Besteiro pide á Xunta que faga en Galicia o mesmo que pide en Madrid: a gratuidade das autoestradas da Costa da Morte e Val Miñor

Os socialistas tamén reclaman a ampliación da AG-55 ata Fisterra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2024 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou á Xunta e ao PP "coherencia" e, advertiu de que, se piden bonificacións e liberalización de autoestradas de titularidade estatal en Galicia, deben aplicar esas mesmas medidas nas autoestradas galegas AG-55 (Costa da Morte) e AG-57 (Val Miñor). Así o manifestou o líder dos socialistas galegos nunha visita a Carballo, onde sinalou que "o lóxico", "o xusto e coherente", é reivindicar esa "coherencia" e pedir aumentar as bonificacións e "que se camiñe cara a liberar as peaxes das autoestradas autonómicas.

Segundo afirmou, a "política incoherente" do PP, "de pedir algo en Madrid e non dar o mesmo en Galicia", é unha posición que "ninguén entende" e subliñou que o goberno galego ten "unha boa oportunidade" nos orzamentos autonómicos de 2025. Por iso preguntou se o PP na Xunta vai contemplar as mesmas bonificacións para a AG-55 e a AG-57 que as que aplique o Estado na AP-9 e a AP-53. "Se non é así, estaremos a facer galegos de primeira e galegos de segunda, os que paguen polo mesmo servizo máis que o resto de galegos", advertiu.

AMPLIACIÓN DA AG-55 ATA FISTERRA

Ademais, sinalou que os socialistas tamén reclaman que os orzamentos da Xunta contemplen a ampliación da AG-55 ata Fisterra para que se inicien os traballos de redacción do proxecto e construción. Respecto diso, destacou a importancia de ampliar o viario para dar servizo e vertebrar unha parte do territorio que está "esquecida" por parte da Xunta. "Cando nós estivemos na Xunta, hai xa 15 anos, o noso obxectivo tiñámolo posto en Fisterra; agora imos a por ese obxectivo. Imos demandar bonificacións e que se continúe a autoestrada ata Fisterra, porque é unha reivindicación xusta e non queremos galegos de primeira e galegos de segunda", proclamou.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclama en Carballo máis bonificacións para a AG-55 e ampliar a autoestrada ata Fisterra
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclama en Carballo máis bonificacións para a AG-55 e ampliar a autoestrada ata Fisterra | Fonte: PSDEG-PSOE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta