Temas: MULLER

Infravaloran as mulleres os seus coñecementos en informática?

O Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia explica que a matriculación de mozas no Grao de Informática reduciuse á metade nos últimos anos nas tres universidades do país. Iso malia que as mulleres tenden a sacar mellores notas cos mozos en matemáticas e tecnoloxía.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/03/2017 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

A evolución do acceso das mulleres aos estudos de Informática presenta en Galicia unha  acusada tendencia á baixa,  que contrasta co escenario de crecente feminización da matrícula nas tres universidades.  A caída da presenza de alumnas nas aulas de Informática nos últimos anos ronda o 50%, con moi leves oscilacións entre as tres universidades, segundo os datos oficiais de matriculación analizados polo Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG. 

Marcos Mata, do Cpetig
Marcos Mata, do Cpetig

A Universidade de Vigo é tradicionalmente a universidade galega con máis mulleres matriculadas no Grao de Informática, pero acusa na mesma proporción que o resto a minguante presenza feminina. Mentres a comezos da década pasada se acadaron taxas que chegaban ao 30% de mulleres nas súas aulas de Informática, a representación caeu ao 15% o pasado curso académico 2015-2016, no que a matrícula feminina no conxunto dos Graos desa universidade foi do 51%.  

Na mesma liña, a USC experimentou tamén unha significativa reducción de alumnas en Informática, pasando do 25% a comezos da década pasada ao 12% do pasado curso, unha presenza especialmente escasa tendo en conta que é unha universidade altamente feminizada cun 62% de alumnas.

Na da Coruña, que chegou a ter un 23% de alumnas en Informática nos primeiros anos da pasada década, baixou ao 11% no último curso, no que a matriculación feminina no total de plans de estudos de Grao foi do 49%.

As mulleres infravaloran as súas capacidades en tecnoloxía

Esta tendencia é común á maioría dos países e, en parte, pode deberse ao modelo estereotipado e pouco real da Informática que divulgan series e programas de televisión que distorsionan a verdadeira dimensión profesional. Pero tamén inflúe o feito de que as mozas infravaloran as súas capacidades en tecnoloxía e matemáticas, a pesar de obter de forma xeralizada mellores notas nestas materias que os mozos.

O CPETIG considera que a elección profesional debe realizarse en liberdade, por vocación, e sobre ideas precisas das distintas alternativas académicas, superando determinados clixés que pesan sobre a Informática. Aí é onde tanto os colexios profesionais, como as universidades e as empresas deben contribuir a transmitir a verdadeira dimensión da profesión, superando a opinión demasiado simplista e extendida de que se trata de profesionais que “arranxan” ordenadores.

A pesar do contexto xeralizado de perda de mulleres na titulación de Informática en Galicia, O CPETIG valora moi positivamente que a colexiación feminina na entidade manteña unha taxa de crecemento sostido, pasando do 19% en 2008 ao 21% actual.

Temas: MULLER
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Julia

Tienden a sobrevalorarlo pero no está bien, muchas mujeres son creadoras de aplicaciones hoy en día y saben usar herramientas online como aliexpress shooping app para ios o parecidas sin ningún problema.