Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2024 | Actualizada ás 09:24
O número de parados rexistrados nas oficinas galegas dos servizos públicos de emprego subiu en 107 persoas en xullo, en relación co mes anterior, o que supón un 0,09% máis que en xuño, pese ao descenso a nivel estatal. Así se desprende das cifras publicadas este venres polo Ministerio de Traballo e Economía Social, que sitúan o total de desempregados galegos nos 118.045, un 7,38% menos que hai 12 meses.
A nivel estatal, o paro baixou en 10.830 persoas en xullo, ata 2,55 millóns de desempregados, un 0,42% menos que en xuño e un 4,77% menos que no mesmo mes de 2023. Por provincias, en todas elas o paro rexistrou taxas negativas menos en Lugo, onde subiu en 262 persoas, ata 11.397 desempregados. Na Coruña, o número de persoas sen emprego baixou no último mes en 144, ata 46.789; mentres que en Ourense, en 4 persoas, ata 14.155, e en Pontevedra, en 7, ata 45.704 desempregados. Do total de parados galegos, máis do 59% era muller e un 3,6% tiña menos de 25 anos.
Por sectores, a maioría tamén rexistrou unha caída do paro, como a agricultura, onde 108 persoas atoparon traballo. Na industria houbo no mes de xullo en Galicia 152 parados menos e na construción 122. Con todo, o sector servizos rexistrou 483 parados máis e as persoas sen emprego previo, 6 máis. Entre outros datos, os beneficiarios por prestacións de desemprego en Galicia alcanzaron as 75.513 persoas, dos cales 33.656 percibían unha prestación contributiva. De media, estes últimos cobraban 935,6 euros ao mes, por baixo dos 969,3 euros de media nacional.
SEGURIDADE SOCIAL
A Seguridade Social gañou unha media de 8.503 cotizantes en Galicia en xullo (+0,78%) en comparación co mes anterior, de modo que alcanza un total de 1.093.374 afiliados. Esta subida intermensual contrasta coa baixada media de 9.783 cotizantes en España en xullo (-0,05%), lastrado principalmente polo sector da educación, que perdeu 122.551 afiliados polo fin do curso escolar, segundo datos publicados polo Ministerio de Seguridade Social este venres. En comparación con xullo de 2023, a afiliación creceu en 15.246 en Galicia, un 1,41% máis, neste caso un avance por baixo da media de incremento do 2,35% estatal, onde repunta en 491.221 cotizantes.
"CIFRA DE PARO MÁIS BAIXA NUN MES DE XULLO"
O conselleiro de Emprego, Comercio e Inmigración, José González, destaca que o mercado laboral galego continúa cunha evolución favorable con 118.045 persoas desempregadas, a cifra de paro máis baixa nun mes de xullo desde que hai rexistros, é dicir, desde 1996. Así o expuxo a pesar da subida do desemprego en comparación co mes de xuño.
O conselleiro valorou os datos do paro durante unha visita ao polo de emprendimiento e apoio ao emprego do Carballiño. Alí, González expuxo que o paro caeu na evolución anual no catro provincias galegas, no sete cidades e en todos os sectores de actividade, así como tamén en colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta, como menores de 30 anos e parados de longa duración.
Ademais dixo que é a segunda comunidade autónoma en baixada de paro na evolución anual (-7,38%) superando a baixada do Estado (-4,77%) en 2,61 puntos e tamén é a segunda comunidade que máis sobe en afiliacións no último mes.
OS SINDICATOS ALERTAN
A CIG alerta dun incremento do paro en pleno verán en Galicia, época de tradicional descenso pola campaña de contratacións estivais. Ademais, pon o foco en que todo o desemprego rexistrado prodúcese entre mulleres. Nun comunicado, a CIG advirte de que non é habitual unha alza do paro no verán, polo que "evidencia o esgotamento do modelo económico do goberno do Partido Popular á fronte da Xunta e que demostra o fracaso da reforma laboral de 2021". Incide en que un modelo laboral baseado en turismo e servizos "só provocan precariedade e inestabilidade".
Mentres, UXT observa que o paro "sobe moi lixeiramente en Galicia", aínda que baixa no Estado. Con todo, valora o dinamismo do mercado laboral cos mellores datos de xullo na serie histórica. UXT alerta de que en termos estruturais o desemprego feminino representa o 59% do total. Contrasta que hai unha baixada do 1,08% entre os homes de forma intermensual cunha subida do 0,92% entre mulleres. Pola súa banda, Comisións Obreiras apunta que Galicia "debe apostar por un cambio de modelo produtivo" e cre necesario dar resposta á desigualdade das mulleres no mercado laboral galego.
Con todo, CC.OO. valora que os datos do paro rexistrado en Galcia "seguen en mínimos histórico, a pesar da subida do mes de xullo". Igualmente, en termos de afiliación á Seguridade Social, apunta que está a menos de 2.000 empregos do máximo histórico alcanzado en 2008.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.