“Nunha ampla banda de territorio desde o norte de Galiza até Lisboa non se pode ver xa a Vía Láctea”

Salvador Bará, doutor en Física e profesor titular da Área de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), vén de publicar na Royal Society Open Science os últimos resultados da Rede Galega de Medida do Brillo do Ceo Nocturno. Os datos, avisa, son preocupantes porque "indican que se está a producir unha deterioración notable das condicións de escuridade natural da noite". Con el falamos sobre contaminación luminosa, a investigación que se está a facer en Galicia, a importancia dunha nova cultura da luz e a necesidade dunha maior comprensión deste fenómeno. Pero antes, e coas súas inestimables aportacións, contextualizamos o problema.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 05/12/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A luz é, dende a orixe do ser humano, fonte de espiritualidade, metáfora da vida, do ben, do coñecemento e da beleza, e símbolo de progreso, modernidade, seguridade, benestar, riqueza e poder. Incapaces de vivir a escuras e de soportar a penumbra, os seres humanos conseguimos aquilo que semellaba reservado aos deuses: crear luz. Dende que fomos capaces de xerar industrialmente electricidade e luz, grazas a mentes marabillosas do século XIX como as de Nikola Tesla ou Thomas Alva Edison, o mundo experimentou avances inimaxinables polos nosos devanceiros que iluminaron unha nova época, unha nova idade, marcada polo poder da enerxía eléctrica e a súa conversión en luz artificial, tan capital para nós que a propia Organización das Nacións Unidas (ONU) proclamou 2015 como o Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías baseadas na Luz. 

O investigador da USC Salvador Bará explica o funcionamento dos detectores da Rede Galega de Medida do Brillo do Ceo Nocturno na inauguración deste proxecto nas instalacións de Meteogalicia
O investigador da USC Salvador Bará explica o funcionamento dos detectores da Rede Galega de Medida do Brillo do Ceo Nocturno na inauguración deste proxecto nas instalacións de Meteogalicia | Fonte: Ana Varela - Xunta de Galicia.

Hoxe, as nosas cidades locen espectaculares na noite, a vista de paxaro... e de astronauta. Dende o espazo recibimos case decotío imaxes nocturnas da Terra que nos abraian, tomadas polos ocupantes da Estación Espacial Internacional; imaxes de arañeiras de luz que debuxan os núcleos do progreso humano, as nosas cidades e vilas iluminadas, fachendosas, exuberantes... Mais esta exposición excesiva á luz artificial ten o seu lado escuro: a contaminación luminosa, a grande esquecida.

Este ano, o físico Fabio Falchi, do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía da Contaminación Luminosa en Italia, presentou canda un equipo internacional de investigadores o Novo Atlas Mundial do Brillo do Ceo Nocturno, un estudo publicado en Science Advance que aporta datos moi preocupantes: "O 80% do mundo e máis do 99% das poboacións de Estados Unidos e Europa viven baixo ceos contaminados pola luz. A Vía Láctea está oculta para máis dun terzo da humanidade, incluíndo o 60% dos europeos e case o 80% dos norteamericanos".

Nos últimos tempos, dende a comunidade científica vénsenos advertindo dos efectos prexudiciais deste exceso de luz artificial no que vivimos: entre outos impactos, afecta o ritmo circadiano (ciclo biolóxico marcado pola luz e a escuridade) e o estilo de vida e o soño, e impídenos admirar en todo o seu esplendor o ceo estrelado nas noites claras, ademais de supor un enorme custo de produción enerxética.

Diversos autores teñen estudado os efectos negativos da contaminación luminosa sobre a biodiversidade. Así, por exemplo, científicos do Instituto Leibniz de Ecoloxía de Agua Doce e Pesca Continental e do Instituto de Bioloxía da Universidade Libre de Berlín alertaron de que "a contaminación luminosa ameaza a biodiversidade" ao "mudar hábitos nocturnos (como a reprodución e a migración) de insectos, anfibios, peixes, paxaros, morcegos e outros animais" e "pode afectar a plantas distorsionando o seu ciclo natural día-noite". Segundo estes investigadores, a contaminación luminosa pode "prexudicar a biomasa total e o tamaño das poboacións" de diversas especies, "modificando a súa composición relativa", o "cal pode ter efectos na cadea alimentaria", advirten.

