Dende que hai luz eléctrica, os anciáns din que a Santa Compaña xa non aparece...

O Galicia Confidencial fala coa antropóloga Lidia Mariño sobre as historias que rodean á Santa Compaña como agoiro de morte, a poucas horas de que comece o seu período de máxima actividade: a Noite de Defuntos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/10/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Galicia é terra de meigas, trasnos e misterios. A nosa climatoloxía atípica e a grande extensión de monte que recobre a nosa paisaxe axudaron ao longo dos anos a que se xestasen moitas lendas arredor de todo tipo de seres sobrenaturais que transitan polo mundo dos vivos. Moitas destas crenzas son presaxios de morte, pois para os nosos antergos a morte non era algo tabú como o é para moitos de nós agora, senón que era algo co que convivían e ao que mesmo lle rendían culto. Dentro deses presaxios, o máis icónico, sen lugar a dúbidas, é o da Santa Compaña, esa procesión de ánimas que sae pola noite na procura de novas vítimas que se sumen a ela. O seu período de máxima actividade estase achegando, pois comeza precisamente na Noite de Defuntos ou de Todos os Santos, que marca tamén esa entrada na escuridade do inverno galego, sempre cuberto de tebras e choiva. Dende o Galicia Confidencial falamos coa antropóloga Lidia Mariño para que nos conte algunhas curiosidades sobre esta ancestral crenza que aínda a día de hoxe se mantén en puntos do rural galego.

Lidia Mariño, antropóloga
Lidia Mariño, antropóloga | Fonte: Instagram @lidia_marino_ventoso

"A SANTA COMPAÑA É UNHA VERSIÓN CRISTIANIZADA DE ALGO MOITO MÁIS ANTIGO: UNHA CRENZA PREHISTÓRICA"

O primeiro que hai que saber é que a Santa Compaña, aínda que poida pensarse, non é algo que se xestase vencellado ao cristianismo, senón que "é unha versión cristianizada de algo moito máis antigo". Canto máis antigo? Pois non se sabe a ciencia certa, pero, "o que si sabemos é que é unha crenza prehistórica, porque se atopa espallada por todo o mundo (en diversas formas e variantes) e, canto máis estendido está un mito, iso significa que máis antigo é". A antropóloga indica que "o que hoxe se interpreta como un funeral católico, antigamente, era un tránsito de almas". O que aconteceu é que "cos cambios culturais, fóronselle engadindo capas ao mito inicial: os celtas engadiríanlle unhas cousas, logo o cristianismo outras...". E é que os agoiros de morte sempre existiron, en todas as culturas, e a Compaña é precisamente un deles: "Cando vemos á Compaña sabemos que alguén vai morrer", asegura Mariño, que conta que "cando percibimos esa visión dogmática dun cadaleito levado en funeral polos camiños da aldea, segundo a zona da aldea pola que estea a transitar, sabemos que vai morrer alguén dunha das casas que están por aí".

"NA ANTIGÜIDADE, ANTES DO CRISTIANISMO, O MUNDO DOS MORTOS NON ESTABA BAIXO A TERRA, SENÓN NO MAR, NO LUGAR ONDE SE PON O SOL"

En Galicia a Santa Compaña atopou as condicións idóneas para espallarse de boca en boca, xa que, como lembra Mariño, "sempre se dixo que Galicia é a porta ao máis aló". Que significa isto? "Na antigüidade, nunha espiritualidade máis antiga anterior ao cristianismo, o mundo dos mortos non estaba baixo a terra, senón que se atopaba no mar, moi vencellado co lugar onde se pon o sol", explica a antropóloga, que afirma que "a xente vía morrer o sol no mar pola noite e renacer ao día seguinte e consideraba, polo tanto, que o lugar dos mortos tiña que estar no lugar onde ía morrer o sol cada día". Esta concepción non é algo exclusivo de Galicia, senón que tamén o é de todos os 'finis terrae' atlánticos: o mesmo acontece en vilas da Bretaña francesa ou de Reino Unido. Iso si, esta versión da Santa Compaña vencellada ao mar aínda se conservou nas vilas mariñeiras. "En moitas zonas de costa sempre se di que a Santa Compaña vai polo mar camiñando cara unha illa", explica Mariño, que apunta a que, no caso de Galicia, está moi vencellada ás illas Ons, á illa de Tambo e á illa da Toxa. En consecuencia, tamén se relaciona moito a súa aparición coas mareas: "Dise que hai horas nas que a Santa Compaña aproveita as mareas para ir polo mar".

Recreación da Santa Compaña
Recreación da Santa Compaña | Fonte: Arquivo

"O CAMIÑO DE SANTIAGO TAMÉN SE COÑECE COMO CAMIÑO DAS ESTRELAS, E ERA O QUE FACÍAN OS MORTOS POLO CEO: SE O FAS DE VIVO, AFÓRRALO DE MORTO"

Tamén nese tempo, o mundo dos mortos se atopaba moi relacionado coas estrelas, coa Vía Láctea, para ser máis precisos. Mariño conta que "o Camiño de Santiago que tantas persoas percorren a día de hoxe trátase e naceu como un camiño que reproduce o camiño que fan os mortos". Tanto é así que "hai lugares nos que se di que é moi importante facer esa peregrinación porque, se a fas en vida, afórrala en morte". Sóache este dito de 'se non vas de vivo, vas de morto'? É o mesmo que se di de San Andrés de Teixido. Como apunta a antropóloga, "o mesmo que nós dicimos en Galicia sobre San Andrés de Teixido dino en toda Europa polo Camiño de Santiago, que se fas ese camiño en vida afórralo en morte, porque ao ser o camiño ao máis aló, se ti xa o coñeces en vida, cando morres xa tes traballo adiantado". É por iso tamén que ao Camiño de Santiago tamén se lle coñece como Camiño das Estrelas, porque ese camiño dos mortos ía polo ceo. Así, "podemos afirmar que a Santa Compaña inicial era un pouco esa Vía Láctea", expón Mariño, que lembra que, "a día de hoxe, hai anciáns que din que antes a Santa Compaña víase e, agora, dende que temos luz eléctrica, xa non se ve, porque se refiren á Vía Láctea e, actualmente, coa contaminación lumínica, é difícil ver as estrelas".

"NON TODO O MUNDO PODE VER A COMPAÑA, OS QUE A VEN É PORQUE O CURA SE EQUIVOCOU E OS BAUTIZOU COS ÓLEOS DOS DEFUNTOS"

Esas estrelas víanse perfectamente nas aldeas que se atopaban no medio do monte galego cando non había máis que candeas para alumearse. Hoxe por hoxe, a típica historia da Santa Compaña relátase como "xente que ve unha aparición, que é como unha especie de procesión de mortos, como se se tratase do espectro dun funeral, con persoas que portan un cadaleito", explica Mariño. Esta é a versión que todos coñecemos e a máis impactante, dende logo. Sen embargo, a antropóloga apunta a que, "cando falas cos informantes, é dicir, coa xente que dixo que viu á Compaña, a maioría non che contan iso, senón que che din que viron luces, que escoitaron certos sons ou que cheiraron fortemente a vela ou a cera como a que se emprega nun velorio". Así, "a maioría da xente que ve a Compaña non ve esa imaxe estereotipada que temos dela, senón máis ben símbolos indicadores da súa presenza". Agora ben, non todo o mundo ten a capacidade de ver á Compaña, a maioría da xente só pode intuír a súa presenza ou proximidade por indicadores como as luces ou o cheiro. "A xente que realmente pode vela corpórea, de corpor enteiro, dicíase que adquirira esa capacidade porque o cura, ao bautizar á persoa, equivocouse e en lugar de usar os óleos do bautismo, usou os óleos que se empregaban para os defuntos", expón a antropóloga. Iso si, "se estás ao lado desa persoa e che pisa, ti tamén poderás vela".

"PODES EVITAR QUE CHE LEVE CON ELA SE FAS UN CÍRCULO NO CHAN CUNHA RAMIÑA DE OLIVEIRA BENDICIDA, PERO SEN PECHALO DE TODO"

Tamén nas zonas do interior había historias que relacionaban á Santa Compaña coa auga, como acontecía na costa. Neste caso "a xente falaba de pozos sen fondo nos que se podían escoitar os lamentos das almas dos mortos". Agora ben, o máis habitual nestes lugares si era vela transitando polos camiños, polo medio das fragas. E que acontece se a ves? Pois, como explica Mariño, "a versión cristiá que chegou ata os nosos días di que che entrega unha cruz e, a partir de aí, todas as noites vas transitando con esa procesión de mortos que che vén chamar", entón, "ao non descansar ben, vas minguando, vaste encontrando cada vez máis pálido e peor e, se iso non o remedias, acabarás morrendo". Como remedialo? Cargándolle co morto a outro, como se reflexa nese dito que tanta razón ten: "Tes que conseguir pasarlle a cruz a outra persoa para que che substitúa na procesión". Significa isto que se ves a Santa Compaña xa estás perdido e debes sucumbir a ela? Pois non exactamente, xa que hai algunha forma de esquivala. A máis efectiva que contan os anciáns é, "cunha ramiña de oliveira bendicida, facer un círculo no chan, engadindo se se quere unha estrela de Salomón dentro do círculo, e meterse dentro, pero sen chegar a pechalo de todo, deixando unha pequena abertura, porque ese círculo é tan potente que serve para que a Santa Compaña non penetre nel, pero tamén che pode atrapar dentro e logo non ser quen de saír del", explica Mariño.

"DICÍASE QUE A PARTIR DA NOITE DE DEFUNTOS A SANTA COMPAÑA ESTABA MÁIS ACTIVA E COMEZABA A TRANSITAR POLOS CAMIÑOS"

E cal é o momento propicio para ver á Compaña? Pois, precisamente, nestas datas, próximas á Noite de Defuntos. "A Santa Compaña está vencellada coa Noite de Defuntos, porque dicíase que era a partir dela cando comezaba a estar máis activa, a transitar polos camiños", explica Mariño. Era por iso que "se lles dicía aos nenos que, por estas datas, a partir da posta de sol, non debían saír xogar fóra porque podían atoparse coa Compaña e verse arrastrados con ela na súa viaxe ao máis aló". De feito, a antropóloga apunta que "poñendo cabazas talladas cunha sábana enriba, que se facía moito antigamente polos camiños, pretendíase representar a eses mortos que acompañan á Santa Compaña, segundo dicía a xente do rural". E é que todo este tipo de mitos sempre están moi vencellados ao ecosistema e natureza do momento no que xorden: a partir do 1 de novembro os días xa minguan moito, nótase un cambio drástico, con moitas máis horas de escuridade e días sombríos, grises, con pouca luz, propicios para falar do tempo dos mortos.

"A XENTE NOS AGOIROS DE MORTE SEGUE CRENDO BASTANTE E AS TRADICIÓNS VENCELLADAS Á MORTE SON DAS QUE MELLOR SOBREVIVEN A DÍA DE HOXE"

Pero, como acontece con moitas outras tradicións e crenzas galegas que perviven porque se manteñen nalgunhas zonas rurais, a Santa Compaña tamén perdeu 'adeptos' nos últimos tempos. Sen embargo, lonxe de darnos unha visión catastrofista sobre o asunto, a antropóloga considera que "a Santa Compaña aínda segue bastante viva", pois, aínda que quizáis xa non se fale tanto de ver unha procesión de ánimas como tal, "si permanece viva como agoiro de morte" e "hai xente que segue falando de que ao ver unha luz ou escoitar un corvo significa que alguén vai morrer". Para Mariño, "a xente nos agoiros segue crendo bastante, sobre todo no rural, pero aínda nas zonas urbanas as tradicións que están vencelladas á morte son das que máis sobreviven a día de hoxe". Iso si, "unha das cousas que máis nos molesta aos antropólogos é que se lle poña a moitas das festas que se organizan na Noite de Defuntos o nome de Samaín para reivindicar que é algo noso, pero, despois na práctica o que se celebra é un Halloween en toda regra", denuncia, alabando a reivindicación da cultura popular que fan dende algúns concellos que inclúen na súa programación festiva as procesións de ánimas ou, directamente, a procesión da Santa Compaña.

Ilustración da Santa Compaña
Ilustración da Santa Compaña | Fonte: blognosololiteratura - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta