traballa na área queimada, a 30 de xullo de 2024, en Luesia, Zaragoza, Aragón
Un avión traballa na área queimada, a 30 de xullo de 2024, en Luesia, Zaragoza, Aragón | Fonte: Ramón Comet - Arquivo

UN 43 % DO MONTE GALEGO TEN ÁRBORES AUTÓCTONAS E UN 28 % EUCALIPTOS

Polo que respecta ao reparto dos usos do solo no territorio galego, o Pladiga expón que o 68,66 % do solo galego é de superficie forestal, o equivalente a unhas 2.030.681,03 hectáreas, das cales o 70 % son superficie arbolada (o 43 % dela ten árbores autóctonas e o 28 % ten eucaliptais). Seguidamente, o 27,82 % da superficie galega é agrícola (822.626,86 hectáreas); o 2,76 % posúe elementos artificiais (81.520,99 hectáreas); o 0,69 % posúe auga (20.307,41 hectáreas); e o 0,08 % é de humidal (2.311,58 hectáreas). Así ata completar 2.957.447,47 hectáreas de solo totais. O 13 % desa superficie, o equivalente a 29.574 quilómetros cadrados, pertence á rede galega de espazos naturais protexidos. A distribución das especies vexetais pode sorprender: o 17,04 %, é dicir, a maioría, é de 'Quercus robur'; o 14,13 %, de 'Eucalyptus nitens'; o 14,06 %, de 'Pinus pinaster'; o 13,42 %, de 'Eucalyptus globulus'; e a porcentaxe restante, doutras especies. 

Así mesmo, no tocante á propiedade dos montes, Galicia caracterízase polo minifundismo, pois o 97 % do monte está en mans de particulares ou son montes veciñais en man común. Dentro deses montes, o 64,24 % son privados, o 32,49 % son montes veciñais en man común, o 2,64 % son montes públicos e o 0,63 % son montes de varas. En total estímase que en Galicia hai uns 450.000 propietarios forestais, cada un cunha media de 3 hectáreas baixo a súa propiedade. Todos estes montes deben estar debidamente coidados para que non se desaten neles lumes, algo que non sempre acontece pola dificultade da Administración para atopar, nalgúns casos, aos seus propietarios. Moitos deles pasan de xeración en xeración e remátase perdendo a pista de a quen pertencen na actualidade.

O 74,64 % DOS INCENDIOS FORESTAIS DA ÚLTIMA DÉCADA FORON PROVOCADOS

Na última década, segundo a súa causa, a maioría dos lumes desatados en Galicia foron provocados. En concreto, o 74,64 % dos incendios forestais foron intencionados, o que supón un total de 13.169 lumes que arrasaron con 121.555,83 hectáreas. O 6,22 %, que supón 1.097 lumes (13.451,31 hectáreas queimadas), tiveron unha orixe descoñecida; o 4,94 %, 872 lumes (2.119,13 hectáreas), responderon a neglixencias; o 3,85 %, 679 lumes (5.560,10 hectáreas), debéronse a reproducións; o 3,67 %, 648 lumes (4.589,60 hectáreas), responderon a outras causas; o 3,67 %, 647 lumes (34.926,11 hectáreas), foron de orixe natural; e o 3,02 %, o que supón uns 532 lumes (2.707,10 hectáreas arrasadas polas chamas), debéronse a queimas descontroladas. Desglosando por provincias a porcentaxe de lumes que foron provocados, vese que na Coruña foron o 70,71 %; en Lugo, o 68,06 %; en Ourense, o 78,23 %; e en Pontevedra, o 77,35 %. Mentres que aqueles que se deberon a causas naturais na Coruña foron o 1,60 %; en Lugo, o 9,10 %; en Ourense, o 3,47 %; e en Pontevedra, o 2,04 %.

Tamén hai que ter en conta que hai meses do ano e mesmo horas do día que son máis propensas a que se desenvolvan lumes que outras. O Pladiga recolle a distribución dos incendios declarados en Galicia o pasado ano 2023 por meses e horas. Así, o mes de agosto lévase o premio gordo, con 248 lumes; séguelle febreiro, con 136; outubro, con 96; xullo, con 92; maio, con 82; marzo, con 80; abril, con 71; setembro, con 51; xuño, con 49; xaneiro, con 2; novembro, con 1; e decembro, sen ningún lume declarado nese mes. En concreto, entre as 14.00 e as 21.59 horas é cando deu comezo o 57,8 % de todos os lumes rexistrados no 2023 (10.193). Máis detalladamente, ás 17.00 horas comezaron un total de 1.509 lumes; ás 18.00, 1.418; ás 16.00, 1.414; ás 15.00, 1.310; ás 19.00, 1.200; ás 20.00, 1.167; ás 14.00, 1.105; ás 22.00, 1.073; ás 21.00, 1.070; ás 13.00, 917; ás 23.00, 898; ás 00.00, 751; ás 12.00, 580; ás 01.00, 429; ás 02.00, 398; ás 03.00, 281; ás 10.00, 255; ás 07.00, 248; ás 08.00, 231; ás 06.00, 224; ás 09.00, 211; ás 05.00, 195; e ás 04.00, 193.

Árbores de eucalipto arden durante o incendio, a 12 de outubro de 2023, en Vidal, Trabada
Árbores de eucalipto arden durante o incendio, a 12 de outubro de 2023, en Vidal, Trabada | Fonte: Carlos Castro - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta