Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/06/2017 | Actualizada ás 13:25
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) denuncia os impedimentos ao labor das e dos informadores por parte dos corpos de seguridade do Estado durante a actuación policial contra a manifestación en contra do desaloxo do Escárnio e Maldizer realizada o pasado sábado en Santiago de Compostela.
O Colexio de Xornalistas tivo coñecemento de numerosas trabas á información producidas no cadro da manifestación convocada este sábado 10 de xuño en Santiago en rexeitamento ao desaloxo do Centro Social Ocupado Escárnio e Maldizer. Así, nun comunicado apunta que, se ben ao longo da marcha os e as xornalistas puideron realizar con normalidade o seu traballo, no momento no que os corpos de seguridade entraron a desaloxar as persoas que ocuparan o patio do antigo Colexio Peleteiro obrigouse a todos os profesionais da comunicación a situarense por tras do cordón policial, nunha posición na que dificilmente podían informar sobre uns feitos que se estaban a producir a case cen metros de distancia e nun espazo non visíbel desde o punto no que se encontraban.
A denuncia presentada por unha xornalista colexiada indica ademais que a reclamación de identificacións ás e aos profesionais da información era continua, mesmo por parte de presuntos axentes que vestían de paisano e que non presentaban ningún tipo de credencial. "Un destes supostos axentes, que se negou en todo momento a identificarse, tentou mesmo arrebatarlle a cámara á denunciante, ela si correctamente acreditada, nunha clara tentativa de coartar o dereito fundamental á liberdade de información", engade.
Ameazas a xornalistas no recollidas en medios
Ademais destes feitos, o Colexio de Xornalistas tivo noticia doutras accións contra o labor das e dos xornalistas que cubrían a manifestacións, como agresións con porras por parte dos corpos antidisturbios, ameazas con sancións administrativas por fotografaren policías ou a imposición do borrado de imaxes a un reporteiro gráfico. Unhas denuncias que, con todo, non se reflectiron nas informacións de vetustos medios de comunicación, especialmente, algún da capital galega que lle adebeda varios meses de soldo aos seus traballadores e que presume de "profesionalidade".
"Independentemente de que algunhas destas accións policiais poidan ou non estar amparadas por lexislacións como a denominada Lei Mordaza, que xa foi criticada polo Colexio de Xornalistas polas súas trabas á liberdade de prensa, a Xunta de Goberno quere denunciar e condenar os impedimentos postos polos corpos de seguridade á labor dos informadores", indica. Así, lembra que o libre exercicio dos e das profesionais da información é un dos alicerces do estado de dereito e as trabas ao seu traballo redundan nun déficit democrático para toda a cidadanía.
"Malestar e preocupación"
A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas xa trasladou ás autoridades o seu "malestar e preocupación" por estes feitos e pide consensuar un protocolo de actuacións que permita que o traballo dos e das comunicadoras se realice con total garantía e liberdade durante calquera tipo de dispositivo policial.
Ademais, o CPXG lembra, "aínda que a Constitución outorga a toda a cidadanía o dereito fundamental a comunicar información veraz e que non é necesario ningún tipo de identificación para exercer a profesión (o uso do chaleco é un acordo entre Interior e unhas asociacións privadas que non obriga a toda a profesión)", a importancia da colexiación como ferramenta para que as e os informadoras estean amparados contra estes e calquera outro tipo de incidentes que dificulten o exercicio do xornalismo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.