Garda Civil: a falta de relevo pode ser un problema nuns anos en Galicia

Os e as gardas civís piden unha serie de cambios dentro do seu corpo para estaren equiparados a outros tanto en salario como en equipamentos e condicións laborais. Tamén ven necesario o cambio nos regulamentos internos do corpo de cara a evitar o que consideran situacións de “inxustiza” fronte os mandos, aumentar as dotacións de material de seguridade e mellores condicións para o relevo de axentes mediante ofertas públicas de emprego

Por Moncho Mariño | Santiago | 29/08/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un axente da Garda Civil
Un axente da Garda Civil | Fonte: Garda Civil


LEXISLACIÓN LABORAL E CÓDIGOS INTERNOS
A grande reivindicación laboral por parte das asociacións profesionais é recoñecer á Garda Civil como unha profesión de risco. “Non estamos consideradmos inexplicablemente como profesión de risco. É unha cuestión de vontade e querer facelo desde a política. Levamos tempo reivindicando esta inclusión xunto don outras Asociacións Profesionais de Gardas Civís e sindicatos da Policía Nacional, que tampouco están incluídos”, destacan desde a Asociación Española de Guardias Civiles (AEGC).

Fontes da Asociación Unificada de Guardia Civiles apuntan que por exemplo, un grande número de axentes cotizan como clases pasivas, mentres que aqueles axentes ingresados a partir de 2011 cotizan no réxime xeral da Seguridade Social. Os ingresados antes de 2011 teñen uns salarios fixados nos Presupuestos Generales del Estado mais non van fixados á Caixa da Seguridade Social” din desde AUGC. O recoñecemento como profesión de risco “levaría a crear unha reforma de grandes proporcións dentro do sistema da Seguridade Social”. Nestes momentos existe unha mesa de traballo entre asociacións, sindicatos e Goberno para abordar este punto “mais non hai avances”. Porén, están incluídos dentro da Lei de Riscos Laborais “e temos unha lexislación complementaria de RRLL, aínda que a execución dos temas vai moi lenta”.

Doutra banda, a diferenza con outros corpos de seguridade, quer estatais ou autonómicos, a Garda Civil é un corpo de natureza militar que realiza funcións de policía e depende dos ministerios de Interior e Defensa. Debido a isto, o código de regulamento aplicado aos e ás gardas civís é o código militar. Nese sentido, a cadea de mando militar xoga un papel fundamental no desenvolvemento das tarefas diarias deste corpo. Para algúns este sistema de regulamento interno debera cambiar, primeiramente para axilizar o traballo do corpo e eliminar situacións que mesmo porían en risco a continuidade profesional dun garda.

“Son necesarios cambios e moi rápidos. Debe aprobarse a reforma da Ley de Personal aprobada no Consejo de Guardia Civil e que está parada no Goberno central”, apuntan da AEGC. A solución apuntada de AUGC é a de aplicar o código civil e non o militar nas relacións de subordinación. “Se se denuncia un caso de corrupción dentro do Corpo, quen denuncia pode ser acusado de deslealdade á Garda Civil, o que impide combater a corrupción interna”.

Dispositivo de control de velocidade
Dispositivo de control de velocidade | Fonte: GARDA CIVIL - Arquivo

As accións disciplinarias van desde un apercibimento, que é unha sanción leve mais pode restar puntos nun concurso de méritos. Logo hai sancións disciplinarias que poden levar á perda de postos dentro do escalafón, perda de destino e mesmo a perda de condición como garda civil.

SEGURIDADE E MATERIAL
Existe unha serie de peticións para reforzar o material de seguridade individual dos gardas civís. “Queda moito por facer, parece que xa van repartir chalecos antibalas entre os axentes” din da AUGC. “É necesaria a compra e reparto urxente de pistolas eléctricas incapacitantes e a formación necesaria para usalas” apunta a AEGC. Dentro do que é a Agrupación de Tráfico, o director da Dirección General de Tráfico, Pere Navarro, “di que o diñeiro para mercar chalecos airbag está liberado, mais se aínda non se distribuíron é pola lentitude da mesma Agrupación”. A incorporación destes chalecos á Agrupación de Tráfico anunciouse hai tres anos.

Entre certas unidades da Garda Civil para operativos especiais repartíronse pistolas dun fabricante israelí. A denuncia veu cando se coñeceron as queixas de axentes sobre o mal funcionamento destas armas mesmo poñendo en risco a integridade do axente. “A política sobre material sempre foi errática e moi lenta, non sempre mercan o máis óptimo” din da AUGC. “Sempre van ao máis económico”, pois a compra deste material faise mediante uns condicionantes reflectidos en pregos que, finalmente, buscan o custe máis baixo.

Por outra parte, a día de hoxe estanse pechando acuartelamentos en todo o Estado. O baleirado poboacional de moitas áreas leva canda si a clausura de vivendas-cuartel, facendo que patrullas situadas a distancias máis longas teñan que cubrir un territorio máis amplo. “É moi necesario reorganizar a distribución, ten que haber vontade política por parte de todas as administracións afectadas desde a Central até as municipais” din desde AEGC.

A isto súmaselle a falta de efectivos, algo que todas as asociacións ven moi preocupante. Actualmente “estanse retirando a xeración do babyboom e en dez anos teremos moito menos persoal” din da AUGC. Sobre as OPE para cubrir prazas a AEGC destaca que “son escasas e a taxa de reposición non é suficiente, polo menos a nivel estatal son necesarios 10.000 efectivos en poucos anos e concretamente, en Galicia, en pouco tempo vai ser un problema para ter en conta”. Sobre as competencias en diferentes materias, AEGC, sinala que en tráfico están ben delimitadas, mais AUGC sinala que, no caso de Cataluña, os Mossos d'Esquadra terían unha unidade para o seu litoral.

Igual que outros corpos de seguridade, a Garda Civil non é profesión de risco. Os seus axentes, ademais, transmiten a necesidade de melloras salariais, de seguridade e fornecemento de equipos así como un cambio no código interno, pasando dun militar a outro civil.

Comparativa de salarios entre corpos de seguridade
Comparativa de salarios entre corpos de seguridade | Fonte: Independientes de la Guardia Civil
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Sentidiño

Estou preocupadísima...

2 Sentidiño

Estou preocupadísima...

1 Sentidiño

Estou preocupadísima...