Importantes empresarios de Lugo detidos na Operación Miño

Malia a gravidade dos supostos delitos, por exemplo o de organización criminal, e o volume defraudado, a prensa galega evitou até o de agora revelar o nome das empresas investigadas.

Por M.V. | Lugo | 28/10/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Un grupo de 15 empresarios galegos e familiares seus foron detidos este martes pola UDEF na Operación Miño. A Policía acúsaos dun fraude masivo á Tesorería da Seguridade Social. En total, 3,85 millóns defraudados presuntamente por nove empresas, todas da provincia de Lugo (do polígono do Ceao, Rábade e O Saviñao).

Protesta de ex traballadores de Gruas Vidal en 2010
Protesta de ex traballadores de Gruas Vidal en 2010 | Fonte: CIG

Malia a gravidade dos supostos delitos, por exemplo o de organización criminal, e o volume defraudado, a prensa galega evitou até o de agora revelar o nome das empresas investigadas. Con todo, segundo relata Óscar López en Voz Pópuli, algunhas delas son Comercial Trasfobe SA, Carlanga Ibérica SLU, Arguci Group SL, Nergo Interiorismo SLU, Construcciones Norsaviñao SL, Parques e Inmobiliario Urbano de Galicia SL y EME Lugo DB. Nomes que en principio non son moi coñecidos pero que teñen detrás a marcas ben relevantes na provincia.

Ao fronte de Arguci Group está un dos empresarios máis importantes do país no sector da carpintería metálica e influínte na patronal de Lugo. De feito, Á. L.L. durante anos foi un dos máximos responsábeis da Asociación de Empresarios do Polígono de O Ceao, q. É o administrador dun verdadeiro conglemerado de empresas, entre os que están LEA CENTRO DE NEGOCIOS SL, ARGUCI GROUP SL, GLOBAL CONSORTIUM TRADE SL, SISTEMAS DE VENTANAS EFICIENTES SL , FINESTRALIA CATALUNYA SL, ALLPLAS TRADER SL, ESTRUCTURAS ENVOLVENTES SL ,CARGUVI SL , AUTENTICA OFERTA PROYECT SL , LUCUS SERVICES XXI SL e ARCOVEN SISTEMAS SLue factura varios millóns ao ano. Allplas, cunha relevante presenza internacional, foi colaboradora en varias ocasións do programa de axudas para a renovación de ventás da Xunta e a Asociación de Empresarios participa en programas de emprendemento organizados pola Consellería de Cultura.

Segundo as citadas fontes, o principal presunto deufradador é Comercial Trasfobe 99 SA, con case 2 millóns escamoteados ao fisco. Ao fronte desta compañía están dous irmáns,  R. V. e J.M. V.A. Ademais de Trasfobe, os irmáns teñen en común cargos directivos en GRUAS Y TALLERES VIDAL SA, ALQMAQ SA, GRUAS Y TRANSPORTES VIDAL SA, PROMOCIONES CIUDAD DE VIVERO 13-15 SL e HYDRA-CONS SA.  Antes das detencións desta semana, estas empresarios xa tiveran problemas con facenda. No Boletín Oficial da Provincia de Lugo figura un anuncio dun embargo en 2015 dunha vivenda de Promociones Ciudad de Vivero situada na rúa Cedrón. Por outra parte, Grúas Vidal, unha das empresas de grandes guindastres máis potentes de Galicia, foi obxecto dun conflito laboral por impago a traballadores despedidos. Vidal traballa a miúdo nos peiraos de Alcoa en San Cibrao e de Repsol na Coruña.

Facenda reclama a Carlanca Ibérica máis de 720.000 €. Como administradora única desta sociedade aparece S.L.V. , que até este ano foi tamén administradora de Inversiones Andruxi. Carlanca Ibérica está adicada a peluquería e tratamentos de beleza. A súa administradora, segundo Voz Populi, está casado con A.J.S.F., propietario doutra empresa, Monet 2000 SL, que a súa vez é dono da marca da cadea de peiteados “M MONET PELUQUERIAS”, que ten salóns en Lugo, A Coruña e Vigo.

Facenda acusa a esta empresas de defraudar con enganos as cotas de cotización da Seguridade Social dos seus traballadores. Ao non pagalas, a burocracia do fisco comezaba os apremios, pero atopábase con sucesivas solicitudes de aprazamento. Esgotados os prazos, cando a Administración ía proceder ao embargo, descubría que as sociedades morosas carecían de bens salientables. A investigación da UDEF descubriu que supostamente os empresarios, valéndose de testaferros e familiares, transferían os bens a outras compañías xusto antes dos embargos, mantendo a actividade e os ingresos nos mesmos negocios, pero a nomes doutras empresas, ás veces incluso no mesmo enderezo. Os traballadores, polo contrario, seguirían todo o tempo contratados pola empresa orixinal, a compañía morosa, aumentado o burato da Seguridade Social. Cómpre lembrar que a Lei indica os asalariados non son os responsábeis de pagar as súas cotas e, de feito, o sistema mantenlles a cobertura dende o día de alta aínda que, como parece ser este caso, o seu empregador non abone o correspondente.

A Operación Miño comezou hai varios meses cando a Dirección Provincial da Tesouraría de Lugo detectou un grande número de empresas, con actividade en diferentes sectores, que supostamente acumulaban importantes cantidades de débeda coa Seguridade Social.

Tras examinar de forma detallada toda a documentación e información, os axentes conseguiron determinar que empresas poderían estar a defraudar á Tesouraría Xeneral da Seguridade Social. En total foron investigadas nove mercantís de diferentes sectores como o salón de peiteado ou a carpintaría metálica, todas elas situadas na provincia de Lugo.

A operación culminou coa detención de 15 persoas implicadas na defraudación de 3.850.135 euros e outras catro máis foron investigadas polos feitos, segundo datos da Policía Nacional.

En total esclarecéronse oito delitos de fraude á Tesouraría Xeral da Seguridade Social, sete delitos de frustración á execución, un delito societario, un de falsificación documental e un delito de organización criminal. O delegado do Goberno dixo onte que en principio non ía haber máis detencións, pero que a operación non está de todo pechada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 malola

A día de hoxe,moitos traballadores de Grúas Vidal,seguen sen cobrar

3 Sesese

Poderian mirar tamen algun clamoroso caso na Coruña

2 Amador

A prensa gale é unha merda. O mellor que podemos facerlle e boicot total e non lela.

1 Montesío

O de "Hydra-Cons" é o que máis graza me fai ;-)