Ana Cabana: “Luisa Cuesta, primeira profesora na USC, deixou unha gran pegada na vida intelecutal de Compostela”

Luisa Cuesta, primeira profesora na USC, recibiu unha homenaxe na Facultade de Dereito da universidade santiaguesa. Cen anos despois da súa chegada á Biblioteca da Universidade por oposición, fíxose un acto de memoria sobre a figura desta pioneira. Luisa Cuesta deu aulas de Historia na que foi facultade de Filosofía e Letras mentres estudaba dereito tamén en Santiago. Ana Cabana, historiadora, realizou un traballo de investigación sobre Cuesta e todo o seu periplo en Santiago, tanto na Universidade como na vida intelectual e cultural de Compostela

Por Moncho Mariño | Santiago | 02/11/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Descubrimento da placa homenaxe a Luisa Cuesta na Facultade de Dereito da USC
Descubrimento da placa homenaxe a Luisa Cuesta na Facultade de Dereito da USC

-Dentro de toda esa documentación que lle achegaron, houbo algún elemento máis,  motivador sobre outros para levar adiante esta investigación?
É algo moi difícil de sinalar porque estamos diante dunha muller cunha biografía increible máis cando me acheguei á súa figura esperaba algo menos. Aldara e eu baleiramos a prensa da época, consultamos o Arquivo Histórico de Santiago como o fondo da Biblioteca da USC tiñamos diante unha biografía apaixoante, mesmo antes de estar en Santiago, mais claro, a nós interesabanos a súa década en Compostela. Se destacaría algo é o seu posicionamento curricular, estaba entre os primeiros lugares sempre que quería conseguir algo. Falamos da primeira muller que é docente na universidade española, algo que consegue na Universidad de Valladolid, falamos da primeira muller que imparte aulas na Universidade de Santiago, nesa mesma universidade é a primeira muller que se matricula en Dereito e posiblemente estea entre as cinco primeiras mulleres en licenciarse nesta carreira en toda España.

-Ela viñera a Santiago de Compostela para facerse cargo da Biblioteca da Universidade, non é así?
Si, certo. Ela nacera en Medina de Río Seco, en Valladolid, nesa cidade estuda Maxisterio e logo Filosofía e Letras, e alí acaba sendo a primeira docente da universidade española. Porén, a praza de docencia non ten remuneración, era como unha experiencia que logo che axudaba a subir na escala de profesorado. Nestas circunstancias, preséntase ás oposicións de Bibliotecas, Arquivos e Arqueoloxía. Este era un corpo moi masculinizado mais ela acaba sendo a sexta na lista de oposicións. Como ela ten un bo número acaba na biblioteca da Universidade de Santiago en 1921 e desenvolverá o seu traballo na Biblioteca América. Ela sempre será bibliotecaria e moi comprometida co seu labor, mesmo hoxe é doado encontrar citas á súa persoa en publicacións especializadas en biblioteconomía.

É a primeira muller docente na universidade española, algo que consegue na Universidad de Valladolid, falamos da primeira muller que imparte aulas na Universidade de Santiago

-Así e todo, ela acaba matriculándose en Dereito na USC.
Si, nada máis chega á Universidade matricúlase nesa carreira. Teñamos en conta que o edificio da universidade era a actua facultade de Xeografía e Historia. Alí estaban Filosofía e Letras nun andar e noutro estaba Dereito e a Biblioteca. Así pois, era bibliotecaria e estudante nun andar e profesora no outro andar. Estamos diante dunha muller moi capaz, sempre con moi boas cualificacións desde o bacharelato, sacou premio extraordinario en Filosofía e Letras en Valladolid e rara vez saca menos de sobresaliente en Dereito. 

Descubrimento da placa homenaxe a Luisa Cuesta na Facultade de Dereito da USC
Descubrimento da placa homenaxe a Luisa Cuesta na Facultade de Dereito da USC

-Como consegue dar aulas en Filosofía e Letras na universidade, un mundo tamén moi masculinizado naquela época?
Como dixen, era bibliotecaria, alumna e doutoranda en Dereito, licenciada en Filosofía e Letras con especialidade en Historia e saca a tese nesa carreira. Logo prepara a tese en Dereito, que daquela as teses só se podían realizar na Universidad Central que agora é a Universidade Complutense de Madrid. Sobre a súa docencia, impartirá aulas de Historia Medieval, Historia Moderna e Contemporánea. En Dereito será alumna e unha das primeiras en licenciarse en España. Sobre a actividade docente, había dúas prazas de axudantía, presentouse xunto a outro opositor e cando saen as prazas, conséguenas. O tribunal acaba facendo un informe de “terriblemente brillante, currículo apabullante”, e por tanto pesou o seu currículo. Antes que ella dando aulas na universidade estivera Emilia Pardo Bazán e todo por unha concesión do rei, mais Luisa Cuesta accede sen que ninguén lle dea nada. Tamén debes ter en conta que cando ela se matricula en Dereito só hai trece matriculadas en toda España. Daquela, Dereito era a carreira máis masculinizada da universidade, había máis mulleres facendo Ciencias que Dereito.

-Tivo que enfrontarse a algún tipo de oposición por ser muller e dar aulas na universidade?
Os xornais do momento son moi eloxiosos con ela. Sabemos que logo do informe positivo da comisión que a avalía para dar aulas en Filosofía e Letras, o compañeiro que se presentou canda ela sacou tres votos positivos, ela dous e houbo un voto en branco. Sabemos por que ese voto en branco? Non. Puido ser pola súa condición de muller? Facilmente, pois nun claustro só de profesores homes non lle sería doado. Non todo o mundo asumiría a presenza dunha muller no medio do profesorado universitario naquel momento. A prensa falaba moi ben da súa maneira de dar aulas e tamén debemos ter en conta que ella estaba no posto máis baixo, ao mellor se chegase a unha cátedra podería encontrar problemas con outro profesor, mais ela era axudante de cátedra. Iso si, a prensa chamáballe “la señorita catedrático”, cando ela non era catedrática.

-Luisa Cuesta volve a Madrid con posterioridade. Mais cal é a pegada que deixa en Santiago?
Deixa pouca porque pasou botou uns anos, de 1924 a 1930. Que deixa aquí? A súa presenza dando aulas. Na Universidade quizais non deixa tanta pegada mais si en Compostela. Vai ser a bibliotecaria da Asociación de Amigos do País, entrará no Seminario de Estudos Galegos en 1924, vai ser a súa bibliotecaria, participa dos artigos na prensa a prol dunha residencia de estudantes en Santiago e por todo isto é unha muller que sae na prensa, sabe respostar a entrevistas, que se vale e escribe moi ben. Mais a idea de que puidera dar aulas a un grupo de alumnos, case todos homes, ao mellor algunha muller, son esas entradas á diversidade que ela iniciou en Compostela.

Sobre a actividade docente, había dúas prazas de axudantía, presentouse xunto a outro opositor e cando saen as prazas, conséguenas. O tribunal acaba facendo un informe de “terriblemente brillante, currículo apabullante

-Cando chega a Madrid vai cun ascenso. Que ocorre con Luisa Cuesta naquel momento?
Ela vaise porque lle dan un ascenso, e a pesar de ter un desexo increíble por ser docente,  intentarao moitas veces, seguirá loitando por ser profesora e xuntará as dúas áreas, quería ser unha profesora e investigadora mais tamén é unha brillante bibliotecaria. O ascenso que consegue é dentro de Bibliotecas e iso é o que a leva á Biblioteca Nacional, sendo directora dunha sección dentro desta institución. Isto permítelle vivir mellor grazas ao salario. Por outra parte, cando ela estivo en Compostela trouxo a uns irmáns que estudaron Farmacia, Dereito e Ciencias. Ir a Madrid permítelle un ascenso, un aumento salarial e ver máis á súa nai e aos outros irmáns que ten.

-Chega a II República, un momento máis emancipador para as mulleres.
Certo, e máis para este tipo de mulleres. A Constitución de 1931 é a primeira vez que deixa un espazo ás mulleres para a iguladade e darlles dereitos que antes non tiveran pasando polo voto, pasando polo divorcio e polo aborto. Mulleres que estaban nun espazo tan masculinizado como era a docencia e a investigación, mais mulleres como Luisa Cuesta viron este espazo como un espazo de mellora, desde logo. Mais a República durou o que durou e non é doado loitar contra anos e anos de tradición, cunha Igrexa dicindo que as mulleres non eran iguais e debían estar en determinados espazos. Outra cousa a resaltar de Luisa Cuesta é que nunca parou de publicar, desde que estivo en Compostela pódese dicir que foi unha investigadora voraz. Especialízase en Historia de América e realiza un intenso traballo de publicacións, mais como non está na universidade presenta traballos para premios e vai gañar moitos deles. Por tanto, a época da República vai ser moi importante para ela, de feito  en 1934 publicará algo que sae da súa norma, un artigo sobre María Lejárraga, escribe sobre feminismos de maneira intensa. Non era unha militante feminista nun plano intenso, mais si lle preocupaba a situación da muller. Por outra parte, si será sindicalista buscando a igualdade e loitando polos dereitos das traballadoras de arquivos, por exemplo. Sabemos que ten tres traballos sobre o feminismo que non encontramos pois formaban parte dos documentos que ella enviaba aos premios de investigación. Agora mesmo é difícil acceder a algúns dos traballos realizados por Luisa Cuesta. É feminista na vida mais a súa militancia é sindical afiliándose á Federación Sindical do Ensino. En 1935 vemos que cotizou no Partido Comunista dentro da Asociación de Amigos de la Unión Soviética e tamén está na Fronte Popular de Funcionarios. Logo do golpe de estado de 1936 terá que dar conta de por que estaba metida nestas asociacións e sindicatos. Foille retirado o seu posto na Biblioteca Nacional e enviada ao arquivo de Guadalajara.

-Foi represaliada.
Todos os funcionarios despois do golpe de estado tiveron que demostrar que estaban limpos de mililtancias, de ser de esquerdas, etc. Se non estaban limpos recibían unha represalia como o fusilamento, represalia económica, perder a condición de funcionarios e mesmo cambialos de destino. Eran degradados por significárense, e Luisa Cuesta significouse no sindicato de bibliotecarios, unha sección do PCE.

 Logo do golpe de estado de 1936 terá que dar conta de por que estaba metida nestas asociacións e sindicatos. Foille retirado o seu posto na Biblioteca Nacional e enviada ao arquivo de Guadalajara

-E que sucede nos últimos anos de Luisa Cuesta e cal é o legado por onde pasa?
Volve á Biblioteca Nacional e traballando sen parar, mesmo acabou xubilándose uns días antes de morrer. Tiña moita ansia por moverse, por traballar, pedirá moitas bolsas para ir fóra, vai estar en Brasil ou en Colombia. É unha muller incansable, tanto que segue a mencionarse o seu nome en catálogos de bibliotecas. En 1957 cumpre 65 anos e pide unha bolsa para ir a Viena e Bélxica aos arquivos. Non parará e seguirá publicando até a súa morte. Sobre o seu legado, onde máis queda é entre os seus colegas de profesión onde é citada como precursora no mundo de bibliotecas e arquivos. E na universidade española queda como o que é, a primeira muller docente neste campo, así a Universidade de Valladolid dedicoulle varios traballos, unha aula e segue sendo mencionada como unha pioneira. Mais nós buscabamos o seu paso por Compostela e a súa participación dentro do mundo cultural e intelectual da cidade, algo digno de mención. Na Universidade de Santiago ao mellor hai máis esquecemento, polo menos até agora logo da descuberta dunha placa na súa honra na Facultade de Dereito. d

Descubrimento da placa homenaxe a Luisa Cuesta na Facultade de Dereito da USC
Descubrimento da placa homenaxe a Luisa Cuesta na Facultade de Dereito da USC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta