Debe Audasa compensar aos conductores cando hai retencións quilométricas?

Hai sentenzas previas nas que os demandantes conseguiron a reintegración total ou parcial do custe das peaxes da AP-9, ao considerar o xuíz que a concesionaria da autopista non estaba prestando o servizo en óptimas condicións, como debería prestalo unha vía de pago.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 14/10/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Dantesca imaxe a que se atoparon na noite deste domingo 13 de outubro os condutores que viaxaban pola AP-9 dende o sur de Galicia cara Santiago ou A Coruña, moitos deles de retorno á casa despois da fin de semana. Unha furgoneta de conservación da autoestrada indicaba retencións xusto enriba do punto no que estas comezaban. A 120 km/h aos condutores non lles quedaba outra que frear 'in extremis' e poñer os catro intermitentes canto antes para que non se producise unha colisión en cadea. Eran moitos os que pensaban que podería tratarse dunha situación provocada por un accidente ou algo semellante, xa que descoñecían que había obras bastante máis adiante, pois non estaban sinalizadas coa suficiente antelación.

Información das obras no viaduto de Portas ofrecida na web de Audasa
Información das obras no viaduto de Portas ofrecida na web de Audasa | Fonte: Audasa

O atasco comezou arredor das 20.00 horas da tarde deste domingo e prolongouse ata ben entrado o final do día. A cola ía aumentando segundo ían pasando os minutos e os coches non avanzaban. Ás 21.00 da noite eran xa 5 os quilómetros de coches en fila repartidos en dous carrís, do 117 (Xagobe-Vilavedra) ao 113 (Rial). Sen embargo, afectados aseguran que chegaron a ser máis. Houbo condutores que pasaron detidos ou con lenta circulación máis de unha hora, sen poder facer nada para evitalo. Non había saídas próximas ata pouco antes do comezo das obras, onde se situaba o desvío para a gasolinera do Salnés. Moitos tomaron esa alternativa desquiciados por non saber onde remataba tal fileira de vehículos, e pegaron volta dirección Pontevedra, probablemente para coller a saída de Meis e retomar a viaxe por estrada convencional. Aínda que tamén houbo algúns que, botando de pillería, atravesaron pola estación de servizo coa intención de coarse na fileira máis adiante.

Non eran poucos os que se preguntaban, vendo pasar os minutos no coche e como se prolongaba a súa hora de chegada a destino inevitablemente, se tal situación era admisible nunha autopista de pago (unha das máis caras do Estado) como é a AP-9. E é que nin sequera os paneis informativos dirección Santiago tiñan os correspondentes avisos de obra, facilitando aos condutores a información precisa e suficiente como para poder decidir o tomar unha ruta alternativa. Ademais, enténdese que os condutores están pagando por un servizo rápido e áxil, con boas condicións de tránsito, para chegar uns minutos antes a destino. Polo tanto, a pregunta que moitos se facían era: devolveríanlles os cartos da peaxe? Aínda que era máis ben unha pregunta retórica, pois a maioría non confían en que aconteza isto, dende o GC atopamos precedentes semellantes cun desenlace alentador.

DÚAS SENTENZAS FAVORABLES PARA DEMANDANTES AFECTADOS POLAS OBRAS NA PONTE DE RANDE

O pasado ano 2023, Audasa, membro do grupo Itínere, foi condenada polos xulgados a devolver o 50 % das peaxes que cobrou a 21 usuarios durante as obras de ampliación da ponte de Rande, durante as que se produciron atascos recurrentes, como nesta ocasión. Despois da denuncia destes condutores, o xuíz deu por probado que as obras realizadas entre o 27 de febreiro de 2015 e o 30 de xuño de 2018 no tramo comprendido entre os enlaces de Cangas e Teis, incluída a reforma da ponte de Rande, impediron a Audasa ofrecer un correcto servizo aos usuarios. Para os demandantes, isto equivale a un incumprimento de contrato. A senteza recoñecía especificamente que "é evidente e notorio" que "non é o mesmo a circulación cando non hai obras que cando as hai" e, polo tanto, o servizo "non se prestou en idénticas condicións ás que se prestan cando non hai obras".

Retencións quilométricas na noite deste domingo 13 de outubro na AP-9 á altura de Portas polas obras no viaduto
Retencións quilométricas na noite deste domingo 13 de outubro na AP-9 á altura de Portas polas obras no viaduto | Fonte: GC

A sentenza daquel entón tamén recoñecía, contrariamente ao criterio de Audasa, que os demandantes non tiñan alternativa á autopista, xa que os posibles itinerarios suporían tempos de viaxe mesmo máis lentos que a propia vía en obras. Isto é algo que tamén acontece no caso destas obras, situadas nun punto no que as saídas máis próximas por estrada obrigarían aos condutores a retomar a súa travesía por Vilagarcía de Arousa ou Caldas de Reis, sumando 20 minutos de chegada a cada unha destas vilas e o tempo a maiores que por estrada lles levase chegar a destino.

"A concesionaria está xogando coa posibilidade teórica, e real, de utilizar outra alternativa, pero, na práctica, é incluso peor que utilizar a autopista durante as obras", rezaba a sentenza. Así, e aínda que a demanda esixía a devolución íntegra de todos os importes, a sentenza decidiu que se reintegrase o 50 % das tarifas cobradas durante o tempo que duraron as obras. Audasa esgrimiu incapacidade legal para rebaixar o custe das peaxes, pero na resolución xudicial estableceuse que as tarifas fixadas tiñan carácter de prezo máximo.

De igual maneira, uns anos antes, no 2020, outro xuízo polo mesmo motivo no que estaban implicadas como demandantes un total de 81 persoas saiu favorable e, neste caso, obrigando o xulgado a devolver o importe total cobrado a estes usuarios da vía entre o 27 de febreiro de 2015 e xuño de 2018, así como a todos os condutores que poidan acreditar vía comprobante de pago a súa condición como afectados. Neste caso o xuíz consideraba "indiferente" que as incidencias fosen motivadas directamente polas obras ou por outras circunstancias, tales como accidentes, pois o relevante, segundo expón, é o feito de cobrar un prezo a un consumidor que non recibiu a prestación do servizo nas condicións óptimas sen terlle proporcionado a información precisa para poder evitar a situación. 

AS OBRAS NO VIADUTO DE PORTAS PROLONGARANSE ATA UNHA DATA CRAVE: O NADAL VIGUÉS

Hai que ter en conta, tamén aplicable a este caso das obras no viaduto de Portas, que o prazo para realizar este tipo de reclamacións é de 5 anos dende o pago da peaxe. Algo importante a ter en conta xa que estas obras non son algo puntual, senón que van para longo, ata final de ano, e coincidirán no tempo cunha data crave: o Nadal e os milleiros de usuarios que se prevé se despracen dende o norte de Galicia ata a cidade de Vigo para desfrutar do alumeado. En concreto, segundo a información da propia concesionaria, as obras comezaron o pasado 16 de setembro, coa intención de "substituír os aparatos de apoio e suprimir as xuntas intermedias en ambos os tableiros do viaduto". As obras están programadas en dúas fases "co obxectivo de minimizar as molestias aos usuarios da autopista, aproveitando os períodos do ano de menor fluxo e menor afección ao tráfico".

En concreto, segundo expoñen na súa web, a primeira fase, que se está dando no momento actual, afecta aos vehículos en sentido A Coruña e conclúe o 31 de outubro. Durante a mesma permanece cortado permanentemente un dos carrís da estrada para que os obreiros poidan traballar nel durante a noite, de 21.00 a 7.00 horas. A segunda fase está programada entre o 4 de novembro e o 20 de decembro, e realizarase no sentido oposto, en dirección Vigo. Igualmente cortarase un dos carrís para que os obreiros traballen no viaduto entre as 21.00 e as 7.00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta