Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 30/09/2016 | Actualizada ás 13:11
Partindo da base de que, “en termos puramente técnicos e legais, o sistema electoral galego, ao igual que o español, beneficia a algunhas forzas políticas e prexudica a outras”, ao PP “custoulle cada escano” 16.500 votos, fronte aos 19.800 sufraxios por deputado do BNG e os 19.400 de En Marea. Así o evidenciou Álvaro López Mira, investigador do Observatorio da Gobernanza, nunha mesa de análise destes comicios celebrada na Casa das Campás de Pontevedra.
Para López Mira, existe un “desequilibrio” á hora de traducir votos en escanos, entre as provincias de Pontevedra e A Coruña fronte a Lugo e Ourense, “onde o voto pesa aproximadamente o dobre”. Como exemplo desta situación, lembrou que Ourense elixiu 14 representantes con preto de 300.000 habitantes e Pontevedra “con tres veces máis, escolleu 22”.
Estas diferenzas e o feito de que “a tendencia de voto nas provincias máis poboadas sexa máis progresista” contribuíu a que se ben os resultados de En Marea, PSdeG e BNG se sitúan “case nunha equivalencia entre votos e escanos”, o PP obtivese, por mor do sistema electoral, “unha sobrerrepresentación dun 7%”, nunhas eleccións nas que o “principal partido”, apuntou, foi a abstención, ao non participar nos comicios o 36,2% dos electores.
Esta “sobrerrepresentación” que brinda o sistema electoral ao PP permitiu que 47,5% dos votos os populares obtivesen o 54,6% dos escanos, como explicou Álvaro López Mira.
"MULTIPARDIDISMO IMPERFECTO"
Tras acadar a súa terceira maioría absoluta, a única existente na actualidade nos parlamentos autonómicos, o Partido Popular de Alberto Nuñez Feijóo converteuse no único partido “que non só cumpriu os seus obxectivos iniciais, senón que mesmo os superou” nas eleccións autonómicas do pasado domingo, como salientou pola súa banda o profesor Fernando Martínez. Un PP que foi quen de manter “os elementos de mobilización” do seu electorado nun novo escenario de "multipardisimo imperfecto", a xuízo do investigador Enrique Varela.
A evolución do modelo bipartidista en España e tripartidista en Galicia cara un “multipartidismo imperfecto” centrou a intervención de Enrique Varela, que apuntou que estes cambios no sistema político están a derivar cara un modelo “moi parecido ao dos anos 80 na España das autonomías, aínda que baseado noutras claves de acción colectiva”.
Neste senso, destacou que na actualidade, “os elementos de mobilización do seu electorado seguen sendo parecidos para o PP, pero non así para o PSdeG, nin para Ciudadanos nos territorios históricos”. Dúas formacións que, xunto con En Marea, o partido co “electorado máis volátil”, viven, ao seu xuízo, “unha continua frustración de expectativas que lles levan a estar en permanente estado de excitación”. O BNG, pola contra, “comprendeu que volvendo as súas orixes non desaparecerá”, engadiu Varela, que lembrou que “os sistemas políticos vanse transformando pouco a pouco, pero non ao ritmo nin á velocidade que algúns desexan”, ao tempo que incidiu en que, ao igual que en 2012, as eleccións galegas permiten “ofrecer unha interpretación do que ocorrerá no conxunto do sistema político español”.
Por outra parte, contrapor “os obxectivos previos” das principais formacións cos resultados do 25 de setembro foi o eixo da intervención de Martínez Arribas neste coloquio promovido pola Vicerreitoría do campus e a Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 xunto co Ateneo e que contou tamén coa participación do director do Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez.
“No caso do PP, o obxectivo era manter a maioría absoluta e cumpriuse amplamente”, salientou Arribas, para quen o BNG tamén cumpriu coas expectativas previas, xa que acudía aos comicios co propósito “da supervivencia, de manter a presenza parlamentaria e, no mellor do casos, o grupo parlamentario”.
“En certa medida, ese resultado podería explicar que En Marea, tendo uns resultados razoablemente bos, estivese por debaixo das súas expectativas”, engadiu este docente para quen o partido liderado por Luís Villares cubriu parcialmente os seus obxectivos, que pasaban “porque o PP non tivese maioría absoluta e ser a primeira forza da esquerda”. Aspecto este último que lograron empatando a escanos co PSdeG, que concorría cos mesmos propósitos, “e ningún dos dous foron acadados”, nun contexto “de loitas internas”. Tampouco se cumpriron os de Ciudadanos, a quen lle aconteceu “algo parecido ao que lle pasara a UPyD na súa mellor época, na que Galicia foi sempre o seu talón de Aquiles”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.