Elaboración de Salvador Bará en base a imaxes en acceso aberto de NASA coa distribución xeográfica dos detectores da Rede Galega de Vixilancia do Brillo do Ceo Nocturno, situada en 14 estacións meteorolóxicas de Meteogalicia. A zona máis brillante preto do bordo inferior da imaxe é a área metropolitana de Porto (Portugal) / Fonte: NASA Earth Observatory (2012). Night Lights 2012—Flat map. Dispoñible en liña en: http://earthobservatory.nasa.gov/naturalhazards/view.php?ide=79765, imaxe de Robert Simmon, utilizando os datos de Suomi NPP VIIRS proporcionados por cortesía de Chris Elvidge (NOAA National Geophysical Data Center) (NASA Earth Observatory, 2012). Suomi NPP é o resultado dunha asociación entre a NASA, a NOAA e o Departamento de Defensa de Estados Unidos. Dispoñible tamén en: http://rsos.royalsocietypublishing.org/content/3/10/160541.
Elaboración de Salvador Bará en base a imaxes en acceso aberto de NASA coa distribución xeográfica dos detectores da Rede Galega de Vixilancia do Brillo do Ceo Nocturno, situada en 14 estacións meteorolóxicas de Meteogalicia. A zona máis brillante preto do bordo inferior da imaxe é a área metropolitana de Porto (Portugal) / Fonte: NASA Earth Observatory (2012). Night Lights 2012—Flat map. Dispoñible en liña en: http://earthobservatory.nasa.gov/naturalhazards/view.php?ide=79765, imaxe de Robert Simmon, utilizando os datos de Suomi NPP VIIRS proporcionados por cortesía de Chris Elvidge (NOAA National Geophysical Data Center) (NASA Earth Observatory, 2012). Suomi NPP é o resultado dunha asociación entre a NASA, a NOAA e o Departamento de Defensa de Estados Unidos. Dispoñible tamén en: http://rsos.royalsocietypublishing.org/content/3/10/160541.

CONTAMINACIÓN LUMINOSA EN GALICIA

O pasado mes de xuño, unha fermosa e abraiante imaxe da Vía Láctea tomada en Fisterra apareceu en varios medios galegos e estatais. O seu autor é o fotógrafo nocturno Daniel Llamas e por ela recibiu a mención de honra na categoría Against the Lights do famoso concurso de astrofotografía The 2016 International Earth & Sky Photo Contest do The World at Night (TWAN). A fotografía, titulada End of World, End of Night, non é só unha belida captura panorámica do ceo nocturno, garda tamén unha alerta precisamente sobre a contaminación por luz artificial. Nela vese unha masa de luz laranxa na marxe esquerda que non é outra cousa que a contaminación de luz artificial que emiten Corcubión e Cee rebotada e potenciada por un manto de nubes baixas. O propio autor dixo, tras coñecer que fora premiado, que se trata dunha imaxe "moi forte e representativa para denunciar o problema da contaminación luminosa".

Galicia non é allea a este problema global. As imaxes da NASA e dos astronautas da Estación Espacial Internacional son outra proba visual, pero a científica téñena 14 detectores instalados nas estacións de Meteogalicia, repartidos por distintos puntos do país para controlar a alteración antropoxénica da escuridade do ceo nocturno. Estas estacións compoñen a Rede Galega de Medida do Brillo do Ceo Nocturno e proporcionan ininterrompidamente datos en tempo real e abertos sobre o brillo cenital do ceo nocturno en distintas zonas urbanas e periurbanas, rexións de transición —incluído o Parque Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia— e áreas do rural e montañosas. Os datos e resultados destas monitorizacións son agora expostos por Salvador Bará, doutor en Física e profesor titular da Área de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no artigo 'Anthropogenic disruption of the night sky darkness in urban and rural areas', publicado na Royal Society Open Science.

As medicións permitiron evaluar a magnitude da perda da noite natural nas zonas monitorizadas introducindo dúas métricas: a magnitude significativa e o factor de modulación da luz da Lúa. Os datos analizados por Bará corresponden ao período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2015. O científico expón: "A magnitude significativa mostra que en noites claras e sen Lúa o ceo nocturno cenital nas contornas urbanas analizadas é típicamente 14-23 veces máis brillante do esperado dun ceo natural escuro. Este factor atópase no rango 7-8 nos lugares periurbanos, 1,6-2,5 nas rexións de transición e 0,8-1,6 en zonas rurais e de montaña. A presenza de nubes nas zonas urbanas aumenta fortemente a cantidade de luz dispersa, alcanzando facilmente factores de amplificación superiores a 25, en comparación coa luz dispersa nos mesmos lugares baixo condicións de ceo despexado. A modulación periódica do brillo do ceo nocturno debido á Lúa, aínda claramente visible en lugares de transición e rurais, é apenas notable en ubicacións periurbanas e practicamente se perde nas zonas urbanas".

"Os nosos resultados están de acordo, en xeral, cos informes anteriores sobre o comportamento do brillo do ceo nocturno en 44 sitios seleccionados en todo o mundo", conclúe o científico galego, quen matiza que "calquera comparación cuantitativa entre estudos debe ter en conta, con todo, as diferentes métricas utilizadas para describir o brillo típico do ceo baixo diferentes condicións de iluminación ou atmosféricas".

A continuación falamos con Salvador Bará sobre este traballo de investigación, os seus resultados, a importancia dunha nova cultura da luz e a necesidade dunha maior comprensión deste fenómeno como "requisito previo para tomar decisións informadas sobre políticas públicas relacionadas cos sistemas de iluminación exterior", como expón o investigador da USC no seu artigo. 

Que é a contaminación lumínica e que efectos ten no medio ambiente e nos seres humanos?

Usamos o termo contaminación lumínica (ou luminosa) para referirnos aos efectos non desexados da iluminación artificial. A luz, que ten moitos aspectos positivos, tamén pode ter efectos adversos se se usa incorrectamente.

Até finais do século XX a principal preocupación relacionada co uso de luz artificial eran os seus custos máis visibles e inmediatos: o consumo enerxético e o gasto asociado. A iluminación consome a quinta parte da electricidade producida no mundo, e vennos custando unha cantidade equivalente ao 1.2% do PIB mundial. Porén, unha serie de investigacións en campos que van da ecoloxía á fisioloxía humana, pasando pola astronomía e a química da atmosfera, revelaron nos últimos anos a existencia de importantes custos ocultos que até o de agora non tiveramos en conta. A maioría dos estudos realizados converxen nunha clara conclusión: a luz en horario nocturno non é totalmente inocua nin para o medio ambiente nin para as persoas. E impídenos desfrutar dese inmenso espectáculo que é o ceo estrelado.

Hoxe sabemos que a noite, a escuridade da noite, é necesaria para o normal desenvolvemento da vida de moitas especies. A luz a deshoras ten efectos disruptivos sobre organismos individuais, as poboacións e os ecosistemas, afectando ao metabolismo, á reprodución, á alimentación, ás relacións predador-presa, á orientación nos desprazamentos curtos, ás migracións... Cada vez que introducimos luz artificial nun espazo natural que debería estar escuro estamos modificando nel, adoito sen sermos plenamente conscientes, as regras do xogo da vida.

Os seres humanos non estamos, xaora, fóra das leis da bioloxía. Tamén precisamos da escuridade da noite. Certos procesos fisiolóxicos, principalmente vencellados á produción de determinadas hormonas, son especialmente sensibles á luz recibida a deshoras.

"Non deixa de ser rechamante que a Vía Láctea non poida verse xa desde moitos lugares de Galicia, debido á proliferación de sistemas de alumeado público mal deseñados ou incorrectamente instalados".

Por que é importante estudala?

Precisamente pola amplitude e o alcance deses efectos non desexados, que estamos comezando a comprender. A luz artificial é sen dúbida un dos maiores avances da humanidade. Liberounos das ataduras impostas polos ciclos naturais de luz e escuridade e permitiunos ampliar case sen límites o noso tempo de actividade. Porén, ten efectos negativos que é necesario coñecer para podermos tomar decisións informadas sobre como usar a luz tanto no ámbito público como no privado. Esta combinación de utilidade e dano potencial non é exclusiva da luz: é típica dos axentes contaminantes clásicos. Por iso no ámbito académico hai quen defende, e non sen certa razón, que a luz artificial en horario nocturno debería ser considerada un axente contaminante máis, e ser tratada como tal.

En que situación ou nivel se atopa Galicia en materia de investigación en contaminación luminosa? Temos recursos, cultura e vontade suficientes?

A investigación científica sobre contaminación luminosa é un campo que está en pleno desenvolvemento, en Galicia e no mundo. Cultura científica e vontade non fallan. Porén, os recursos materiais e persoais son claramente insuficientes, en liña co que está sucedendo en moitos outros campos de investigación.

Por que é importante asegurar a sustentabilidade dos niveis de escuridade dos ceos nocturnos?

Para evitar efectos negativos sobre as especies que precisan da escuridade da noite, e tamén para posibilitar que a investigación científica sobre o cosmos e o lugar que ocupamos nel non se vexa deturpada polo brillo artificial do ceo. Cada vez son máis os observatorios astronómicos que ven dificultada a súa actividade pola luz emitida polas cidades que os rodean. Hai tamén importantes razóns de índole cultural para preservar ese magnífico espectáculo que e o ceo estrelado. Non deixa de ser rechamante que a Vía Láctea, o Camiño de Santiago, non poida verse xa desde moitos lugares de Galicia, debido á proliferación de sistemas de alumeado público mal deseñados ou incorrectamente instalados.

"A sobreiluminación innecesaria da noite tende a considerarse, equivocadamente, como un signo de progreso".

O problema ten entón tamén unha dimensión cultural?

Si. Durante a maior parte da súa existencia a humanidade viviu nun mundo con escasez de luz artificial. A luz foi sempre un recurso moi apreciado. E co paso do tempo a luz, naturalmente, adquiriu unha merecidísima connotación positiva. A nosa linguaxe reflícteo moi ben: hai ideas luminosas, persoas brillantes, desexamos que se bote luz sobre asuntos escuros, somos herdeiros do Século das Luces...

O problema está en que hoxe, a diferenza dos tempos antigos, vivimos nun mundo cun exceso de luz. O mundo cambiou, mais as nosas ideas sobre a luz non evolucionaron á mesma velocidade. Hai un século era evidente que ‘canta máis, luz, mellor’ porque realmente había carencia dela. Hoxe xa non é así. Porén, esa idea segue estando gravada a cicel na conciencia colectiva. O certo é que –a partir dun nivel suficiente para ver correctamente- aumentar a cantidade de luz non sempre vai facer que vexamos mellor. Adoito sucede precisamente o contrario.

Que deberían facer as administracións públicas nesta materia? 

Prestar atención ás novidades que día a día se producen neste campo de investigación e aplicar un pouco de sentido común: iluminar soamente aquilo que precise ser iluminado, durante o tempo que sexa necesario e non máis, cun nivel de luz suficiente para unha boa visibilidade sen caer na tentación de sobreiluminar, e usando lámpadas que proporcionen luz co espectro adecuado.

Por que non temos a mesma conciencia ou sensibilidade cara a contaminación lumínica como no caso, por exemplo, da contaminación por gases ou mesmo da contaminación acústica?

