Monterrei exalta os seus caldos do 9 ao 11 de agosto

A vila de Verín prepárase para acoller a XVII Feira do Viño, evento que reunirá 19 adegas da Denominación de Orixe Monterrei. Entre as actividades paralelas á mostra, destacan os concertos de Mercedes Peón, Soul Teller ou A Quinkillada.

Por Galicia Confidencial | Verín | 07/08/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Durante tres días, a praza da Alameda de Verín converterase no epicentro do mundo vitivinícola, ofrecendo a veciños e visitantes non só a oportunidade de degustar os viños máis destacados denominación de orixe, senón tamén desfrutar dunha completa programación cultural e gastronómica.

Presentación da XVII Feira do Viño de Monterrei. Foto: Prensa Concello de Verín.
Presentación da XVII Feira do Viño de Monterrei. Foto: Prensa Concello de Verín.

Nesta ocasión asistirán un total de 19 das 29 adegas que conforman a denominación, "unha máis que na anterior edición, o que constitúe unha cifra histórica e revela o gran apoio do sector a esta cita vitivinícola", recoñecía o presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Jonatás Gago García.

Ademais dos stands das adegas, estarán presentes postos gastronómicos aptos para todos os públicos. O recinto feiral estará aberto o venres 9 de 19:30 a 24:00 h. (venda anticipada a partir das 19:00 horas); o sábado 10, de 12:30 a 14:30 h, e de 19:30 a 01:00 h; e o domingo 11, de 12:30 a 14:30 h, e de 19:30 a 24:00 h. Nesta edición, os prezos volverán ser de 5 degustacións por dez euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.

O acto inaugural da XVII Feira do Viño de Monterrei realizarase o venres 9, a partir das 20:00 horas, na praza García Barbón, coa participación da Banda de Gaitas do Concello de Verín.

Previamente a dita inauguración, na Igrexa Parroquial de Verín, ás 18:30 horas, terá lugar o acto de imposición de medallas da Cofraría dos Viños de Monterrei, que volve realizarse en conxunto coa celebración da feira.

En palabras do alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, na presentación á prensa do evento: "A Feira do Viño de Monterrei é moito máis que unha celebración vitivinícola; con actividades para todas as idades, catas especializadas e concertos de artistas de primeiro nivel, esta edición promete ser unha experiencia inesquecible, consolidándose como un dos eventos máis importantes e esperados do ano en Verín e a súa contorna. Animamos a todos e todas a participar e descubrir o encanto da vila do Támega, desde os nosos excelentes viños ata a nosa rica cultura e tradicións".

Dende a organización aproveitaron o acto tamén para facer un chamamento ao civismo e ao respecto polos espazos públicos de Verín: "Este evento é unha oportunidade única para gozar dos excelentes viños, gastronomía e actividades culturais que ofrece a nosa vila. Para que todos poidamos desfrutar desta celebración, é fundamental que colaboremos en manter un Verín limpo e ordeado, respectando o mobiliario urbano, sendo conscientes do ruído e utilizando os baños públicos dispoñibles no recinto feiral. Contribuamos todos a garantir a hixiene, a limpeza e o respecto pola cidadanía do noso pobo durante a feira".

Na web do Concello de Verín pódense coñecer as adegas presentes na Feira do Viño e o programa de actividades paralelas. Destacan os concertos de Mercedes Peón, Soul Teller ou A Quinkillada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta