Por GC Emprende | Compostela | 09/12/2015 | Actualizada ás 21:49
A saúde do cerebro é o tema coincidente do proxecto de investigación e do caso de éxito empresarial galardoados na primeira edición dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia.
Así, o premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo gañador, recaeu en José Castelo, Tomás Sobrino e Francisco Campos, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
O grupo resultou galardoado por unha nova terapia para atallar as secuelas do ictus, unha enfermidade que só en Galicia rexistra máis de 5.000 casos ao ano e vai en aumento.
O premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspóndelle ao innovador sistema de diagnóstico precoz de enfermidades neurodexenerativas desenvolvido pola start-up coruñesa Qubiotech, Health Intelligence.
O software galardoado, bautizado como IQ-BRAIN, foi precisamente o xerme desta empresa, que naceu como spin-off dun grupo de investigación do CHUS. Os membros do xurado destacaron a capacidade para xerar un importante impacto no coidado da saúde e na eficiencia dos recursos sanitarios.
O certame, que publicou este martes a resolución do xurado, está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedentes dos organismos de investigación ao tecido produtivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.