Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/10/2024 | Actualizada ás 09:00
En poucos días botará a andar unha nova edición do Outono Códax, o festival de música negra referencial para Galicia e o Estado incluso. A organización busca a excelencia ano a ano para sacar un cartel que estea á altura das expectativas dos seus seguidores, labor da que se gaban especialmente nesta XIV edición. Este ano poden chufar de contar con visitas, nalgún caso exclusivas en Galicia e noutros incluso en España, de artistas e bandas de renome internacional na escena das músicas de raíz afroamericanas, entendidas na súa máis ampla extensión: dende o blues ao soul ou dende o rock sureño ao swing, pasando polo rocksteady ou polo surf.
A presenza en Santiago de nomes tan destacados a nivel internacional como o gañador de dos Grammys ao mellor álbum de blues contemporáneo, Fantastic Negrito (23 novembro); os canadenses The Sheepdogs (9 novembro), que abren en Compostela a súa xira europea; ou a californiana Shannon & The Clams (21 novembro), recoñecida e valorada mesmo polo público non especializado neste tipo de xéneros, avalan o traballo de selección deste ano.
Aqueles que son máis afíns a esta escena aplauden ademais a presenza de figuras, se cadra non tan famosas pero de incuestionable calidade e moi difíciles de ver por estas latitudes, como: The Jives Aces ou The Fuzillis (22 novembro), ou os encargados de abrir o festival, The Courettes (31 outubro no Riquela), “a formación de rock and roll de dúas persoas máis grande do mundo”, como os definiu a publicación británica The Next Big Thing.
Este festival, que conta co apoio e a colaboración de Bodegas Martín Códax e o impulso organizativo de Raíña Productions e A Reixa, traerá a Santiago nove concertos en directo pero tamén unha ampla programación de actividades paralelas: catas, ceas musicais, ciclo de cinema, exposicións...
REPRESENTACIÓN GALEGA E CATALÁ
A representación galega recae nesta edición en Mambas Negras (21 novembro), quinteto vigués formado por grandes músicos galegos amplamente recoñecidos e Madame Bird (23 novembro), a banda da gran voz da escena negra galega, Carla de Figueredo.
Dende Barcelona chegarán Los Tiki Phantoms, unha banda referencial do surf instrumental con tres décadas de traxectoria.
Os concertos desta edición do Outono Códax, que se celebrará entre o 31 de outubro e o 23 de novembro, volverán ter por escenario a Sala Capitol e o Riquela Club de Santiago.
ENTRADAS E ABONOS
Os abonos e as entradas estarán a venda en Santiago en A Reixa Tenda-Matrioska e a través de salacapitol.com ou ataquilla.com. As entradas por día para os concertos da Sala Capitol ten un prezo de 20 euros (+gx) en venda anticipada e 25 euros (+gx) na billeteira.
As entradas por día para os concertos que se celebren no Riquela Club teñen un prezo de 15 euros (+gx) en venda anticipada e 18 euros (+gx) na billeteira, cun aforo moi limitado.
Ademais de en Compostela, as entradas tamén estarán á venda en Bonus Track (Ourense), Rock Box (A Coruña), Honky Tonk (Vigo).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.