“Nun futuro non lonxano poderiamos pescar máis plástico que peixe”

Jesús Gago, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía, é un dos maiores expertos en contaminación por plásticos e micropásticos no mar. O científico galego forma parte do grupo consultivo internacional que asesora á ONU para abordar este problema mundial. Con el falamos sobre o encontro no que paricipou do 9 ao 12 de maio na sede de Nacións Unidas Medio Ambiente en Nairobi (Kenya), do impacto do lixo nos océanos e do que se está a facer en Galicia nesta materia.

Por Alberto Quian | Madrid | 15/05/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Oito millóns de toneladas de plástico son vertidas cada ano nos océanos e mares de todo o mundo, segundo un estudo publicado na revista Science e feito por investigadores de universidades norteamericanas. Para facernos unha idea da súa dimensión, sería o mesmo que colocar cinco bolsas da compra cheas de plásticos cada 30 centímetros de costa no mundo. Para 2025 o panorama é aínda máis desolador se non se aplican medidas correctoras urxentes: esas cinco bolsas cheas de plástico converteranse en dez cada 30 centímetros de costa, dobrando a cantidade de lixo nos mares na mesma extensión. Deses oito milllóns de toneladas de plástico que caen ao mar cada ano,  245 mil están flotando na superficie, o resto atópase nas profundidades, invisibles para nós.

Plásticos no mar
Plásticos no mar | Fonte: NOAA.

A alerta é mundial ante a ameaza dun mar de plásticos. E Galicia é unha das rexións europeas que lidera a investigación científica sobre lixo no mar e, en particular, sobre microplásticos, partículas de menos de cinco milímetros que están afectando a organismos mariños.  

Por exemplo, un estudo recente do Instituto Español de Oceanografía (IEO) en Vigo, en colaboración coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), mostrou datos alarmantes: o 100% dos golfiños comúns varados na costa de Galicia presentan microplásticos nos seus estómagos.

Son varias as campañas de investigación nacionais e internacionais nas que están participando científicos galegos para coñecer mellor a dimensión deste problema e para planear medidas que o atallen, asesorando a gobernos e administracións e organizacións supranacionais, como a Unión Europea (UE) ou a Organización das Nacións Unidas (ONU). O liderado galego nesta materia evidénciase nos últimos grandes proxectos de investigación impulsados pola UE. Un destes científicos é Jesús Gago, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e unha das voces máis autorizadas neste eido; non en van, Gago forma parte do grupo consultivo internacional que asesora á ONU para abordar o problema dos microplásticos no mar.

O científico galego paricipou do 9 ao 12 de maio, na sede de Nacións Unidas Medio Ambiente en Nairobi (Kenya), na reunión organizada para examinar e incluír as modificacións propostas ao borrador cero da avaliación do problema, cun enfoque na preparación de opcións para abordar as lagoas a nivel mundial que presenta este tema.

Jesús Gago, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía.
Jesús Gago, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía.

O segundo período de sesións da Asemblea das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, celebrado en maio de 2016, adoptou unha resolución sobre plástico mariño e microplásticos. Entre outras cousas, solicítase á ONU que realice unha avaliación da eficacia das estratexias de gobernanza internacionais, rexionais e subrexionais pertinentes; así como dos enfoques para combater o lixo plástico mariño e os microplásticos tendo en conta os diferentes marcos normativos e determinando as posibles lagoas e opcións para abordalos, mesmo mediante a cooperación e coordinación rexional.

GC falou con Gago durante a súa estadía en Nairobi.

"Existen suficientes evidencias a nivel global de que os plásticos representan unha ameaza para a vida mariña".

Cales foron as principais liñas que abordaron en Nairobi?

A problemática dos plásticos e microplásticos no medio mariño, que medidas tomar a nivel global como, por exemplo, un convenio con compromisos e obxetivos para todos os Estados.

A que conclusións chegaron e cara onde piden enfocar traballo e recursos?

Existen suficientes evidencias a nivel global de que os plásticos representan unha ameaza para a vida mariña. O grupo de traballo pide enfocar o traballo a nivel rexional coas convencions rexionais dos mares; por exemplo, as aguas galegas entran dentro da convención do Atlantico norte, www.ospar.com.

E tamén parece necesario reformular algúns convenios ou un acordo ou convenio novo a nivel global para combater o problema dentro do que se podería chamar unha nova arquitectura. Ademais, outras medidas como acordos voluntarios coa industria e traballar coas ONG tamén poden ser relevantes. Os recursos a usar dependen do nivel de desenvolvemento económico dos distintos países, pero tamén existe a posibilidade de recibir axudas por parte de institucions, como o Banco Mundial.

Cal é o seguinte paso tras a reunión de Nairobi?

Rematar o documento e sometelo á Asemblea Xeral de Nacións Unidas en Medio Ambiente en decembro, para a sua aprobación. Despois queda un proceso longo que depende da ambición dos países para atallar o problema.

Existe un compromiso firme, a nivel internacional, por buscar solucións ao problema do lixo no mar e os microplásticos e de aplicar medidas correctoras urxentes, ou estamos nunha fase de asumir aínda que o problema existe?

Eu penso que si que está asumido que é un problema en prácticamente todo o mundo. Pero e difícil de atallar porque se ve afectado por moi diversas fontes (transporte marítimo, residuos sólidos urbanos,…) e cada unha ten as súas particularidades, lexislacion, etc.

"A situación en Galicia en xeral é mellor que a existente no sueste asiático. Isto débese a moitos factores: baixa densidade de poboación, dinámica das correntes..."

Por que non é un problema central nos cumes do clima e do medio ambiente?

Boa pregunta... Quizais podería ser incluido. Pero coido que se foi difícil acadar o acordo de París, incluíndo o lixo mariño, podería ser case misión imposible.

Que países ou zonas están máis e menos involucrados neste problema e onde é máis urxente aplicar medidas?

Hai un amplo espectro. Por citar dous exemplos de moi involucrados diría Indonesia e Holanda, dous países con niveis moi diferentes de desenvolvemento económico. Europa creo que é unha zona moi involucrada e no sur asiático, debido á alta densidade de poboación e o nivel de desenvolvemento económico baixo-medio, fai que sexa unha zona cunha elevada problemática neste tema. Nos lugares mais afectados, unha mellor xestión dos residuos sólidos urbanos así como das aguas residuais xeraría unha mellora substancial da situación.

Este ano iniciaron no IEO unha campaña oceanográfica para avaliar a contaminación por microplásticos tanto na auga como nos sedimentos das costas de Galicia e Cantabria, dentro do proxecto europeo BASEMAN. Cando presentarán os resultados finais e que resultados esperan deste estudo europeo?

O proxecto BASEMAN remata a finais de 2018, Esperamos que este estudo nos axude na definición das mellores metodoloxías para o estudo dos microplásticos.

No caso particular de Galicia, cal é a situación en comparación con outras zonas de España e do mundo?

Aínda non temos datos suficientes para aventurarnos a comparar con outras rexions. Pero a situación en Galicia en xeral é mellor que a existente no sueste asiático. Isto débese a moitos factores: baixa densidade de poboación, dinámica das correntes…

"Poderiamos falar dunha extinción dalgunhas especies causada polo plástico se non se remedia a situación actual".

Recentemente presentaron os resultados dun estudo do IEO en colaboración coa CEMMA que mostrou que o 100% dos golfiños varados na costa galega tiñan microplásticos nos seus estómagos. De que maneira lles afecta? Teñen datos doutras especies? Hai organismos ou especies máis afectadas ca outras?

Non sabemos como lles afecta, pero está claro que non é algo positivo. Estamos traballando con outras especies e encontramos nalgunha unha importante incidencia. Pero e difícil relacionar os microplasticos con efectos a nivel de individuo.

Por outro lado, unha especie afectada de maneira moi relevante pola inxestion de plásticos é a tartaruga, que confude as bolsas con alimento e atópanse moitas nos estomagos destas. Neste caso si que é posibel asociar a morte, en moitos casos por asfixia. Poderiamos falar dunha extinción dalgunhas especies causada polo plástico se non se remedia a situación actual.

Estamos lonxe de comprender o impacto real dos microplásticos no mar? Cal é? Como afecta aos organismos mariños?  

Todavía existe un longo percorrido científico no tema. En xeral, os plásticos non son tóxicos, usámolos para envasar alimentos, bebidas, etc.

Os plásticos afectan de moitas maneiras o medio mariño; poden transportar especies invasoras, afectan a calidade ambiental das nosas praias, poden ser inxeridos por baleas, tartarugas, etc.

O problema cos microplásticos é que poden actuar como un cabalo de Troia para os seres vivos, introducindo diversos contaminantes (metais pesados, PCBs, dioxinas, etc.). Isto débese a que no medio mariño os microplásticos actúan como esponxas para elementos tóxicos.

Un estudo publicado na revista Science titulado 'Plastic waste inputs from land into the ocean' calculou en oito millóns as toneladas de plástico vertidas cada ano nos océanos. Como podemos facernos unha idea de que significa isto?

A verdade que é difícil, pero pensemos por un momento que un galego medio xera arredor de 500 quilos de lixo por ano; podemos facer unha extrapolación mental. En Galicia tivemos un caso exemplar, o vertedoiro de Bens en 1996; a cantidade de lixo puido chegar ata 200.000 toneladas.

En moitos países séguese usando o mar como un vertedoiro barato. É necesario un cambio global e temos que pasar das 3R (reducir, reutilizar, reciclar) as 6Rs (ademais das anteriores; rediseñar os produtos, substituír cando sexa posibel e recuperar enerxéticamente como última solución)

Cales son as principais fontes contaminantes por microplásticos no mar e que solucións se propoñen?

Os microplásticos poden ser de dous tipos: primarios e secundarios. Os primarios son os que se deseñan especificamente con ese tamaño e son os que se usan en cosméticos, pasta de dentes,… E os secundarios son os que proceden da fragmentación de plásticos grandes, por exemplo, dunha botella.

No caso dos primarios, a solución pasa por prohibir o seu uso en moitos casos e para os secundarios é vital mellorar a xestión.

Pode haber un punto de non retorno se non se lle pon solución urxente ao problema? Cales serían as consecuencias?

É difícil de prever. Pero un estudo da fundación Ellen McArthur indicaba que nun futuro non lonxano poderiamos pescar máis plástico que peixe. As consecuencias serían unha drástica redución da vida mariña e un cambio nas especies; algunhas desaparecerían.

"Os cidadáns poden ser parte de campañas de limpeza de praias e de presión aos nosos políticos para que tomen medidas".

Coñecemos o que están a facer os científicos, pero que están a facer ou que poden facer as Administracións europea, estatal e a galega?

As administración están implicadas tratando de tomar medidas a hora dun mellor uso e xestión dos plásticos. Dende Europa estase promovendo unha estratexia de plásticos, o Estado español adoptará probablemente este ano unha lexislacion para regular as bolsas de plástico e a Xunta está promovendo accións de recollida de redes nalguns portos. Sen dúbida, pódese facer mais.

E o sector pesqueiro?

O sector pesqueiro estase involucrando cada vez máis. Existen xa barcos pesqueiros que traen a porto o lixo que pescan. Ë necesaria unha maior axuda das administracions públicas. É necesario desenvolver mecanismos para evitar a perda de redes, así como fomentar industrias que as reciclen.

E nós, os cidadáns?

Os cidadans, ademais das accións a nivel individual como consumir menos bolsas de plástico, rexeitar produtos con microplásticos, non tirar lixo no medio ambiente, etc., poden ser parte de campañas de limpeza de praias e de presión (tipo change.org) aos nosos políticos para que tomen medidas.

Dispoñen os centros de investigación de apoio e recursos humanos, técnicos e financeiros suficientes para o reto que teñen por diante?

En xeral a situación da ciencia no estado español e penosa, existe un apoio case nulo. Neste sentido, estamos igual de mal ou peor que o resto. Poderiamos falar case dunha lenta pero progresiva descapitalización tanto no que se refire a persoal como a recursos técnicos.

Os datos son os que son. O noso gasto do PIB en ciencia é a metade doutros socios da UE... e habería que ver os números reais; unha cousa é o que se consigna e outra o que se gasta, ademais doutras maquillaxes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ignoracia do goberno

o gobernó da marea podreira de coruñeda esta en contra da educación da ciencia e da cultura, eles movense na ignorancia, queren xente sin cultura, sin coñecementos para seguir abusando, para seguir desgobernando, non queren cidadans críticos sinon súbditos aborregados... - Moi mala nova que @s traballador@s dos Museos Científicos da Coruña teñan que ir a folga. O Concello non está a facer as cousas ben se non é capaz de atopar unha solución. Todo o meu apoio e ánimo a todo o persoal de Atención ao Públicos dos MC2. Xogámonos 31 postos de traballo mais tamén xogámonos a calidade do servizo prestado por estes espazos que son unha referencia na divulgación científica.