Na miña opinión os motivos principais son dous. Un deles é que os avances cientificos neste campo son relativamente recentes e precísase un certo tempo para que sexan coñecidos e valorados adecuadamente polas administracións e a cidadanía. Hai anos sucedía algo semellante coa contaminación por gas radón ou coa contaminación acústica, problemas que hoxe están na axenda colectiva. O outro motivo é que aínda está moi extendida a percepción social de que o exceso de luz non é negativo. Pola contra, a sobreiluminación innecesaria da noite tende a considerarse, equivocadamente, como un signo de progreso.

"O problema non está en iluminar, senón en iluminarmos mal. As cidades e vilas galegas están, en xeral, sobreiluminadas". 

Como se pode equilibrar e compaxinar o progreso urbanístico e o confort cidadán cunha política sostible en materia de iluminación?

Realmente non hai ningunha dificultade, nin técnica nin de principios, para facelo. É máis: non pode haber verdadeiro progreso urbanístico nin confort cidadán sen unha política sostible en materia de iluminación. Esa política sostible non consiste en apagar a iluminación pública e deixar as vilas a escuras ou mal iluminadas. Todo o contrario: consiste en iluminar correctamente, para garantir a boa visión das veciñas e veciños que usamos os espazos públicos pola noite.

O problema non está en iluminar, senón en iluminarmos mal. As cidades e vilas galegas están, en xeral, sobreiluminadas. Por suposto, a luz está desigualmente repartida, e hai lugares concretos nos que a iluminación é insuficiente e deberia aumentarse, pero a tendencia xeral é a emitirmos máis luz da que necesitamos para ver comodamente.

O importante para asegurar unha boa visión non é tanto a cantidade de luz (ollo humano pode manexar satisfactoriamente tanto cantidades moi grandes como moi pequenas) senón a súa calidade: que a iluminación sexa homoxénea, que teña un nivel mínimo adecuado, e que non produza cegamentos. Tamén é importante enviar a luz aló onde realmente se necesita, sen invadir zonas veciñas. Porén, como calquera pode comprobar dando unha volta pola noite, unha parte importante da luz que producimos (e pagamos) vai directamente ao ceo ou ilumina espazos naturais na contorna das vilas que non deberían estar iluminados.

"As fachadas das catedrais non foron pensadas para ser vistas pola noite baixo a asolagadora luz de intensísimos focos de luz branca ou de LEDs multicolor".

Vivimos tempos nos que iluminar monumentos e fachadas ou edificios enteiros que son iconas das cidades é algo recorrente como recurso de exaltación. É este un síntoma de incultura da luz?

É signo, polo menos, dunha discutible cultura da luz. Iluminar a fachada dun edificio en ocasións especiais ou durante períodos determinados da noite pode axudarnos a achegarnos con novos ollos á arquitectura da que desfrutamos durante o día. Pero facelo de forma continuada e sen límites róubanos en moitos casos a posibilidade de coñecer esa arquitectura tal como foi deseñada polos seus autores. As fachadas das catedrais non foron pensadas para ser vistas pola noite baixo a asolagadora luz de intensísimos focos de luz branca ou de LEDs multicolor. Foron pensadas para ser vistas á luz da Lúa, coas estrelas como pano de fondo. Algo do que hoxe xa non podemos desfrutar na maoría de núcleos habitados do País.

E agora que nos achegamos á época máis 'luminosa' do ano, que opina sobre as luces do Nadal que inundan as rúas de cidades e vilas?

A razón que se aduce frecuentemente para reforzar a iluminación é que contribúe a aumentar os niveis de consumo. Con independencia de se ese obxectivo é ou non é desexable e de se as luces son eficaces ou non para acadalo, o problema é que a longo prazo ese comportamento provoca unha carreira para ver quen ilumina máis. O sistema visual humano funciona detectando contrastes, máis que cantidades absolutas de luz: por moi iluminada que estea unha rúa, se na rúa veciña se instala máis luz, a primeira pareceranos escura. Iso fai que os niveis de iluminación urbana tendan a aumentar progresivamente co paso dos anos.

Respecto do caso galego, polas súas características xeográficas, climáticas e/ou demográficas, e cos datos que xa manexan, ten algunha singularidade especial?

Compartimos moitas semellanzas co resto de países europeos. A sobreiluminación nas zonas urbanas, a intrusión de luz en espazos naturais, instalacións que frecuentemente dificultan máis que axudar a unha boa visión... Hai tamén algunhas diferenzas, relacionadas coa dispersión dos nosos núcleos de poboación, aínda que non causadas por ela. Temos unha grande cantidade de estradas e pistas con moi baixa densidade de tráfico rodado e tráfico de peóns case inexistente cuxos farois permanecen acesos toda a noite.

Que son a magnitude significativa e o factor de modulación de luz da Lúa?

Son dúas medidas cuantitativas que utilizamos para describir o degradada que está a noite nun lugar dado. A magnitude significativa mide o brillo típico do ceo causado pola iluminación artificial. Ese brillo é o que nos impide ver as estrelas. O factor de modulación de luz da Lúa mide canto contribúe a Lúa ao brillo do ceo: nun entorno natural esta contribución é moi importante, pasando de ser mínima nos momentos de Lúa nova a ser máxima nos momentos de Lúa chea. Na contorna próxima das cidades, e non digamos xa nas cidades mesmas, a variación de brillo debida ao luar é moito menos visible e pasa case desapercibida, afogada polo intenso brillo das fontes artificiais.

"Os datos de Galicia son preocupantes porque indican que se está a producir unha deterioroación notable das condicións de escuridade natural da noite".

Os datos do traballo publicado mostran que en noites claras e sen Lúa o brillo cenital do ceo nocturno en espazos urbanos galegos é 14-23 veces máis intenso do esperado dun ceo natural escuro, 7-8 en lugares periurbanos, 1,6-2,5 en zonas de transición e 0,8-1,6 en áreas rurais e de montaña. Son datos preocupantes?

Si, son preocupantes porque indican que se está a producir unha deterioración notable das condicións de escuridade natural da noite, non soamente nas cidades e vilas, onde é esperable, senón tamén en lugares alonxados destas. As decisións sobre alumeado público que toma un concello adoito teñen consecuencias a grandes distancias. A luz enviada en direccións próximas á horizontal pode percorrer ducias de kilómetros antes de impactar en espazos naturais que en principio non queremos nin debemos iluminar. As cifras arriba indicadas corresponden soamente a noites despexadas. Nas noites anubradas o brillo do ceo nas cidades pode ser até 25 veces maior do que eses números indican: o ceo urbano pode brillar 400 veces máis do que sería o seu valor natural, debido a que as nubes reflicten moi eficazmente a luz que escapa dos farois.

Respecto da modulación do brillo do ceo nocturno debido á Lúa, por que é importante medila e por que debemos preocuparnos pola súa perda en zonas urbanas e periurbanas?

Os nosos resultados indican que o ciclo mensual de luz e escuridade asociado ás diferentes fases da Lúa é cada vez menos marcado nos espazos naturais cercanos aos núcleos de poboación. Iso indica que existe neles unha importante cantidade de luz artificial que non debería estar alí. Calquera especie que necesite da escuridade da noite para evitar aos seus predadores terá dificultades para prosperar en lugares onde a luz artificial actúa creando unha especie de luar permanente, cando non un crepúsculo sen fin.

Pódense comparar os datos de Galicia cos doutras zonas de España ou de Europa?

Si, o brillo artificial do ceo en Galicia é comparable ao que hai no resto de Europa. En ambos casos danse marcadas diferenzas entre as zonas urbanas, máis deterioradas, e as rurais, con ceos algo máis escuros. O último Atlas Mundial do Brillo Artificial do Ceo, publicado este mesmo ano, revela que máis do 99% poboación europea vive baixo ceos luminicamente contaminados, e que o 60% non pode ver xa a Vía Láctea desde o seu lugar de residencia.

"Sería razoable reducir as emisións de luz artificial cara o ceo especialmente na autoestrada de luz artificial que conecta sen interrupción Ferrol con Lisboa. Hai marxe para facelo, sen deixarmos de ter unha iluminación óptima para uso das persoas".

Hai algunha zona en concreto en Galicia que destaque por uns valores máis altos ou máis baixos do previsto?

Máis que zonas, hai lugares concretos onde a afectación resulta ser superior á esperada e outros nos que, pola contra, o ceo é algo máis escuro do que podía preverse, como sucede no Parque das Illas Atlánticas.

A simple vista, as imaxes nocturnas tomadas desde o espazo amosan en Galicia unha liña de luz máis intensa, grosa e continua, perfectamente definida, que semella seguir a autoestrada AP-9 e que conecta os principais núcleos urbanos da Galicia occidental. Temos, por así dicilo, unha autoestrada de luz artificial en Galicia que debería ser dalgún xeito reformada?

En realidade temos unha autoestrada de luz artificial que conecta sen interrupción Ferrol con Lisboa. As imaxes do satélite Suomi-NPP revelan a situación e a intensidade das fontes de luz, mais non hai que perder de vista que estas fontes degradan a calidade da noite a ambos lados desa especie de autoestrada luminosa. O resultado é que nunha ampla banda de territorio desde o norte de Galiza até Lisboa (zonas amarela e laranxa do mapa do Atlas Mundial do Brillo Artificial do Ceo) non se pode ver xa a Vía Láctea. Sería razoable reducir as emisións de luz artificial cara o ceo especialmente nesa zona. Hai marxe para facelo, sen deixarmos de ter unha iluminación óptima para uso das persoas.

Que lles queda por facer aos investigadores en Galicia? Por onde vai ir o seu traballo agora?

Caracterizar con máis precisión como se propaga a contaminación luminosa producida polos núcleos urbanos, afondar nas súas consecuencias a nivel medioambiental e sobre a saúde das persoas e desenvolver estratexias practicables para 'descontaminar' lumínicamente o territorio. E contribuír activamente á divulgación do problema, das súas causas e consecuencias, para que a cidadanía e as administracións poidan tomar decisións informadas en base á mellor ciencia dispoñible, e non condicionadas polos intereses inmediatos das empresas instaladoras ou xestoras dos sistema de alumeado público.

Europa, no Atlas Mundial do Brillo Artificial do Ceo Nocturno / Fonte: F. Falchi, P. Cinzano, D. Duriscoe, C. C. M. Kyba, C. D. Elvidge, K. Baugh, B. A. Portnov, N. A. Rybnikova, R. Furgoni, The new world atlas of artificial night sky brightness. Sci. Adv. 2, e1600377 (2016). http://dx.doi.org/10.1126/sciadv.1600377  2016 © The Authors, some rights reserved; exclusive licensee American Association for the Advancement of Science. Distributed under a Creative Commons Attribution NonCommercial License 4.0 (CC BY-NC).
Europa, no Atlas Mundial do Brillo Artificial do Ceo Nocturno / Fonte: F. Falchi, P. Cinzano, D. Duriscoe, C. C. M. Kyba, C. D. Elvidge, K. Baugh, B. A. Portnov, N. A. Rybnikova, R. Furgoni, The new world atlas of artificial night sky brightness. Sci. Adv. 2, e1600377 (2016). http://dx.doi.org/10.1126/sciadv.1600377 2016 © The Authors, some rights reserved; exclusive licensee American Association for the Advancement of Science. Distributed under a Creative Commons Attribution NonCommercial License 4.0 (CC BY-NC).
Imaxe nocturna da Península Ibérica tomada desde a Estación Espacial Internacional
Imaxe nocturna da Península Ibérica tomada desde a Estación Espacial Internacional | Fonte: Scott Kelly.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta