50 anos con ilusión

O CB Breogán arrinca a Liga este domingo en Logroño, coa afección de novo ilusionada co plantel que dirixe Natxo Lezcano, ao que lle falta unha peza interior, e coa posibilidade de ascender por fin á ACB.

Por gcdeportes | Lugo | 01/10/2016 | Actualizada ás 23:59

Comparte esta noticia

Comeza unha nova andaina do CB Breogán, nada menos que a quincuaxésima tempada que o equipo sae a competir, dato do que poucos clubs poden presumir. Como cada ano o seareiro breoganista comeza desbordado de ilusión, cada ano é especial, cada ano parece que “este ano si!”. E por que non este ano? Xusto no curso que estaba chamado a ser o da penitencia económica, semella que se está armando un dos equipos máis competitivos dos últimos tempos. Claro que a Liga sempre pon a cada un no seu sitio, e as cábalas de pouco valen.

Natxo Lezcano dá instrucións aos seus xogadores nun adestramento no Pazo.
Natxo Lezcano dá instrucións aos seus xogadores nun adestramento no Pazo. | Fonte: @CBBreogan

Aí vai unha historia desas que os románticos do breoganismo saberán apreciar. Hai un tempo, o finado Julio Vila… Fagamos un inciso: calquera breoganista sabe de quen falamos cando pronunciamos este nome, pero para os que non o coñezan, Julio era posiblemente o maior e máis recoñecido afeccionado do CB Breogán que vin, aínda que por desgraza non cheguei a coñecelo. Dende logo a miña admiración cara el é tremenda, por todo o que fixo e foi para o club: sen dúbida é un referente.

Ben, pois como vos contaba, un bo día Julio visitou ao seu amigo da alma Miguel (se falo de Pastelería Martín seguro que todos sabedes a que Miguel me refiro). Nesa visita, Julio, coñecedor de que ao mellor non chegaría a abrila, entregou unha botella de champaña a Miguel, pedíndolle que a reservase para cando ascendesemos de novo á ACB. Esa botella viaxou ao quinto encontro a Ourense, no que estivo a piques de ser un dos días máis grandes da historia do Breogán, pero a botella tivo que voltar para a casa.

Despois de tan sufrido momento, tocou un ano no que poucas cousas (por non dicir ningunha) saíu ben. E ata hoxe, que nos toca facer borrón e conta nova, comezando por unha nova directiva á fronte, con Suso Lázare como presidente, axudado por Pablo Rivera e Alfonso Orol. O seu obxectivo principal: que o club quede saneado na máxima brevidade posible.

A pé de pista, unha cara nova: Natxo Lezkano. O de Portugalete, que medrou á sombra de grandes técnicos en Baskonia e tivo unha longa traxectoria en Palencia, regresa á LEB nunha das prazas máis importantes da liga. Conta para elo ca instimable axuda da xa familia breoganista: Quique Fraga, José Miragaya, Belén Díaz, Fran de Andrés e Olaf Ramos.

O pazo lucense no play-off de ascenso contra o COB na 2014-15.
O pazo lucense no play-off de ascenso contra o COB na 2014-15. | Fonte: @CBBreogan

Na pista, á falta do ansiado center, unha serie de nomes que xa fan soñar a moitos seareiros lucenses, comezando polo base. Alguén lembra algún ano no que tivese Breogán unha parella candidata a ser a mellor da Liga? Josep Franch, quen baixou a LEB dende ACB para ascender con Melilla, e Lobito Fernández, que tamén subiu á Lega 1 co Brescia, colocan a Breogán en tódalas quinielas.

Axudarán por fóra o cordobés Rafa Huertas, que conta cunha longuísima e exitosa traxectoria LEB, xunto ao lucense Sergi Quintela, quen se está acollendo (e de que xeito!) a esta oportunidade. Xunto a eles, todo un Salva Arco, verdugo de Breogán naquela fatídica final e que agora apunta a ser o gran líder da cidade amurallada e un dos xogadores franquicia da liga.
A cabalo entre posicións exteriores e interiores, o danés Jonathan Gilling, sobre o que hai depositadas moitas esperanzas e que xa demostrou que o tiro de tres é unha das súas grandes virtudes.

Por dentro, un catro todo intensidade e físico como Michael Fakuade, avalado por unha grande tempada con ascenso incluído en Palencia; Iván Cruz, que tamén demostrou unha gran man, ven dende a NCAA a reivindicarse para o baloncesto europeo; e finalmente, o único interior puro será o tamén ex-COB Aaron Geramipoor, que porá os centímetros e a dureza na zona.
Iso si, o Breo parte xa con algún punto extra, xa que nestes días, nunha cidade con tanta paixón polo deporte da canastra e cunha afección especialmente entregada, respírase unha atmósfera de baloncesto que o fan aínda máis atractivo.

Por tanto os cimentos para facer algo bo de verdade están postos, falta só unha peza. Oxalá este ano Miguel poida abrir a súa botella. Polo Breogán, por Julio, por nós. Forza Breo!

Crónica de Alberto López Muñiz (@AlberteLpz)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta