Uns 400 docentes de centros concertados poderán acceder á xubilación parcial

A Consellería de Educación financiará con cinco millóns de euros a posta en marcha de medidas que favorezan a xubilación parcial dos docentes do ensino concertado que cumpran os requisitos esixidos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2024 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación financiará con cinco millóns de euros a posta en marcha de medidas que favorezan a xubilación parcial dos docentes do ensino concertado que cumpran os requisitos esixidos, unha medida que implicará contratación de novos docentes e que beneficiará, estiman, a uns 400 profesionais.

Segundo fontes consultadas por Europa Press, a previsión é que o Goberno galego ratifique a próxima semana as condicións de xubilación parcial deste colectivo, unha acción que deriva do acordo alcanzando entre a Consellería de Educación e as organizacións empresariais e sindicais do ensino concertado.

Co investimento económico, a Xunta asumirá as retribucións e as cotizacións á Seguridade Social derivadas deste acordo ata a data na que as persoas xubiladas parcialmente alcancen a idade legal para acceder á xubilación total. O obxectivo é facilitar e establecer as condicións para o acceso á xubilación parcial ao profesorado de centros concertados, mediante a celebración simultánea de contratos de substitución para os novos docentes substitutos.

Entre os requisitos para acceder á xubilación parcial está que o persoal docente estea vinculado por un contrato de traballo de duración indefinida e xornada completa, incluído no réxime de pago delegado cunha antigüidade mínima de seis anos no momento de iniciarse a xubilación parcial. Tamén se poderán beneficiar as persoas cooperativistas que cumpran estes requisitos.

O período mínimo de duración da xubilación será dun ano e a redución da xornada laboral estará comprendida entre un mínimo dun 25 % e un máximo do 50 %. 
No caso do profesorado contratado en substitución, establécese como criterio preferente que a persoa candidata estea incluída na bolsa de recolocación creada por un acordo asinado en xuño do ano pasado entre a Consellería de Educación e as organizacións empresariais e sindicais do ensino privado concertada de Galicia.

Gorras de alumnos colgadas dun percheiro o día que arrinca o curso escolar en Galicia, no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, a 8 de setembro de 2022
Gorras de alumnos colgadas dun percheiro o día que arrinca o curso escolar en Galicia, no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, a 8 de setembro de 2022 | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta