Rueda apoia que "o adecuado" é que o PP se querelle por 'caso Koldo' e non unha moción de censura

En relación á querela da Audiencia Nacional contra o PSOE por presunto financiamento ilegal, suborno e tráfico de influencias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2024 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, apoiou o paso dado polo seu partido en relación á querela no xulgado de instrución número 5 da Audiencia Nacional contra o PSOE por presunto financiamento ilegal, suborno e tráfico de influencias no marco do 'caso Koldo'. Anunciouno este domingo a secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, en rolda de prensa na sede da rúa Xénova tras a reunión extraordinaria do Comité de Dirección do partido para valorar a resposta aos feitos coñecidos estes días sobre o 'caso Koldo'.

A preguntas dos medios na comparecencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, Rueda defendeu que "ante o carrusel" de informacións que transcenderon "o adecuado" neste momento é presentar unha querela contra o PSOE e non unha moción de censura (para a que os propios populares admitiron que a conxuntura política non lles favorece os apoios que permitirían que saíse adiante).

"Estamos a coñecer uns feitos, un carrusel no que non pode haber maior nivel de escándalo, con mil mentiras, mil versións distintas", esgrimiu, antes de incidir en que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, debería comparecer "o mesmo venres".

"E se nada disto é certo, tería que comparecer e explicar simplemente a verdade para acreditar que que todo o que sabemos nin é verdade nin lle afecta. Así non podemos seguir", defendeu Rueda, quen advertiu que sacar a relucir "que o PP estivo en situacións parecidas en épocas pasadas" cada vez que transcenden "novas mentiras" non permite "resolver nada".

Rueda comparece tras o Consello da Xunta.. MONICA ARCAY CARRO/XUNTA / Europa Press
Rueda comparece tras o Consello da Xunta.. MONICA ARCAY CARRO/XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta