Reducen un 76% as concentracións de radon nun experimento na Universidade da Coruña

Un equipo de investigadores probou durante máis de oito anos, no Laboratorio de Radioactividade Ambiental da UDC, un método de mitigación deste gas canceríxeno. Os científicos presentan agora os "moi bos resultados" conseguidos. Galicia é a autonomía máis exposta ao radon.

Por Alberto Quian | A Coruña | 19/05/2017 | Actualizada ás 09:15

Comparte esta noticia

A exposición ao gas radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron. Por iso o Código Europeo Contra o Cancro, publicado en 2014 pola Axencia Internacional de Investigación en Cancro da Organización Mundial da Saúde (OMS), sinálao como unha das exposicións ambientais a reducir. Dadas as características xeolóxicas do seu solo, Galicia é unha zona de elevada exhalación de radon, que se fai máis manifesta nas provincias de Ourense e Pontevedra, como sinala o Mapa de Radon de Galicia, feito polos profesores de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago (USC) Alberto Ruano Raviña e Juan Miguel Barros Dios, este último, director do Laboratorio de Radon de Galicia e responsable do proxecto. Agora, un experimento desenvolvido nos últimos anos no Laboratorio de Radioactividade Ambiental da Universidade da Coruña (UDC) logrou reducir as concentracións de gas radon nun 76%.

Mapa do radon en Galicia. As zonas vermellas son as máis afectadas
Mapa do radon en Galicia. As zonas vermellas son as máis afectadas | Fonte: USC.

Estas instalacións da UDC acolleron nos últimos dez anos un experimento para desenvolver un método de mitigación de radón nunha sala de medición de laboratorio. "Despois da instalación de diferentes sistemas de eliminación, a concentración de radon diminuíu de maneira moi significativa, ata o valor do 76%", subliñan os investigadores, que consideran que son "moi bos resultados", nun informe publicado agora na revista científica Sensors, no que revelan os detalles e resultados do experimento.

A mitigación do radon converteuse nun obxectivo prioritario en Galicia para evitar problemas de saúde e para evitar que este gas interfira nas medicións radioactivas. De feito, o territorio galego é o máis exposto no Estado a este gas radiactivo e dous de cada 10 domicilios galegos teñen alto risco de concentración de radon.

Por isto, dende 2007 se experimentou coa aplicación sistemas de mitigación nun laboratorio de radioactividade co fin de reducir as interferencias nos diferentes traballos realizados. Os investigadores obtiveron un gran conxunto de mostras de concentración de radon a partir das medicións realizadas no laboratorio. Aínda que se tiveron en conta varios métodos de mitigación, agora explican en detalle a solución final, aplicada dende decembro de 2008.

A SALA

O Laboratorio de Radioactividade Ambiental (LRA) da Universidade da Coruña realiza diferentes traballos relacionados coas medicións radioactivas e a análise dos datos obtidos. Estas tarefas fanse nunha sala específica (sala de medición), onde se atopa todo o equipo utilizado neste estudo, na Facultade de Enxeñería de Ferrol. O laboratorio leva a cabo diferentes estudos sobre a caracterización radiolóxica de mostras ambientais na costa norte de Galicia ou cun acordo específico co Consello de Seguridade Nuclear, nun programa de Monitoreo de Radiación Ambiental, por exemplo, explican os autores do estudo, titulado 'Radon Mitigation Approach in a Laboratory Measurement Room'.

Fotografía da sala de medición de gas radon no Laboratorio de Radioactividade Ambiental da Universidade da Coruña
Fotografía da sala de medición de gas radon no Laboratorio de Radioactividade Ambiental da Universidade da Coruña | Fonte: Sensors, 2017, 17, 1090.

As medicións de caracterización das mostras realízanse nunha pequena habitación na que se detectou unha concentración de gas radon. De feito, esta sala de medición de laboratorio foi elixida porque é unha habitación pequena, pechada e con pouca ventilación, un lugar apropiado onde as concentracións de gas radon poden ser altas.

A sala de medición é de 20 × 60 m2 e aquí se realizan todas as medicións radioactivas e onde se coloca o equipo usado no experimento. A sala atópase dentro do LRA, no segundo piso do edificio. Estça orientada ao oeste e as súas dimensións son, aproximadamente, 3,20 metros de alto, 5,80 metros de longo e 3,55 metros de ancho.

A estrutura do edificio e o piso son de formigón armado con paredes feitas de ladrillos revestidos e pintados. Debido ao gran peso do equipo, foi necesario instalar láminas de aceiro no piso para distribuír o peso uniformemente. Para entrar nesta sala, hai unha porta que se conecta co laboratorio de Química e a oficina. Ademais, hai unha xanela situada na parede oeste onde se instalan os diferentes sistemas de mitigación.

MÉTODO DE MITIGACIÓN

Co obxectivo de reducir a concentración de gas radon e evitar perturbacións no equipo, tivéronse en conta varios métodos de mitigación. A solución aplicada tivo que considerar a construción de limitacións e restricións. Ademais, apuntan os investigadores, debido a que a sala de medición é independente da oficina, a solución aplicada non perturba a contorna de traballo.

A sala de medición está situada no segundo piso e, como resultado, é imposible levar a cabo algúns métodos de mitigación tales como a ventilación baixo o chan. Ademais, explican os científicos, os sistemas de selado e sumidoiro non se poden implementar debido á idade do edificio e porque hai diferentes entradas á habitación. En calquera caso, din, o gas radón entraría na sala de medición a través das gretas.

Porén, a ventilación positiva (ou  ventilación por impulsión) foi a solución elixida debido á súa viabilidade e o seu baixo custo.

A ventilación positiva, dilucidan os científicos, consiste en ventiladores que sopran aire fresco e filtrado na sala de medición mediante presurización para evitar que o radon entre e diluíndoo. Para aplicar esta solución, os investigadores instalaron dous ventiladores e un sistema de aire acondicionado.  Os ventiladores foron instalados para presurizar e diluír gas radon. Tras varias probas, os autores do experimento estimaron que aa instalación de dous ventiladores era necesaria para proporcionar suficiente ventilación. Ademais, instalouse un sistema de aire acondicionado para reducir a humidade do aire, manter a temperatura sobre uns 20 graos Celsius e para climatizar a sala de medición. Ademais, este sistema filtra aire filtrado na sala de medición, contribuíndo á mitigación do radon e a súa estabilidade durante todo o ano. O aire acondicionado, apuntan, era necesario para garantir condicións ambientais constantes. Estes sistemas, engaden, tamén benefician a instalación porque reducen a condensación.

O sistema instaladouse na única xanela da sala. En concreto, os compoñentes utilizados para diminuír a concentración de radon foron ventiladores do modelo HV-230 de S&P, cunha velocidade de rotación de 1250 revolucións por segundo, extracción caudal a alta velocidade de 600 m3 / h e de 450 m3 / h a baixa velocidade, caudal de impulsión de 330 m3 / h. A potencia consumida polos ventiladores é d 34 watts cada un e a fonte de alimentación é de 0,15 amperios. O sistema de aire acondicionado é o modelo PCA-RP50xB7KA de Mitsubishi Electric, para frío, 5 kW e 4300 kCal / h. e para quente, 5,5 kW e 4730 kCal / h.

MEDICIÓNS  E RESULTADOS

Os experimentos comezaron en 2007. Nun primeiro momento, a concentración de radon mediuse en diferentes días para cuantificar o seu nivel, no período comprendido entre o 25 de abril e o 23 de novembro de 2007, pero sen ningunha solución de mitigación.

Logo, desde o 30 de novembro de 2007 ata o 25 de xaneiro de 2008, instalouse un ventilador e realizáronse medicións. O seguinte período de medición foi do 25 de xaneiro ao 1 de decembro de 2008. Durante este período, un segundo ventilador foi instalado e varias medidas foron tomadas con ambos os ventiladores funcionando. A análise da concentración mentres se implementaron as solucións de mitigación revelou que os valores diminuíran.

Despois da instalación dos dous ventiladores, instalouse un sistema de aire acondicionado. Este sistema é o que estivo funcionando até o de agora no LRA, dende o 1 de decembro de 2008, conseguindo un "valor da concentración de radon moi baixo", salientan os seus autores, que inciden en que acadaron "moi bos resultados" con esta solución de mitigación do gas, que conseguiron reducir nun 76%, evitando interferencias nas medicións de laboratorio.

"A ventilación positiva conseguiu bos resultados presurizando a sala de medición e evitando a entrada de radón. Para iso instaláronse dous ventiladores co obxectivo de reducir a concentración de radón a un valor baixo. Ademais, o aire acondicionado contribuíu lixeiramente á mitigación do radón e permitiu un rendemento de condición repetible moi bo para as medicións", conclúen no estudo publicado agora cos resultados dunha década de traballo.

A investigación foi financiada pola Universidade da Coruña e polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. No proxecto colaborou o Consejo de Seguridad Nuclear de España e contou co apoio do Ministerio de Economía y Competitividad, a través da subvención AYA2014-57648-,  e do Goberno do Principado de Asturias, mediante a Consejería de Economía y Empleo, a través da doazón FC-15-GRUPIN14-017.  

Recreación da sala de medición de radon co sistema de mitigación, no Laboratorio de Radioactividade Ambiental da Universidade da Coruña
Recreación da sala de medición de radon co sistema de mitigación, no Laboratorio de Radioactividade Ambiental da Universidade da Coruña | Fonte: Sensors, 2017, 17, 1090.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta