Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/12/2016 | Actualizada ás 17:00
O campionato científico escolar D3Mobile Metrology World League 2017, un certame de modelado 3D de precisión con teléfono móbil ou tableta organizado polo grupo USCAN3D e aberto á participación de profesores e estudantes de ensino medio, botou a andar este mércores na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A quinta edición do D3Mobile arranca co apoio explícito do vixente do campión mundial de MotoGP, Marc Márquez, ademais de contar co patrocinio da Fecyt e o respaldo explícito da Unesco por tratarse dun programa que favorece a adquisición de competencias propias do século XXI, a través do fomento da aprendizaxe, ensinanza e resultados educativos mediante o uso das TIC, ademais de empregar m-learning, e-learning e recursos educativos de libre acceso (OER).
O director deste proxecto de divulgación científica escolar, o profesor da USC Juan Ortiz Sanz, salientou na presentación da quinta edición desta competición científica en liña que o obxectivo da D3Mobile é o de promover o interese pola ciencia entre os máis novos, ademais de introducir a estudantado preuniversitario no modelado 3D e nos novos métodos emerxentes de medición de precisión.
O carácter gratuíto do certame, cuxos promotores proporcionarán formación en liña a través de guías, foros e un correo electrónico, e cuxa participación so require contar cun teléfono móbil ou tablet, un PC ou MAC con Windows, Linux u OSX, e unha conexión a internet, foron outras das consideracións salientadas por Ortiz.
O éxito da participación rexistrada nas anteriores edicións de D3Mobile, nas que se inscribiron máis de 4.000 estudantes de todo o mundo responde, en opinión de Ortiz, ao crecente uso cotiá do modelado 3D en áreas ligadas á cultura xuvenil (cine, deporte, motor, moda, videoxogos), así como á xeneralización de modelos virtuais 3D, concibidos xa como ferramentas acaídas para o rexistro de información, en multitude de campos (medicina, veterinaria, urbanismo, arquitectura, industrias -moda, automoción, ocio, videoxogos, aeroespacial, agroalimentaria...-, enxeñaría, construción, deporte, patrimonio o, entre outros, accesibilidade). O rápido desenvolvemento que está a experimentar a impresión en 3D constitúe un aliado máis para o éxito de D3Mobile, dixo o director deste proxecto.
O CAMPIONATO
D3Mobile é unha experiencia educativa en liña que persegue a estimulación das competencias STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) para probar a importancia da toma de decisións baseadas na análise de resultados logo dun proceso experimental. Trátase dun campionato aberto a estudantes de entre 12 e 18 anos, distribuídos en equipos de entre 2 e 4 alumnos e un profesor. A inscrición está aberta ata o vindeiro 14 de marzo no sitio web d3mobile.es. As probas serán en abril e os gañadores daranse a coñecer en xuño, tal e como se indica na guía rápida de participación.
Un dos premios destacados para o equipo gañador da D3Mobile Metrology World League 2017 inclúe unha camisola e gorras asinadas por Marc Márquez, quen se suma así á relación de deportistas, como Pau Gasol, Iker Casillas ou Rafa Nadal, arrouparon outras edicións da D3Mobile.
Esta edición contempla asemade catro premios para os equipos que mellor promovan a estratexia da Unesco no horizonte 2014-2021, un galardón para a difusión de resultados de investigación dun científico ou centro de investigación español e outro semellante centrado na I+D+I na USC. A Fundación Mujeres Españolas financia un premio á promoción da muller na nos ámbitos da arquitectura e a enxeñaría.
A alcaldía maior de Bogotá, en colaboración con el Centro Cultural e Educativo Reis Católicos desta cidade, dependente do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España financian nesta edición os premios D3mobile-frontera, gres galardóns que irán para os equipos de Colombia ou Quito que mellor potencien a relación entre España e Latinoamérica nos ámbitos industrial, de investigación ou de colaboración sobre a paz.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.