A realide galega a través do humor gráfico de Galicia Confidencial

O humorista gráfico Xosé Manuel Fernández inaugura en Santiago unha exposición coas mellores viñetas publicadas no Galicia Confidencial.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/11/2016 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

“O humor gráfico é un estado de ánimo”. Deste xeito resumiu o humorista gráfico e colaborador do Galicia Confidencial, Xosé Manuel Fernández, o que significa para el esa outra realizade paralela de Galicia que se plasma nas viñetas cómicas.

O diretor do GC, Xurxo Salgado, co ilustrador Xosé Manuel Fernández
O diretor do GC, Xurxo Salgado, co ilustrador Xosé Manuel Fernández | Fonte: Antón Escuredo

Xosé Manuel Fernández inaugurou este luns “Humor non Confidencial”, unha mostra que se atopa na biblioteca Ánxel Casal de Santiago e que recolle unha escolma das súas mellores viñetas publicads na sección de humor deste xornal entre os anos 2012 e 2016, baixo o pseudónimo de Hermanager.

Durante a súa intervención o ilustrador destacou a importancia que o humor gráfico ten para entender boa parte do que sucede ao noso redor. No acto de presentación estivo acompañado polo director do GC, Xurxo Salgado, quen destacou a faciana máis imaxinativa de Xosé Manuel e resaltou que as súas viñetas están cargadas de moito “humor ácido”.

A actualidade política, a emigración, o impacto da tecnoloxía nas relacións persoais ou a situación da lingua e a cultura popular galega son temas recorrentes do autor, que peneira a realidade con agudeza e humor. As súas viñetas de trazo limpo e moi persoais utilizan a retranca e os xogos de palabra como ferramentas fundamentais.

O autor

Xosé Manuel Fernández Montes (París, 1972) é asesor especializado en Propiedade Intelectual, mánager de artistas e creador de contidos de humor. Neste último eido cultiva a súa faceta de humorista gráfico en varios medios de Galicia como Novas do Eixo Atlántico ou os dixitais Noticias Valdeorras e Que Pasa na Costa. Dende hai cinco anos conta cunha sección de humor gráfico no xornal dixital Galicia Confidencial.

Participantes na inauguración da exposición de Xosé Manuel Fernández na biblioteca Anxel Casal de Santiago
Participantes na inauguración da exposición de Xosé Manuel Fernández na biblioteca Anxel Casal de Santiago | Fonte: Antón Escuredo

Non perdeu o contacto con Catalunya, terra na que estivo uns dezasete anos, pois segue colaborando na revista galego-catalá A Micro Pechado, e anos atrás foi colaborador da revista satírica A Retranca, do xornal Galicia Hoxe, A Peneira e o seu suplemento de humor gráfico O Farelo ou da revista deportiva Don Balón.  Antes desta mostra expuso  en L´Hospitalet, Barcelona, Quiroga, Monforte e O Saviñao.

Viñetas da exposición de Xosé Manuel Fernández na biblioteca Anxel Casal de Santiago
Viñetas da exposición de Xosé Manuel Fernández na biblioteca Anxel Casal de Santiago | Fonte: Antón Escuredo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta