As oposicións de profesorado de 2025 contarán cun mínimo de 1.600 prazas

Así o confirmou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que asegurou que esta cifra se podería incrementar cando se coñezan "as necesidades reais do sistema educativo" galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2024 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, confirmou este luns que as oposicións de profesorado que se celebrarán no verán de 2025 terán "un mínimo de 1.600 prazas", que se podería incrementar cando se coñezan "as necesidades reais do sistema educativo" galego. A cifra confirmouna Rodríguez na súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento, para presentar os orzamentos do seu departamento para o ano que vén, que "por primeira vez superan os 3.000 millóns de euros".

A semana pasada, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa avanzaba que a próxima oferta pública de emprego (OPE) esgotaría a taxa de reposición máxima do 120 por cento que permiten os Orzamentos Xerais do Estado que actualmente están prorrogados. Este luns, o conselleiro confirmou que serán, polo menos, 1.600 vacantes. Estas cifras van permitir que Galicia siga sendo a autonomía cunha das "menores" taxas de interinidade, "por baixo do 5 %" cando a media estatal está "no 24 %".

Román Rodríguez
Román Rodríguez | Fonte: XUNTA

FORMACIÓN PARA DETECTAR POSIBLES CASOS DE VIOLENCIA SEXUAL INFANTIL

Por outra banda, a Xunta investirá uns 194.000 euros ata 2026 na formación de preto dun milleiro de persoal docentes ao ano para detectar posibles casos de violencia sexual infantil no alumnado. En concreto, o Consello da Xunta aprobou este luns dar continuidade á colaboración con 'Amino.gal', especializada na loita contra o abuso e os malos tratos infantís. Así, as consellerías de Política Social e Igualdade e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional renovarán o convenio que teñen con esta entidade social para seguir co programa 'Poñendo as lentes para a protección da infancia'.

Esta iniciativa forma a preto de mil docentes cada ano. Como novidade, nos próximos cursos ampliarase a formación a profesores de secundaria e tamén de escolas infantís de 0 a 3 anos, cando ata agora se centraba en infantil e primaria. O Goberno galego lembrou que leva desde o ano 2018 traballando con 'Animo.gal' para previr e atallar situacións de abuso e malos tratos infantís. Este acordo súmase a outras actuacións desenvolvidas polo Executivo autonómico nesta materia, como o programa de intervención especializada con nenos e adolescentes vítimas de abusos sexuais, que ten como obxectivo o tratamento terapéutico así como o asesoramento e acompañamento das familias e equipos de profesionais de cales depende o seu coidado, entre outras iniciatvas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta