O Consello de Europa detecta eivas do uso do galego na educación, sanidade, xustiza e función pública

A Mesa di que este informe é unha mostra máis do desprezo que o Estado e a Xunta mostran para a lingua galega.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/09/2024 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

O Consello de Europa fixo público esta mañá o seu 6º informe sobre o cumprimento da Carta Europea das lingua rexionais e minorizadas, tratado internacional ratificado polo Estado español en 2001 e de obrigado cumprimento. Un informe no que, segundo A Mesa, este órgano recriminalle á Xunta incumprimentos mínimos internacionais en relación co galego.

A Mesa denuncia ante o Consello de Europa os 'incumprimentos' da Carta Europea das Linguas que sofre o galego. A MESA
A Mesa denuncia ante o Consello de Europa os 'incumprimentos' da Carta Europea das Linguas que sofre o galego. A MESA

Este informe, elaborado por persoas expertas na materia despois de reunirse con institucións e entidades sociais como a propia Mesa, sinala por terceira vez o incumprimento por parte da Xunta dos puntos relacionados coa educación, concretamente no ensino infantil, primario e secundario. Tamén advirte do empeoramento do cumprimento da Carta Europea das Linguas por parte das autoridades xudiciais, en relación ao desenvolvemento de procedementos en galego a petición dunha das partes así como da garantía no uso de intérpretes. E chama a atención sobre as deficiencias no requisito de coñecemento do galego por parte do funcionariado, nomeadamente no acceso á adminstración do Estado.

O comité de expertos do Consello de Europa recomenda, para acción inmediata, eliminar as limitacións que impiden o uso do galego como medio de ensino das materias de ciencias, adoptar medidas para garantir o uso do galego nos centros de atención sociosanitaria e garantir que os falantes de galego poidan interactuar en galego nas delegacións locais da administración estatal e emprender as accións precisas para que os tribunais conduzan a actuación penal, civil e administrativa en lingua galega a instancias dunha das partes.

OUTRAS RECOMENDACIÓNS

O informe recomenda, tamén, garantir que o ensino en galego estea dispoñible en todos os niveis e, nomeadamente, no ensino infantil nas cidades. Recolle a necesidade de elaborar materiais didácticos en galego para as ensinanzas técnicas e profesionais, incluídas as a distancia e de poñer a disposición datos desagregados sobre o número de procesos penais, civís e administrativos levados a cabo en galego. As institucións públicas deben informar sobre a dispoñibilidade dos dereitos dos consumidores en Galicia.

Asimesmo, recorda que é preciso poñer a disposición da cidadanía os textos e formularios administrativos estatais en galego, restablecer unha versión galega do Boletín Oficial do Estado e desenvolver un software que ofreza a posibilidade de utilizar formularios, modelos ou documentos en galego de forma eficaz no proceso xudicial, posibilitando unha análise xudicial avanzada, ao tempo que proporcionan aos cidadáns canles de comunicación coa administración de xustiza en galego.

"DESPREZO"

A Mesa pola Normalización Lingüística considera que este informe do Consello de Europa é unha mostra máis do desprezo que o Estado e a Xunta mostran para a lingua galega, confirmando -en palabras do seu presidente, Marcos Maceira- que "23 anos despois de ser ratificada, a Carta Europea das linguas segue sen se cumprir". Para o presidente da Mesa, o incumprimento contínuo supón "desacato e insubmisión da Xunta á súa propia legalidade, buscando cuestionar a oficialidade do galego".

Maceira recorda, tamén, que a entidade de defensa da lingua solicitou unha xuntanza co Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude para enfrontar esta situación o mesmo día do seu nomeamento e que ata o día de hoxe esta solicitude non tivo resposta.

Un informe do Consello de Europa urxe "eliminar as limitacións" para ensinar materias de ciencias en galego.

"SISTEMA AVANZADO" EN ESPAÑA, PERO CON "DESAFÍOS"

E é que o informe do grupo de expertos europeo considera que España conta "cun sistema avanzado de protección e fomento" das linguas minoritarias, principalmente porque así o recoñecen a Constitución e os Estatutos de Autonomía. A isto suma fitos como que, desde 2023, as dúas Cámaras das Cortes Xerais permiten o seu emprego.

A pesar destes "moitos progresos", o Consello de Europa si apunta como "principais desafíos" o fomento destas linguas en ámbitos que son competencia estatal, como os intercambios transfronteirizos e a xustiza. No caso daquelas competencias atribuídas ás comunidades autónomas, o estudo confirma que houbo unha deterioración no cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias pola "adopción de lexislacións ou medidas que dificultan a súa aplicación".

Noutros casos, engade o estudo, "as medidas adoptadas a nivel autonómico foron revogadas ou reducidas polas autoridades xudiciais, cuxas decisións finais --por exemplo, as que impoñen modelos lingüísticos nos colexios-- poden non ser compatibles cos compromisos ratificados por España". A isto súmase que, na práctica, as linguas minoritarias que son cooficiais en España "de cando en cando utilízanse nas ordes, sentenzas, documentos procesuais ou correspondencia coas partes interesadas, e a maioría dos órganos xudiciais non atenden as solicitudes de recepción de documentación" nestes idiomas.

ALBARES PIDE A METSOLA QUE APROBE O USO OFICIAL DO GALEGO EN EUROPA

Por outra banda, este mesmo martes, o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, enviou unha carta á presidenta da Eurocámara, Roberta Metsola, para pedirlle que se aprobe o uso de catalán, o eúscaro e o galego como linguas oficiais no Parlamento Europeo. Esta é a terceira vez que Albares pide formalmente a Metsola a adopción dun acordo administrativo que permita o uso das tres linguas cooficiais na Eurocámara, como xa ocorre noutras institucións comunitarias, tras as cartas remitidas en setembro de 2022 e en marzo de 2024. Actualmente, xa existen "arranxos administrativos" no seo do Consello e da Comisión Europea que permiten a tradución de moitos dos seus documentos ás linguas cooficiais.

Na misiva, á que tivo acceso Europa Press, o ministro considera que o inicio da nova lexislatura constitúe unha "ocasión privilexiada" para avanzar no que define como "un asunto prioriotario" para España. Albares pide poder abordar "persoalmente" con Metsola a posibilidade de que esta leve á Mesa da Eurocámara o acordo administrativo que permita o uso de catalán, eúscaro e galego na mesma. Como argumento a favor deste paso, o ministro de Exteriores pon de relevo a necesidade de achegar as institucións europeas aos cidadáns e esgrime que nas rexións onde se falan estas linguas viven máis de 20 millóns de persoas, á marxe de que están recoñecidas pola Constitución e son linguas de traballo tanto no Congreso como no Senado.

Esta iniciativa, para a que o ministro pediu en varias ocasións o respaldo do PP dado que a súa familia política é maioritaria na Eurocámara, é independente da iniciada o verán pasado a cambio do respaldo de Junts á elección de Francina Armengol como presidenta do Congreso. Entón, Albares solicitou ao Consello da UE que se incluísen o catalán, o eúscaro e o galego no réxime lingüístico como linguas oficiais. Para que isto sexa posible, é necesaria a unanimidade dos Vinte e sete. O Goberno aproveitou a presidencia de quenda que ostentaba España no segundo semestre de 2023 para tratar de impulsar a súa proposta, pero non logrou concitar o respaldo necesario, ante as dúbidas dalgúns socios de que poida sentar precedentes respecto doutras linguas minoritarias.

Para superar ese escollo, o Goberno propuxo que sexa España quen asuma o custo de tradución que suporía a inclusión destas tres novas linguas, que virían sumarse ás 24 que xa son oficiais na UE. Segundo as estimacións de Bruxelas, a factura ascendería aos 132 millóns de euros anuais. O contido da carta, datada o 18 de setembro, coñécese ademais en pleno debate pola falta de apoio parlamentario do Goberno, despois de que Junts adiantase que non apoiaría o teito de gasto e forzase ao Executivo a aprazar a votación prevista para o xoves.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta