Os fisioterapeutas protestan pola “nula incorporación de prazas” no Sergas

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia convoca este domingo unha manifestación no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, coincidindo coa celebración das probas da OPE 2014.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 28/05/2016 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

Os fisioterapeutas de Galicia concéntranse este domingo 29 de maio en Silleda para protestar pola "nula incorporación de novas prazas de fisioterapeutas na oferta de emprego público programada polo Sergas para este ano 2016" e para "denunciar a incapacidade do sistema público galego para asumir a crecente demanda de Fisioterapia existente por parte da poboación".

Manifestación en Vigo de profesionais da fisioterapia
Manifestación en Vigo de profesionais da fisioterapia | Fonte: COFIGA.

Convocados polo Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa), os fisioterapeutas reuniranse na porta principal do recinto da Feira Internacional de Galicia, onde esta fin de semana se desenvolven as probas da oferta pública de emprego convocada polo Sergas en 2014.

A concentración está prevista para as 13:30 horas e nela darase lectura a un comunicado no que os fisioterapeutas denunciarán que "desde o ano 2009 o Sergas unicamente convocou 11 prazas de fisioterapeutas para toda Galicia", unha situación que cualifican de “improcedente” e que ao seu xuízo "provoca que a poboación vexa como día a día empeora a súa asistencia e que continúe sufrindo longas listas de espera para poder acceder ao servizo de Fisioterapia no sistema público de saúde".

O comunicado será leído polo presidente do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, Jorge Montero Cámara.

Os fisioterapeutas galegos gardarán ademais un minuto de silencio por “todas as prazas de ‪‎fisioterapeutas que foron suprimidas nos últimos anos e que non van ser convocadas”.

O colectivo de fisioterapeutas considera que "a Fisioterapia é unha profesión independente que demostrou ser efectiva cun custo moi baixo e cunha moi alta satisfacción por parte do paciente", aspectos que os representantes de CoFiGa puxeron sobre a mesa na reunión que recentemente mantiveron en Santiago co xerente do Sergas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta